A Universidade da Coruña habilitou diversos espazos de acceso á Rede sen fíos (Wi-Fi) para que o alumnado universitario con dificultades de acceso a Internet poida realizar os seus exames online nas instalacións dos seus campus, doutras universidades e nas aulas da Rede CeMIT que a Xunta ten en diversos concellos galegos. O obxectivo é que o alumnado poida acudir, previa solicitude, aos espazos acondicionados no Centro Universitario de Riazor (Campus de Riazor); no Edificio Xoana Capdevielle (Campus de Elviña) no Edificio de Apoio ao Estudo (Campus de Esteiro-Ferrol).
A UDC lembra que as súas instalacións estarán dispoñíbles para o alumnado propio pero tamén para o procedente das universidades de Santiago de Compostela, Vigo, Cantabria, Castilla-La Mancha, Extremadura, Les Illes Balears, La Rioja, Oviedo, País Vasco, Pública de Navarra, Zaragoza, Burgos e Valladolid. O alumnado da UDC, residente preto dos campus de Compostela e de Lugo poderá, así mesmo, acudir aos espazos Wi-Fi da USC, por un acordo entre ambas as dúas universidades. Os espazos dispoñíbles están na Sala Norvet na Facultade de Veterinaria (Campus de Lugo) e na Sala de lectura da Facultade de Dereito (Campus de Santiago). A UDC subscribiu tamén un acordo coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para que o alumnado universitario poida realizar os seus exames online nas aulas da Rede CeMIT, integrada por 98 espazos de dinamización dixital de 53 comarcas de Galicia. A ocupación das aulas será por orde petición, ata completar aforo.
Así mesmo, o reitor da UDC, Julio Abalde, asinou un convenio co grupo G-9 de universidades que integra os campus de Cantabria, Castilla-La Mancha, Extremadura, Les Illes Balears, La Rioja, Oviedo, País Vasco, Pública de Navarra e Zaragoza, para que o alumnado da UDC que resida preto destas universidades poida usar as súas instalacións para a realización de exames online. Ademais, sumáronse a este convenio as universidades de Burgos e Valladolid. As e os estudantes destas universidades poderá á súa vez acudir á UDC previa solicitude na súa universidade de orixe.