main content

main content
06/02/201808:02
Man sostendo un folio.
Santiago de Compostela

As pemes e as empresas de base tecnolóxica xa poden solicitar as axudas da Xunta de 7 M € para o impulso á contratación

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os programas de incentivos á contratación nas pemes e as axudas para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria dedica 4,2 millóns para incentivar en 500 pemes a contratación de 550 desempregados con máis dificultades para atopar un emprego con axudas que poden chegar aos 8000 euros
  • Establécese por primeira vez neste programa a posibilidade dun bono formación de 1000 euros por cada persoa contratada
  • Para fomentar o emprego de 300 traballadores en 195 novas pemes e nas iniciativas de emprego de base tecnolóxica destínanse máis de 2,7 millóns

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas da Xunta para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación ás que destinará este ano preto de 7 millóns de euros.

Dunha banda, ábrese a partir do luns e ata o 15 de outubro o prazo para solicitar os incentivos á contratación nas pemes, dotado con 4,2 millóns de euros, para favorecer o emprego de 550 persoas con máis dificultades para atopar un traballo en 500 empresas. Por medio desta actuación, as compañías terán a oportunidade de obter axudas para a contratación e formación por conta allea. Por unha banda, a contratación inicial, cunha duración mínima dun ano, apoiarase cun bono de 4000 euros sempre que o desempregado sexa parado de longa duración, presente algunha discapacidade ou se atope en situación ou risco de exclusión social. Esta contía aumentará nun 25% para as mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados e se a empresa está situada no rural, polo que a contía máxima de axuda deste programa poderá alcanzar os 8000 euros.

Como novidade, inclúese un bono de 1000 euros de formación por cada persoa contratada que será opcional para as empresas.

 

Empresas de nova creación e de base tecnolóxica

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, doutra banda, inviste máis de 2,7 millóns de euros para o programa de fomento e consolidación do emprego para as pequenas empresas de nova creación e as cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). Con esta actuación prevé beneficiar ao redor de 300 traballadores en 195 firmas.

Para impulsar o emprego nas pequenas empresas de nova creación establécense axudas para a xeración de emprego estable, a formación xerencial e/ou directamente relacionada coa actividade que se vai desenvolver ou para o inicio de actividade, financiando gastos relacionados cos honorarios de notario e rexistrador, arrendamento do local, maquinaria ou equipamentos informáticos, entre outros. O prazo de solicitude neste caso xa está aberto e remata o próximo 31 de xullo.

Apóiase tamén a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras destas empresas co 75% do custo da escola infantil dos fillos menores de 3 anos cun máximo de 3000 euros. Poderán ser beneficiarias destes apoios as empresas que sexan promovidas como máximo por 5 persoas, cun capital social máximo de 120.202 euros, sendo como mínimo o 50% titularidade dos promotores que sexan desempregados e creen o seu propio posto de traballo na empresa.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cuxo prazo de solicitude acaba o 1 de outubro, pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías. Do que se trata é de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego. Esta iniciativa, polo tanto, está dirixida a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico.

Os beneficiarios destas axudas son as empresas e autónomos que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT. Concederanse axudas á creación directa de emprego estable, para a contratación de persoal técnico de alta cualificación e para a posta en marcha do proxecto empresarial. Os apoios poden alcanzar os 24.000 euros.

As contías base dos dous programas incrementaranse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea situada no rural. Deste xeito, a axuda máxima será de 22.000 euros por beneficiario no caso de pequenas empresas de nova creación e de 48.000 euros para as IEBT.

Esta actuación está enmarcada na liña que segue o Goberno galego para impulsar en Galicia o emprendemento a través da innovación e as novas tecnoloxías.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS