O mércores por a mañá no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre Telefónica e La Voz de Galicia organizaron unha xornada sobre innovación formativa no contorno dixital co que buscaban salientar o potencial dos MOOC (cursos en liña masivos en aberto) para a educación do futuro, repasando tanto o estado actual do e-learning como dando conta das oportunidades que aínda poden abrir estas tecnoloxías, especialmente en linguas distintas do inglés, onde queda moito por facer.
Abriu o encontro Manuel Alonso, director de Administracións Públicas Norte de Telefónica, a quen seguiu o consultor de formación da UOC, Toni Ramos, que foi o encargado de introducir aos presentes no concepto dos MOOC e no aproveitamento destas plataformas que fan dende a Universitat Oberta de Catalunya como unha fiestra ao mundo con contidos de balde que poden atraer a futuros alumnos a mestrados, de xeito que é un investimento que xustifica que numerosas entidades educativas de todo o mundo faciliten a formación en liña de balde na procura de rendementos económicos posteriores comercializando outros produtos ou, simplemente, mediante a oferta de certificacións da formación recibida.
Aínda que as plataformas de MOOC máis populares a nivel mundial son Coursera e EdX, Alonso asegurou que o idioma pode ser un atranco, de aí que escollesen como solución tecnolóxica a de Miríada X, que actualmente é líder mundial en fala non inglesa, o que confirmou Ángel González de la Fuente, responsable desta iniciativa promovida por Telefónica Educación Digital e Universia, que actualmente conta con máis de 3 millóns de alumnos, 2.300 profesores, 95 universidades, 580 cursos e máis de 12.000 horas de aprendizaxe dispoñibles, confiando en que estas cantidades medren de xeito importante nos vindeiros anos ante a popularidade que está a conseguir a formación en liña.
Motivar aos alumnos para completar os cursos en plataformas como Miríada X pode ser todo un reto, pero Ángel González considera que os resultados que están a acadar son moi bos, e destaca que este tipo de solucións educativas están mellor axustadas ás demandas do mercado que a formación regrada tradicional, para o que destacou o caso de Udacity, que consegue dar formación especializada en pouco tempo, de xeito que as empresas xa atopan a profesionais listos para traballar nos ámbitos que demandan, en vez de enxeñeiros que precisan de longos tempos de adaptación tras a súa formación académica. Amais, estas tecnoloxías facilitan a reciclaxe constante, de xeito que prevén que mude o xeito de enfocar a educación no futuro. González adiantou que dende Miríada X teñen previsto ofrecer certificacións oficiais dos seus cursos en liña a partires do ano que vén, para o que sería preciso superar certas probas, o que podería dar un importante empurrón a este modelo educativo, xa que os alumnos terán un xeito fiable de demostrar os coñecementos adquiridos, e en moitos casos incluso poderían convalidalos con, por exemplo, parte dos créditos dun mestrado presencial.
Para rematar a quenda de relatorios a especialistas en e-learning da USC, Carmen Fernández Morante, fixo un repaso do ensino electrónico, salientando as súa vantaxes (como a democratización do acceso ao coñecemento) e insistindo nas súas eivas, que parten en boa medida das inercia que teñen as entidades educativas actuais. Considera así que é preciso pasar dunha formación pasiva a unha interactiva, e subliña que o coñecemento non só hai que transmitilo, senón que hai que experimentalo mediante a colaboración. Non esqueceu facer un repaso de casos de éxito galegos, como Aula CESGA ou Netex.
Tras as charlas, celebrouse unha mesa redonda cos tres relatores, moderada polo director de La Voz de Galcia, Xosé Luís Vilela, quen rematou dando paso á clausura da xornada, que correu da man da directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, e do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González.