O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou na rolda de prensa do Consello a remisión ao Consello Consultivo dun novo decreto que garantirá que todos os polígonos industriais públicos novos ou ampliados se constrúan co equipamento necesario para o acceso á Internet.
Feijóo subliñou que ao remate deste ano, 81 polígonos terán acceso a redes de ata 350 megas que, sumados aos que xa contaban con este tipo de acceso á Internet, farán posible que se chegue a máis do 93% da superficie empresarial ocupada.
Este decreto, que fixará os criterios de deseño e dimensións que deben cumprir as infraestruturas de telecomunicacións e de soporte, para que se instalen de xeito homoxéneo e con seguridade, permitirá despregar redes ultrarrápidas cunha axilidade moito maior, trámites administrativos máis sinxelos e menores custos.
Ao longo da rolda de prensa, o titular da Xunta aseverou que ter unhas boas infraestruturas de telecomunicacións fará máis atractivos os parques empresariais e facilitará a captación de novos investimentos industriais en Galicia. Un obxectivo que coincide co fin que se marca a nova Lei de implantación empresarial, que simplifica os trámites para os proxectos empresariais e para acceder a solo industrial; ou a figura dos Concellos Emprendedores.