- A inauguración contou coa presentación dunha innovadora APP para o alumnado e unha conferencia do director do Ceapat, Miguel Angel Valero
As Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal) inauguraron oficialmente o novo curso cun acto oficial celebrado no auditorio de Afundación de Santiago de Compostela. Nel presentáronse todas as novidades da entidade para o ano académico 2017-2018. Entre elas, unha innovadora aplicación para móbil, deseñada exclusivamente para Ategal pola empresa Tesla&Technologies, unha rolda de prensa institucional e a conferencia do director do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas do Imserso (Ceapat) Miguel Ángel Valero sobre ‘cidades amigables', rede á que pertence, desde hai un ano, Santiago de Compostela.
Ao evento asistiron preto de 300 persoas das 1.200 que forman o alumnado das nove sedes galegas de Ategal nas que aínda está aberto o prazo de inscrición para calquera dos seus cursos, obradoiros e actividades. De feito, o novo curso empeza cunha grande novidade: novas instalacións, con aulas específicas e de maior espazo, así como unha ampliación na oferta de materias, obradoiros e actividades presenciais e dixitais.
“Temos un espectacular aumento da demanda nos cursos para persoas maiores da internet, móbil e tablets” subliña a vicepresidenta de Ategal, Paula Sande que lembra que a entidade engade este ano ás súas posibilidades de elección de formación e participación, varios proxectos para o seu alumnado como Neuron_Up de estimulación cognitiva en liña e con móbiles; Smart Ategal Ageing on Way de formación e uso de móbiles para maiores; Active post workin life ou encontros senior, e Simpático, incluído no plan europeo H2020 no que é socio a Xunta de Galicia e a Universidade de Deusto.
Todo isto compleméntase, sinala, “coas actividades, obradoiros e cursos que ofrecemos en saúde, cultura e formación” como ioga, pilates, taichí, ximnasia, estimulación cognitiva, piscina; educación para a saúde, antropoloxía, arte, historia, literatura, inglés, francés e coro, música instrumental ou pintura.
Apoio oficial
A nivel institucional acudiron á inauguración a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social da Xunta, Fabiola García; o presidente de Ategal, Anxo Fagilde Trabada; o presidente de honra de Ategal, Rafael Romero Valencia e a concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago de Compostela, Concepción Fernández.
Aplicación exclusiva
Outra gran novidade para este curso é unha aplicación para o teléfono móbil que servirá á entidade e alumnado para comunicarse e relacionarse entre si e co resto da sociedade. Esteban Vázquez, representante de Tesla &Technologies, a empresa que a deseñou e puxo en marcha exclusivamente para Ategal, presentouna no acto de inauguración do novo curso destacando que servirá “non só para aprender, para estar informado e conectado”. Matizando que “conectados, pero non sós” pois a App, explicou, “funcionará ademais como punto de encontro e lugar de referencia”. Esta aplicación, que se manexa como unha plataforma tipo whatsapp, aínda que máis completa, sinxela e intuitiva, terá unha parte privada do alumno e outra pública á que pode acceder calquera persoa para coñecer a entidade, as súas actividades, novidades, etc. A parte privada contén varias seccións con horarios, notificacións, información de todo tipo dos obradoiros, materias e actividades, fotos e información que permitirá a Ategal e o seu alumnado estar en contacto permanente e interactuar en todo momento e respecto de todo o necesario.
Cidades amigables
Pola súa banda, Miguel Angel Valero Duboy, director do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas do Imserso (Ceapat) inaugurou o curso coa conferencia “Que é para ti unha cidade amigable?” na que relacionou envellecemento activo coa transformación das propias cidades: “se a persoa maior se move, en todos os sentidos e non só o físico, a cidade avanza, mellora e transfórmase”. Valero lembrou que envellecer, como é natural, diminúe as nosas capacidades físicas, sensoriais ou cognitivas. Pero, se existe unha contorna “amigable que promova a actividade física e funcional, que potencie a participación individual e colectiva” a capacidade funcional, asegurou, “diminúe menos” e permítelle ademais, á persoa maior, “ter un enfoque proactivo co que atender as súas necesidades nesta nova etapa vital”. Valero puxo o exemplo de Santiago de Compostela que, como todas a cidade amigables, debe atender ditas necesidades como ofertar servizos específicos para as persoa maior: “iso é un avance cara a unha cidade amigable” dixo.