main content

main content
24/04/201808:04
1 mes 1 profesión dixital
Santiago de Compostela

A plataforma GaliciaLe, para o préstamo electrónico nas bibliotecas, incorpora á súa oferta un catálogo audiovisual

  • Documentais, películas de animación e longametraxes de ficción conforman os 77 filmes cos que se enriquece este servizo promovido polo Goberno galego a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia
  • Nos últimos seis meses incorporáronse á colección preto de 100 títulos de publicacións en galego e está prevista a inclusión doutros 44 nas vindeiras semanas
  • Calquera usuario con carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia pode rexistrarse na plataforma, accesible en www.galiciale.gal

 

A plataforma de préstamo de libros e revistas en formato electrónico GaliciaLe incorpora agora un catálogo audiovisual á súa oferta cunha proposta de 77 filmes, entre os que se poden atopar documentais, películas de animación e longametraxes de ficción. Comeza, deste xeito, unha nova etapa deste servizo bibliotecario da Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que tamén conta co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través do catálogo eBiblio.

Desde que o programa GaliciaLe se puxo en marcha, en outubro de 2014, o número de usuarios incrementouse cada ano ata os 3.236 cos que pechou 2017. O número de préstamos para ese mesmo ano foi de 16.937. Actualmente, o número de títulos da plataforma é de 1.768, dos que 1.609 son libros electrónicos, 77 corresponden a filmes, 31 son revistas, 50 son audiolibros e hai tamén un libro interactivo.

 

O catálogo audiovisual

Entre as películas que pasan a estar dispoñibles na plataforma GaliciaLe atópase un amplo abano de posibilidades, desde De profundis a Sicixia ou A Esmorga, pasando por Mimosas, Todos vós sodes capitáns, Un bosque de música, A cicatriz branca, O club da calceta ou De bares, ata obras como Celso Emilio Ferreiro. O poeta da vida ou Aquel neno chamado Xosé Neira Vilas.

A nova andaina de GaliciaLe foi presentada esta mañá en rolda de prensa pola directora da Amtega, Mar Pereira, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, coincidindo co Día do Libro. No acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, a directora da Amtega sinalou que “hai catro anos falabamos de GaliciaLe como unha peza máis da estratexia da Memoria Dixital de Galicia para universalizar o acceso á nosa cultura na rede e naquel momento avanzabamos un novo sistema de xestión de bibliotecas”. Mar Pereira destacou que hoxe “ese sistema é unha realidade á que se están sumando as bibliotecas públicas municipais e axencias de lectura e que permite que os usuarios accedan cun carné único a todos os servizos das bibliotecas públicas integradas e á plataforma GaliciaLe”.

Mentres, Anxo Lorenzo afirmou que “GaliciaLe pretende facer accesible a cultura en calquera momento e lugar e complementar, deste xeito, a oferta de obras en formato físico das bibliotecas públicas galegas”. Para o secretario xeral, os datos presentados “confirman que este é un servizo que se está a consolidar entre os usuarios das bibliotecas, tanto polo número de préstamos como polo de persoas que fan uso del”. Finalmente, sinalou que GaliciaLe é “un proxecto vivo, que vai adaptándose ás necesidades do público, ao incorporar aos libros electrónicos outros formatos como as películas e as revistas”.

Na rolda de prensa tamén interviron a xerenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes, Uxía Caride; e o vogal da Asociación Galega de Editoras Xulio Amigo. Tamén asistiron á rolda de prensa a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; e a directora da Área de Modernización das Administracións Públicas, María José García Sexto.

 

Preto de 100 novos títulos de libros electrónicos en galego

Nos últimos seis meses tamén se incorporaron á colección de GaliciaLe un total de 95 títulos de libros electrónicos en galego, como Rosa tántrica, de Luz Pozo Garza; A burra Ramona, de Paula Carballeira; Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz; As cousas que non queremos oír, de María Reimóndez; Illa soidade, de An Alfaya; Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville; ou Fume, de Antón Fortes.

 

Editoriais e produtoras

A Consellería de Cultura e Educación adquiriulles as obras do catálogo galego a nove editoriais galegas (Alvarellos Editora, Baía Edicións, Ediciones del Viento, Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Laiovento, Netbiblo e OQO editora), que se completan con obras cedidas mediante convenio polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. Nas vindeiras semanas a oferta completarase con outros 44 títulos de títulos electrónicos e tamén revistas en galego.

A estas editoriais engádense agora, coa incorporación do catálogo audiovisual, 24 produtoras galegas: Abano, Agallas, Arraianos, Adivina Producciones, Amanita, Alicia Veira Ramos, Ces Media, Cinebinario, Ficción Producciones, Film Arante, Frida Films, Madeleine Producciones, Marcos Nine Búa, Matriuska, Miolos Filmes, Nós Produtora Galega, Noveolas Producciones, Numax, Pórtico, Portocabo, Vaca Films, Vía Láctea, Xamalú Filmes e mais Zeitun Films.

 

Materiais de difusión de GaliciaLe

A Secretaría Xeral de Cultura lanza tamén, con motivo do Día do Libro, unha campaña de difusión da plataforma GaliciaLe. Distribuíronse nas bibliotecas da rede marcadores para os andeis que conteñan obras que tamén estean en formato dixital na plataforma, xunto con cartelería –o novo cartel está deseñado por Federico Fernández, Premio Nacional de Ilustración 2001– e marcapáxinas para nenos e adultos. Fíxose, así mesmo, un vídeo de promoción do servizo que está accesible en www.cultural.gal, nas redes sociais e na canle de Youtube (https://www.youtube.com/watch?v=uEy1tIH36PI&feature=youtu.be) do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, no que participan a actriz María Mera, o catedrático de Física Jorge Mira, o escritor e editor Francisco Castro, o booktouber Sebas García Mouret e a cantante de Mamá Cabra, Gloria Roel.

 

Como darse de alta en GaliciaLe

Para ser usuario ou usuaria de GaliciaLe cómpre ter o carné dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e as claves de acceso a GaliciaLe, así como dispor dun dispositivo compatible (tableta, ordenador persoal, lector de libro electrónico, teléfono móbil etc.). Para rexistrar cómpre acceder á páxina web www.galiciale.gal.

Blog Xente Dixital

Os mellores trebellos para aficionados aos videoxogos que verás nos próximos meses

Mar 16 Xan

A semana pasada celebrouse na cidade de Las Vegas o CES 2017, a feira tecnolóxica máis grande do mundo onde todas as grandes marcas presentan os produtos que van lanzar nos últimos meses. Este ano houbo, como o ano pasado, moitas novidades pero o que máis destacou foi o destinado ao “gaming”. O...

LER MAIS

2 maneiras de poñerte en contacto con teu futuro

Mér 10 Xan

Cando falamos de poñernos en contacto co pasado a nosa cabeza vaise á ciencia ficción. Por agora, e segundo a ciencia vai estar difícil facelo, non podemos viaxar ao pasado, pero o certo é que si podemos comunicarnos co noso eu pasado… ou enviar algo ao noso eu futuro, segundo desde que...

LER MAIS

Polaroid volve: así foi a súa morte e a súa resurrección

Mér 27 Set

No mundo tecnolóxico actual todo o que nos atopamos é dixital e moi avanzado. Con todo, entre os amantes da tecnoloxía sempre hai xente que sente nostalxia polo do pasado, polo que se facía hai uns anos… é dicir, polo retro. O antigo ten un brillo especial que nos fai lembrar aquel tempo, e...

LER MAIS