main content

main content
24/10/201807:10
Muller de costas usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta participa nunha investigación sobre o emprego de novas tecnoloxías na atención a mulleres inmigrantes vulnerables

  • A proposta consistiu en reforzar a atención persoal nas terapias psicosociais mediante o envío de mensaxes de telefonía móbil a 75 mulleres que formaron parte desta experiencia piloto
  • A investigación, na que tamén están implicadas as universidades estadounidense de Berkeley e a portuguesa de Coimbra, constata un impacto positivo xeneralizado no grupo obxecto do estudo
  • Arturo Parrado destacou que esta liña de traballo pode contribuír a mellorar as oportunidades de inclusión, pero defendeu a súa valía como complemento e reforzo do trato persoal
  • Este recurso debe ser complementario ao trato persoal

 

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, acudiu hoxe na Escola Galega de Administración Pública (Egap) á presentación das principais conclusións dun proxecto de investigación sobre as vantaxes da utilización dos teléfonos móbiles nas terapias psicosociais, e o seu funcionamento como reforzo á intervención que realizan os traballadores sociais. Trátase dun estudo de carácter internacional liderado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa participación das de Coimbra e California-Berkeley, e no que a Administración autonómica colaborou coa selección das 75 mulleres inmigrantes beneficiarias dos servizos sociais comunitarios que participaron na intervención, todas elas residentes nos municipios de Santiago, Ames, Teo e Negreira.

A tenor dos resultados, Arturo Parrado indicou que este tipo de terapias a través de SMS evidencian un impacto positivo xeneralizado nas mulleres que participaron nesta experiencia piloto, constatando que durante o período que recibiron o tratamento a súa evolución foi moi favorable. De feito, a maioría das mulleres manifestaron que as mensaxes melloraron o seu estado de ánimo (83,3%), que as fixo sentir máis conectadas coa súa contorna social (65,9%) e que lles gustaría seguir recibindo máis mensaxes (86,6%).

Ademais, o director xeral comprometeu o apoio do seu departamento a esta liña de investigación ao considerala “unha oportunidade de innovación social que pode contribuír a mellorar as posibilidades de inclusión das persoas en situación de vulnerabilidade”. En todo caso, matizou que se trata dun recurso que debe ser complementario ao trato persoal, insistindo en que “o principal valor desta terapia é ofrecer unha opción innovadora de reforzo das intervencións dos profesionais dos servizos sociais”. Nesta liña, engadiu que esta investigación “abre novas vías de apoio ás persoas usuarias dos servizos sociocomunitarios pero o contacto humano segue tendo unha importancia esencial nesta terapia, que debe ir sempre precedida e acompañada de entrevistas persoais, chamadas telefónicas e visitas domiciliarias, entre outras accións”, apuntou.

O estudo prolongouse durante 26 días durante os cales as mulleres participantes recibiron catro mensaxes de texto automáticos diarios no seu teléfono nun horario predeterminado. Estas mensaxes serviron para medir os síntomas de estado de ánimo e depresión tanto ao inicio como ao final do estudo en función das respostas obtidas. Para iso, as contestacións rexistradas clasificáronse en catro grandes troncos temáticos. O primeiro deles centrouse no pensamento, con comentarios sobre mellorar o seu estado de ánimo; o segundo na organización e planificación da vida cotián; o terceiro cinguiuse á cuestións relacionadas co acompañamento e a mellora das relacións familiares e sociais; e o cuarto e último versou sobre hábitos saudables. Así as cousas, a investigación determina que as mensaxes de texto incrementan a adherencia aos consellos, orientacións e tarefas asignadas como complemento dunha intervención psicoterapéutica ‘faciana a faciana’.

Este é un proxecto desenvolvido por un equipo universitario que ten como investigadora principal a Iolanda García, graduada en traballo social e actualmente vinculada ao departamento de Ciencias da Comunicación da USC. Os outros membros do equipo son Carlos Ferrás, profesor de Xeografía Humana da USC; Adrián Aguilera, profesor de Psicoloxía Clínica da Escola de Benestar Social da Universidade de Berkeley-California; e Álvaro Rocha, profesor de Enxeñería Informática da Universidade de Coimbra. Ademais, esta intervención levada a cabo en Galicia partiu das experiencias previas levadas a cabo no hospital de San Francisco, que foi onde se desenvolveu por primeira vez a terapia cognitiva e de conduta a través de mensaxes de teléfono móbil. Esta acción estivo dirixida inicialmente a mulleres en situación de risco ou depresión.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS