O Concello de Santiago vai organizar en clave virtual a nova edición da feira de emprego Talentia Summit 2020, a finais de novembro e contando con máis de mil prazas de formación. Amais, o Goberno local fixo saber que participarán máis de 100 empresas. Alén das sesións online, que serán o groso do programa, convocaranse sesións híbridas emitidas por streaming para as poucas actividades que requiran asistencia en persoa.
A nova edición de Talentia Summit ten como obxectivo propor “unha alternativa sólida para a reconstrución económica baseándose nos alicerces da innovación e o talento e, á vez, xerar oportunidades que permitan conectar o talento humano coas organizacións e entidades que actúan como potenciais empregadoras”. Ofrecerá, ademais, formación continua de balde para a mellora da empregabilidade da cidadanía.
O Concello lembra que esta edición conta cos mellores precedentes, entre eles o éxito de participación das edicións anteriores, nas que participaron arredor de 5.000 persoas. “Nesta edición”, engade a organización, “reuniráse de novo a importantes autoridades institucionais, a destacadas empresas, a conferenciantes de renome, e a centos de persoas que pretenden impulsar o seu perfil profesional ou procuran novas oportunidades laborais”. As persoas que se inscriban e/ou participen en Talentia Summit ‘20 poderán presentarse ante os responsables de recrutamento de empresas; acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas; asistir a conferencias, obradoiros ou webinars; e outras moitas actividades que as axudarán na mellora das súas competencias profesionais.
Está previsto que a principios de novembro se abra o prazo para reserva de prazas a través da web de Talentia Summit ‘20.