A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), impulsa a terceira edición do coworking de Santiago, a aceleradora de proxectos localizada no espazo habilitado pola Xunta na Cidade da cultura, onde os emprendedores contarán con asesoramento e titorías personalizadas. O prazo para a solicitude de inscrición polos emprendedores que desexen participar nesta aceleradora está aberto ata o próximo 10 de febreiro.
Os emprendedores que desenvolveron os seus proxectos na anterior edición deste espazo coworking, no que xa se aceleraron máis de corenta proxectos apostaron por actividades baseadas nas TIC para empresas de artesanía, do téxtil, de servizos e recursos educativos, de turismo activo, de teatro, ou de industria musical, entre outras.
As iniciativas de coworking teñen como obxectivo prioritario acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, aumentando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, neste caso de Santiago, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.
Ao abeiro desta iniciativa, os emprendedores de Santiago seguirán dispoñendo de diferentes servizos de formación, asesoramento e aceleración para os proxectos, así como de instrumentos de apoio para poñelos en marcha, aos que se poden acoller os emprendedores tras rematar o seu período formativo.
No marco da actuación de aceleración de proxectos empresariais impulsada polo Igape e a EOI, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, está aberta a convocatoria da terceira edición dos espazos coworking en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Monforte, Mondoñedo e Celanova, ademais de en Santiago. En cada unha destas sedes desenvolverase a terceira edición, que durará 5 meses, e poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos seleccionados, cun máximo de 22 proxectos por cada sede e convocatoria.
Ademais das axudas directas habilitadas a través de programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende –que se vai activar de inmediato–, os promotores de novos proxectos empresariais poden acceder este ano aos novos préstamos directos habilitados polo Igape a través da nova liña IFI Emprende, no marco do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou ao financiamento a fondo de capital Risco Galicia Iniciativas Emprendedoras, que coordina XesGalicia.
Ao amparo do Programa Galicia Emprende 2017, a Xunta vén de resolver a concesión de axudas directas por máis de 2,8 millóns de euros para apoiar 72 proxectos empresariais de emprendedores, autónomos ou empresas de recente creación. Os proxectos aprobados, que levan asociada a creación e mantemento de 175 empregos, prevén a mobilización de máis de 8 millóns de euros en investimentos.