main content

main content
15/05/201908:05
Fernando Suárez, presidente do CPEIG.
Santiago de Compostela

O CPEIG celebra o Día da Internet lembrándonos as pautas dunha navegación ideal

Este venres 17 o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia celebra dúas festas que lle tocan de preto: o Día das Letras Galegas e máis o Día da Internet. Unha vez máis, a entidade que preside Fernando Suárez non quere deixar pasar a ocasión para lembrar a importancia de que as galegas e galegos tiremos proveito da Sociedade da Información, envorcando esforzos para deixar pegada do noso nas redes ao tempo que traballamos por unha Internet máis segura, útil, confiable e accesible. Neste senso, o CPEIG avoga pola “ética profesional” como alicerce da sociedade dixital no Día Mundial de Internet que se celebra este 17. 

Para fortalecer esta vertente protexida e amigable da Internet e para complementar e impulsar esta festa do 17 de maio e todo o que a xornada implica, o CPEIG participou arreo na elaboración do Código deontolóxico e de ética e práctica profesional, elaborado polo CCII (Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática, entidade profesional estatal que conta con Fernando Suárez como vicepresidente). 

O código establece o marco de actuación profesional de todos os profesionais da Enxeñaría en Informática que deben respectar e cumprir unha serie de principios fundamentais no desempeño da súa función, como son “a honradez, a independencia, a lealdade, a dignidade e a legalidade”, entre outros. Tamén recolle unha Declaración de ética profesional, onde figuran os catro principios xerais de condcta profesional e ética: Protección do interese público e cumprimento legalResponsabilidade con empregados e clientesDignidade profesional e promoción de obxectivos profesionais, e Competencia, responsabilidade e imparcialidade.

Fernando Suárez, ao fío da elaboración deste código e da festa do 17 de maio, considera a ética profesional como “un dos elementos esenciais” para a “consecución e sustentabilidade da Sociedade da Información e o Coñecemento”. Ademais, insiste “na necesidade de aplicar principios éticos no ámbito das tecnoloxías da información”, sobre todo naquelas actividades e servizos de interese xeral, “sempre buscando o consenso entre todas as partes implicadas e a implantación de mecanismos de autorregulación”. Un exemplo de ámbito no que cómpre traballar nos devanditos ámbitos é o da Intelixencia Artificial (temática que será o miolo da charla que ofrecerá Fernando Suárez este venres no Parque Científico de Xixón: Hai que ter medo á IA?). Neste punto, o presidente do CPEIG asegura que o impacto desta tecnoloxía nas xestións realizadas por empresas, administracións e cidadanía é “enorme”, e que está a demostrar un incuestionable potencial para transformar a sociedade tal e como a coñecemos. 


Recomendacións

O CPEIG ofrece unha serie de recomendacións con motivo do Día de Internet sobre o chamado e-commerce, un sistema de compravenda de produtos e servizos que está cada vez máis de moda e suma adeptos día tras día. Fernando Suárez lembra que as vendas online non paran de medrar, o que provoca o aumento das transaccións por Internet. Asegura tamén que este tipo de comercio é seguro, pero sempre seguindo unha serie de pautas de seguridade, e por suposto aplicando o “sentido común, fuxir das gangas e usar webs de confianza”. En concreto, Fernando Suárez indica que as claves que mostran ao usuario que unha web é segura para mercar son que a dirección comece por HTTPS e mostre un cadeado na barra de direccións, “sinais que garanten que os datos persoais ou bancarios que se transmiten está cifrados e polo tanto a información é segura”.

O presidente do CPEIG tamén nos aconsella que teñamos sempre os dispositivos electrónicos “a punto”, os computadores, os móbiles e as tabletas, con antivirus instalados e actualizados para descartar infeccións con capacidade para recadar información persoal ou bancaria do dispositivo. Tamén pon o foco na necesidade de usarmos unha conexión segura a Internet, evitando redes Wi-Fi públicas “que non ofrecen ningunha garantía de seguridade”. O CPEIG salienta igualmente que o consumidor debe revisar a fondo a información das tendas online: quen somos, domicilio fiscal, investigar que datos recollen dos usuarios e con que fin, formas de pago e política de envío e devolucións. Amais, o colexio recomenda usar ferramentas de pago fiables, como PayPal ou tarxetas de prepago, en vez de dar o número da tarxeta de crédito directamente, aínda que tamén se considera unha práctica segura sempre que a páxina sexa de confianza, ben sexan páxinas de cadeas multinacionais ou do comercio local.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS