O acubillo dixital de lembranzas da provincia de Lugo, Memoria Dixital de Lugo, vai coller pulo con máis información e máis presenza na vida en liña dos internautas. Así nolo vén de certificar a Deputación de Lugo, que se comprometeu este venres 9 de setembro a impulsar con varias medidas (contidos, servizos, promoción, participación) o devandito banco audiovisual de recordos.
As medidas foron dadas a coñecer na Pontenova, polo presidente da Fundación TIC e da Deputación de Lugo, Darío Campos. Segundo fixo saber, “abrimos a toda a sociedade lucense este arquivo, pioneiro na nosa provincia, que tivo como xerme un programa destinado exclusivamente aos maiores de 55 anos”.
Campos engadiu que esta nova andaina arrinca con novos contidos e cunha páxina Memoria Dixital Lugo, explicou, inclúe vídeos, arquivos de son, fotografías antigas e diversos documentos dirixidos a achegar un máis amplo coñecemento “da nosa historia recente”, sobre todo “a da primeira metade do século XX”. E engadiu: “Será un legado para as vindeiras xeracións, tanto para os lucenses como para os investigadores e os amantes da historia en xeral”.
Na presentación proxectáronse varios exemplos destes “recordos” dixitalizados e inmortalizados. Ademais, o presidente provincial partillou cos veciños que asistiron ao acto a navegación pola devandita páxina, “moi doada de empregar”, a través de computadores táctiles. Segundo engadiu con vistas ao futuro, a intención é ampliar o banco con máis testemuños individuais que axuden “a conservar para as vindeiras xeracións o mellor tesouro dun pobo: a súa memoria colectiva”. O presidente da Fundación TIC animou a todos os lucenses, e tamén aos concellos, ás asociacións e aos centros de maiores da provincia a que “contribúan a crear este banco de recordos”. Para facelo, poderán achegarse á sede da Fundación TIC, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, ou chamar ao teléfono 982 284 6 67. Tamén poderán enviar a súa propia gravación ou fotos e documentos escaneados ao correo maiores@fundaciontic.org.
A maiores desta iniciativa de recollida, os profesionais e estudantes da Fundación desprazaranse por toda a provincia para atender as solicitudes dos concellos e dos colectivos. Contarase para isto cunha equipa de titulados da Escola de Imaxe e Son, que non só organizarán os encontros e gravarán os testemuños senón que tamén terán ocasión de “ensinar aos participantes a gravarse a si mesmos co móbil e enviar o vídeo por correo electrónico ou a escanear unha foto”. Neste senso, o obxectivo da Deputación é establecer unha canle dixital de colaboración e intercambio de coñecemento entre diferentes xeracións. Todo o material obtido publicarase na web memoriadixitallugo.es, en palabras da entidade provincial “unha páxina especialmente deseñada para esta nova etapa”. Está artellada nos seguintes bloques: recordos, voces, imaxes e experiencias. Ademais, os testemuños distribúense en apartados relativos á nenez, mocidade, matrimonio, emigración, traballos e vida no rural, feiras e festas, Lugo máxico e outros recordos.