main content

main content
19/02/201810:02
Presentación do Plan de Banda Larga en Lugo.
Lugo

A Xunta e o Estado teñen en marcha actuacións para mellorar o acceso a internet na provincia de Lugo

  • A directora Amtega e o delegado da Xunta reuníronse con representantes da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para abordar a situación do acceso á rede na provincia
  • Nos vindeiros dous anos ata 20.000 veciños de 22 concellos lugueses terán cobertura de redes de máis de 30 Mbps, grazas ás medidas do Goberno estatal
  • A Xunta porá en marcha este ano outra medida do Plan de Banda Larga 2020 para levar redes ultrarrápidas a núcleos de menos de 150 habitantes en toda Galicia
  • Ámbalas Administracións están a investir 35 millóns de euros para subvencionar os despregamentos en zonas non rendibles para os operadores
  • A Xunta lembra que a evolución das redes inalámbricas será clave para mellorar a calidade de acceso a Internet nas zonas con maior dispersión poboacional e que é a única tecnoloxía que posibilita o incremento da cobertura móbil
  • Instaláronse 253 torres de telecomunicación en practicamente todos os concellos de Lugo, que facilitaron a chegada da tecnoloxía 4G

 

A Xunta de Galicia e o Goberno do Estado teñen en marcha diferentes actuacións para impulsar a extensión de redes ultrarrápidas na provincia de Lugo. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para expoñerlles as medidas en marcha, a situación actual na provincia e recoller as súas demandas respecto á cobertura de internet.

A directora da Amtega explicou aos veciños que as Administracións públicas subvencionan a extensión de infraestruturas en zonas brancas, é dicir, en zonas nas que non existe cobertura nin previsión de tela.

Neste sentido indicou que neste momento a Xunta e o Estado teñen en marcha medidas complementarias para impulsar os investimentos dos operadores de telecomunicación en redes utlrarrápidas, das que se beneficiará a provincia.

 

Extensión de redes ultrarrápidas

Durante os vindeiros dous anos, o Estado investirá 21 millóns de euros para facilitar o acceso de internet de máis de 30 Mbps en toda Galicia. Na provincia de Lugo beneficiaranse desta medida 20.000 habitantes de 22 municipios lucenses. Cómpre destacar que o Estado ten previstas novas convocatorias de axudas.

Ademais, a Xunta investirá máis de 14 millóns de euros para levar estas redes ultrarrápidas a núcleos de menos de 150 habitantes en toda Galicia. Vén de pecharse a convocatoria de axudas ao operadores e coñecerase os lugares exactos unha vez se resolva a concesión destas axudas.

Por outra banda, tras a adxudicación de frecuencias na banda de 800 Mhz aos operadores do denominado dividendo dixital, o Estado ten a potestade de obrigalos a alcanzar unha cobertura de redes de 30 Mbps ao 90% do poboación que reside en núcleos de menos de 5.000 habitantes a finais de 2019. Actualmente está en proceso de tramitación o plan a executar por estes operadores para proporcionar a cobertura comprometida.

 

Evolución das redes inalámbricas, clave para as zonas con máis dispersión

Cómpre ter en conta que en Lugo existen case 10.000 núcleos de poboación, un 13% do total de España e que a poboación media destes núcleos é de 34 habitantes, fronte á media estatal de 600 habitantes por núcleo e a galega de 89 habitantes por núcleo.

Esta dispersión dificulta en gran maneira o despregamento de redes fixas, máis aínda que en calquera outra provincia de Galicia, facendo que a evolución das redes inalámbricas sexa especialmente relevante nesta zona, ademais de ser a única solución tecnolóxica que posibilita tamén a cobertura de móbil.

 

Melloras do I Plan de Banda Larga
A directora da Amtega lembrou que a Xunta vén impulsando os despregamentos de redes de telecomunicación desde 2010. O I Plan de Banda Larga actuou en máis de 5.000 núcleos, maioritariamente con redes inalámbricas instalando 253 emprazamentos repartidos entre 65 dos 67 concellos da provincia de Lugo. Estes despregamentos facilitaron a chegada do 4G permitindo que, a día de hoxe, preto do 83% da poboación dispoña de acceso a Internet a través desa tecnoloxía e se mellorase a cobertura de móbil en todas esas zonas.

Ademais, leváronse a cabo tres convocatorias de axudas para a contratación da internet satélite de polo menos 2 Mbps dirixidas aos cidadáns que non podían acceder a internet a través de ningunha outra tecnoloxía, da que se beneficiaron máis de 2.000 familias galegas.

 

Actuacións de banda larga ultrarrápida ata 2020

Mentres que o obxectivo principal do I Plan de Banda Larga era que todos os galegos tivesen acceso a Internet, o obxectivo do Plan de Banda Larga 2020 é incrementar a calidade das conexións, estendendo redes ultrarrápidas na Comunidade.

As actuacións comezaron en 2016 mellorando a cobertura dos polígonos e este ano un total de 14 polígonos industriais da provincia de Lugo terán acceso a redes de ata 350 Mbps.

En 2017 a Xunta lanzou una convocatoria de axudas para empresas illadas cun investimento de preto de 400.000 euros para dotar de banda larga de ata 350 Mbps a máis de 30 empresas das cales 10 estaban na provincia de Lugo.

Ademais, en colaboración o Estado estase a desenvolver o Programa Escolas Conectadas: para dotar de redes de máis de 100 Mbps a todos os centros educativos públicos de primaria e secundaria.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS