A Universidade de Vigo, a través do centro AtlantTIC, participa nun consorcio europeo que busca crear unha nova xeración de tecnoloxías de detección intelixentes, ferramentas que xa forman parte da nosa vida cotiá e que teñen cada vez máis presenza en múltiples ámbitos, como a asistencia sanitaria (máis personalizada) ou as medidas para lograr estradas máis seguras, tanto para peóns como para condutores.
O proxecto en cuestión chámase NextPerceptión e vén da man dun consorcio no que participan os principais actores europeos da saúde, o benestar e a automoción, entre eles a Universidade de Vigo, que porá en xogo a súa ampla bagaxe en investigación 5G. En concreto, a UVigo será a encargada de deseñar novas arquitecturas e tecnoloxías de comunicación e de distribución do cómputo no marco destas novas redes de comunicación.
O responsable do proxecto na institución académica viguesa é o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de AtlantTIC Felipe Gil, quen explica que “o resultado deste traballo busca permitir a creación de novos sensores que capturen un volume maior de información, de xeito que se poida utilizar para implementar novas aplicacións intelixentes que hoxe non son posibles pola falta de datos”. Trátase, explica, de desenvolver a próxima xeración de sensores de percepción intelixentes e mellorar o paradigma de intelixencia distribuída para construír “solucións de monitoraxe versátiles, seguras e proactivas” para cuestións relacionadas coa saúde, o benestar o o ámbito do motor e a mobilidade. O orzamento total do proxecto, que se prolongará ata o 2023, é de 28,7 millóns de euros, dos que a Unión Europea financia 8,7 millóns e o resto corre a cargo dos estados membros aos que pertencen os participantes. En total interveñen 43 socios de sete países liderados polo VTT, o centro de investigación técnica finlandés.
O proxecto Next Perception está a traballar en tres casos de uso cos que poder demostrar a viabilidade do enfoque para resolver estes desafíos. Neste senso o valor do proxecto, a xuízo dos seus impulsores, non está “só no desenvolvemento de plataformas de sensores de toma de decisións proactivas e fiables con intelixencia integrada, senón tamén na súa aplicación nunha serie de casos de uso práctico para chegar a solucións listas para introducir no mercado”. Neste contexto, o primeiro dos casos de uso seleccionados vai dirixido a desenvolver tecnoloxías que poidan medir e facer seguimento da saúde, o comportamento e as actividades, especialmente naquelas persoas que requiren maior atención ou coidados médicos, así como tamén en deportistas de alto nivel.
Os outros dous casos de uso desenvolven solucións que melloran a seguridade do tráfico e abordan desafíos clave especificamente relacionados coa condución automatizada en contornas urbanas e en casos de condicións climáticas desafiantes. O obxectivo principal no caso da monitoraxe do condutor é desenvolver un sistema que poida detectar tanto o estado cognitivo do condutor como as súas emocións. Ademais, tamén fará control da intención do condutor (xirar á esquerda ou á dereita), así como as súas actividades e posición no vehículo, abranguendo o comportamento dos restantes ocupantes. Toda esta información empregarase para funcións de condución autónoma, incluída a asistencia ao condutor.
O terceiro caso de uso busca mellorar a seguridade e a comodidade de todos os usuarios da estrada, incluídos peóns e ciclistas, nas interseccións. Neste caso a principal finalidade é ser capaces de detectar a presenza dos diferentes elementos que interveñen no tráfico, determinar as súas posicións con alta precisión e rastrexar o seu movemento e intención cun alto grao de fiabilidade. Neste proxecto participan tres tipos de socios: por unha banda, empresas, tanto grandes (NXP e Bosch) como pequenas, que serán as encargadas de levar ao mercado os sensores e os servizos asociados a eles; por outra banda, centros de investigación especializados (universidades e centros tecnolóxicos como o propio VTT) e starpups que desenvolven novos sensores e tecnoloxías e, por último, usuarios finais que axudarán a validar os resultados.
Ademais da Universidade de Vigo, desde España participan no proxecto o CSIC (a través do Centre for Automation and Robotics, CAR), as empresas Seven Solutions, Evotel e HI Iberia e a Universidade de Lleida que, a través da súa Facultade de Enfermaría, se encargarán de validar o caso de uso de monitoraxe de benestar e saúde.