Este martes presentouse no consistorio de Carballo a nova edición dun festival que se sitúa a medio camiño entre o dixital e o audiovisual (pero collendo ambos mundos por enteiro) e que constitúe xa un referente consolidado en todas as conversas de creadores e seareiros de contidos en liña arredor, precisamente, dos contidos en liña. Falamos do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que chega a súa cuarta convocatoria entre os días 4 e 6 de maio coa vontade firmemente renovada de encher a vila galega de youtubers, webseries, estreas, vídeo conferencias e conversas arredor dos novos carreiros que está a seguir o pulo creativo audiovisual. Segundo se fixo saber na presentación, todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto até completar aforo. “A nosa intención”, sinalaron, “é converter de novo Carballo na capital da cultura dixital global”.
No acto participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira; a coordinadora de actividades do Interplay, María Yáñez; e a directora do certame, Sonia Méndez. O CIP, engadiron, amosará este ano “unha selección do máis creativo que hai a nivel internacional no mundo dos contidos dixitais”. Todas/os coincidiron en salientar, ademais, que a vila bergantiñá atesoura potencial para o devandito e para aínda máis, sobre todo tendo en conta a traxectoria do propio certame de webseries, pioneiro a nivel estatal na súa temática, referente no dito ámbito e sempre tentando pór o seu punto de mira un pouco máis por diante do que permite o tempo presente e o futuro inmediato. De feito, na presentación fíxose saber que este ano refórzase a arela de “avanzar un paso máis e explorar os formatos máis diversos e os contidos dixitais máis innovadores cun completo programa de actividades que encherá a vila de proxeccións, de debates, de vídeo conferencias e de conversas sobre o presente e o futuro dos contidos para Internet”.
A coordinadora de actividades do evento, María Yáñez, debullou o programa do IV Carballo Interplay, con propostas “para públicos de idades e gustos diversos e onde as mulleres creadoras terán un importante protagonismo”, informou, engadindo que participarán no CIP Soy una pringada, unha anti-youtuber vasca con máis de 80.000 subscritores, e Carolina Iglesias, guionista e comediante coruñesa que ten máis de 30.000 seareiros na súa canle, Percebes y grelos. Trátase, sinalou Yáñez, de “dúas voces diferentes que reivindican o seu particular humor e creatividade, nun panorama superpoboado de contidos sobre moda, beleza e videoxogos”.
Asemade, a coordinadora de contidos sinalou que “tamén haberá un oco para o feminismo, a familia e a cultura popular en Youtube”, da man da guionista e xornalista Isa Calderón, creadora das Reviews fuertecitas, coas que “despelexa películas desde unha óptica feminista e humorística”, e de Los Prieto Flores, “unha extensa tribo familiar que ofrecerá no Interplay un show ao vivo recreando o salón da súa casa”.
O sábado pola mañá falarán dos avances en contidos audiovisuais Mafalda González-Alegre (de Flooxer, o escaparate do talento dixital de Atresmedia), Borja Prieto e Natalia Flores (da axencia creativa Está pasando) e Teresa Segura e David Sainz (da produtora Different Entertainment). Despois, o CIP afondarán nos “camiños que unen a televisión convencional coas narrativas dixitais” da man dos community manager de Land Rober (Javi Mos, que coordina unha comunidade de máis de 100.000 usuarios) e Luar (Pilar Rodríguez, encargada de conversar cuns 30.000 usuarios), e máis de Miguel López, El Hematocrítico, colaborador habitual de medios como Atresmedia, El Diario, Mongolia ou Cinemanía.
De Internet como plataforma para dar o chimpo á TV falarán Rubén Ontiveros, pioneiro do mundo webserie, na súa clase maxistral sobre o Humor na Rede, na que fará un percorrido polos diferentes formatos da comedia e analizará as posibilidades que dá Youtube de experimentar co humor. Ontiveros foi o creador de Que Vida Más Triste, a primeira webserie do ámbito estatal, e traballou como guionista de programas como Vaya Semanita, Homo Zapping ou La Hora de José Mota.
Pola súa banda, a compañía de teatro Chévere, recentemente galardoada co Premio Nacional de Teatro, celebrará o seu 30º aniversario no Carballo Interplay, repasando a súa historia a través do seu código fonte audiovisual, en palabras dos organizadores do certame “un formato híbrido entre conferencia e proxección polo que xa pasaron Xosé Antonio Touriñán, Belén Regueira e os guionistas máis coñecidos e recoñecibles da televisión galega, os Zopilote”. Ademais, os “padriños” do Carballo Interplay, David Sainz e Teresa Segura, presentarán a longametraxe Fogueo, en palabras dos organizadores do festival “unha película pequena que quere demostrar que o importante cando se queren facer cousas é, precisamente, facelas”. A outra estrea mundial do CIP 2017 é Peter Brandon, coa que os Porco Bravú gañaron o premio ao mellor proxecto de webserie en galego na pasada edición do festival.
O prazo para presentar achegas
Sonia Méndez recordou que o prazo para presentar proxectos de webserie en galego está aberto até o 17 de abril. O premio é de 1.500 euros e a produción gañadora decidirase nun pitching no propio certame. Tanto o alcalde como o concelleiro recordaron que o festival é “un referente de novas maneiras de crear e de difundir contidos” e que o seu recoñecemento dentro e fóra de Galicia reforza “o liderado creativo de Carballo” .