Esta finde, o sábado 10, imos ter na Coruña unha oportunidade de ver tecnoloxías, falar delas e mesmo facelas. O motivo? A celebración, na Domus, da feira OSHWDem (Open Source Hardware Demonstration), un cita para xente de todas idades sobre tecnoloxías abertas cuxo programa contará con demostracións de aparellos e programas open source, competicións de robots de todos os niveis desenvolvemento e máis obradoiros e charlas sobre estas tecnoloxías. A feira, que vén da man de Bricolabs, chega este sábado á sétima edición. A entrada será libre e gratuíta.
Novamente un dos grandes piares da cita será a súa vertente divulgativa e lúdica, de onde abrolla algúns dos seus principais puntos fortes, como por exemplo as competicións de robótica, nas que o público poderá ver combates de robots autónomos ou como os robots son capaces de descubrir en tempo récord a resolución de desafíos de envergadura, como a saída de labirintos. En termos máis concretos, o programa de actividades inclúe cousas tan interesantes como un reto Clonewars ou (previamente) un obradoiro de construción do robot velocista Cyclops, que se celebrou o 6 de outubro, tamén no Domus, e que xirou arredor de Cyclops, o proxecto open source de Rubén Espino.
Como dixemos, a OSHWDem está organizada por Bricolabs, unha asociación que traballa de maneira horizontal e colaborativa no deseño, construción e testeo de proxectos, prototipos e aparellos, e en cuxa metodoloxía de traballo “non importa tanto o que cada persoa sabe, senón a súa motivación”. A OSHWDem, que conta co apoio do Concello da Coruña a través de Museos Científicos, ten unha web propia con toda a información, de gran utilidade para facermos calquera tipo de consulta sobre o programa.
A OSHWDem, para quen non o saiba, é unha feira de tecnoloxía onde se expoñen inventos cun nexo común: todos eles son proxectos libres, é dicir, que as súas especificacións, esquemas e código foron publicados, de maneira que calquera poida estudalos, entender o seu funcionamento, replicalos e mesmo melloralos. A idea de Bricolabs é que os enxeños en exposición non deixen a ninguén indiferente ao tempo que abranguen (no plano temático) calquera ámbito de actuación que se nos ocorra: novas tecnoloxías, robótica, arte, Internet das Cousas, electrónica, hardware, software, etc.
Cifras e fitos
Dende a súa posta en marcha, a feira deu acollida a máis de 8.000 asistentes e viñeron a expor os seus proxectos libres (ou colaborado) máis de 1.230 argalleiras e argalleiros da comunidade de hardware e software libre. A entrada é libre e de balde, para todos o públicos.