main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/06/201608:06
Logo INclúe
Santiago

A Amtega e a Consellería de Política Social publican no repositorio de software libre da Xunta o código fonte da ferramenta Inclúe

  • Esta aplicación facilita a valoración técnica das situacións de exclusión social con criterios homoxéneos mediante indicadores
  • A publicación en licenza libre facilita a súa reutilización por parte doutras administracións, así como a colaboración para a súa mellora
  • A liberación de aplicacións enmárcase nas medidas do Plan de acción en materia de software libre da Xunta

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Política Social, acaba de publicar no repositorio de software libre da Xunta de Galicia o código fonte da ferramenta tecnolóxica INclúe (http://forxa.mancomun.org/projects/inclue) baixo licenza libre.

Esta ferramenta é un dos resultados do proxecto que leva por nome “Proxecto INclúe: Innovación para a Inclusión Social” e no que participan como socias a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión; a entidade de acción social Emáus Fundación Social; e a consultora tecnolóxica EOSA. O proxecto contou co apoio financeiro do Programa de Cidadanía Activa pertencente ao Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA) 2009-2014.

Un dos retos deste proxecto consistía en desenvolver unha ferramenta tecnolóxica que facilitase a valoración técnica das situacións de exclusión social con criterios homoxéneos, que puidesen ser aplicados polas entidades públicas e privadas que operan no ámbito da inclusión social en Galicia.

Agora, a Amtega e a Consellería de Política Social publican INclúe con licenza libre para que poida ser reutilizada noutras comunidades e mesmo que se cree unha comunidade de usuarios ao seu redor que permita mellorar a ferramenta.

 

A ferramenta INclúe
Un dos principais obxectivos do proxecto INclúe consistía en deseñar un modelo de atención social innovador, centrado na persoa, definido en clave de calidade de vida, igualdade de oportunidades para mulleres e homes, dereitos, autonomía e cidadanía das persoas en situación de exclusión social.

Neste escenario, considerouse esencial deseñar, ademais, unha ferramenta tecnolóxica que permita realizar unha valoración técnica o máis obxectiva posible, que reduza arbitrariedades e que contribúa a dispoñer de criterios homoxéneos sobre o fenómeno da exclusión social.

Con base nestes criterios creouse a ferramenta INclúe, que permite o cálculo de ata 100 indicadores, configurados en catro grandes dimensións, que tratan de obxectivar a valoración da situación dunha persoa nun momento concreto e facilitar a avaliación das intervencións. Para todos estes casos, ademais, a ferramenta actúa como unha gran base de datos na que se almacenan os resultados para posteriores consultas ou análises.

 

Repositorio de software libre da Xunta
A publicación de INclúe como software libre enmárcase no Plan de acción en materia de software libre da Xunta de Galicia. A Amtega ofreceu a súa colaboración ás entidades desenvolvedoras desta solución, a través do servizo de certificación de liberación de software, coa finalidade de poñer a disposición da cidadanía e doutras administracións públicas a aplicación INclúe.

A través deste servizo, a Oficina de Software Libre da Amtega elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. A ferramenta INclúe liberouse cunha licenza libre GPL2 (General Public License version 2). O código fonte pode descargarse dende a páxina do proxecto no repositorio de software libre da Xunta de Galicia.

03/06/201608:29
Logo CeMIT-Innova
Santiago

A Amtega selecciona as 9 aulas da rede CeMIT que participan na segunda edición do proxecto de innovación social dixital CeMIT-Innova

  • Os centros de Ares, A Bola, Celanova, Cuntis, Oroso, Mos, Ourense, Pontedeume e Santiago impulsarán iniciativas, baseadas nas TIC e en colaboración con axentes locais, para dar resposta a desafíos sociais da súa contorna
  • Os proxectos seleccionados céntranse no impulso do envellecemento activo, da empregabilidade, do comercio, da cultura ou do turismo locais e na integración social de determinados colectivos
  • CeMIT-Innova é unha das actuacións previstas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de seleccionar os 9 centros da rede CeMIT que participan na segunda edición do proxecto de Innovación Social Dixital, CeMIT-Innova, unha das iniciativas do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.

Os Concellos e aulas CeMIT de Ares, A Bola, Celanova, Cuntis, Oroso, Mos, Ourense (A Molinera), Pontedeume e Santiago de Compostela, desenvolverán, ao longo do ano, diferentes iniciativas de base tecnolóxica e, en colaboración con axentes locais, para dar resposta a retos e necesidades da súa contorna máis próxima.

 

Proxectos seleccionados
As iniciativas seleccionadas buscan dar resposta á necesidades ou demandas da súa contorna máis próxima como fomentar o envellecemento activo, impulsar a empregabilidade, o comercio, a cultura ou o turismo locais ou fomentar a integración social de determinados colectivos.

A aula CeMIT de Ares, co seu proxecto Ares GNU, busca mellorar o acceso e os coñecementos tecnolóxicos dos veciños do concello, a través da difusión, utilización e desenvolvemento do software libre en diversas actividades como un ciber encontro, o mapeado da cidade ou o desenvolvemento dunha aplicación móbil de servizos da aula.

O Concello de Pontedeume desenvolverá na súa aula CeMIT o proxecto That´s Pontedeume. Come Here!! para favorecer o envellecemento activo e o coñecemento da lingua inglesa, a través de unidades didácticas culturais sobre o patrimonio e a historia local. Todo iso utilizando Internet como medio de aprendizaxe.

En Oroso a aula CeMIT porá en marcha a Plataforma de e-commerce local, co obxectivo de crear un directorio de negocios, empresas e profesionais, cun comparador de produtos de consumo ou servizos locais, para promover economicamente o tecido empresarial con esta plataforma web que unirá oferta e demanda.

Santiago de Compostela traballará tamén desde a súa Aula CeMIT a promoción da empregabilidade a través da intermediación, selección e adecuación profesional, co seu proxecto Anel de coñecemento, unha plataforma online de contidos e servizos dixitais para o emprego.

A aula CeMIT de Mos, a través do proxecto InnovaTIC Mos, proponse favorecer o acceso ao emprego a través de diversos servizos dixitais, así como favorecer a visibilización das entidades asociativas, mediante a súa participación en redes sociais.

Cuntis traballará a través das TIC para favorecer a igualdade de oportunidades de persoas con necesidades especiais, dirixido á intervención socioeducativa co alumnado coas devanditas necesidades por motivos de discapacidade.

Desde Ourense para o mundo é o nome da rede de networking e inclusión laboral, que se vai desenvolver desde a aula CeMIT de Ourense (La Molinera) para a procura de oportunidades entre mozas con talento que se marchan ao estranxeiro e os emigrantes descendentes de españois que están noutros países e queiran volver.

A aula CeMIT de Celanova proponse mellorar a accesibilidade da cidadanía á información e aos servizos municipais, a través duna aplicación de dinamización cultural, empresarial e social APP Local.

O proxecto da Aula CeMIT da Bola, Teatro Dixital histórico-cultural, busca a promoción turística do concello a través da creación dunha canle de vídeo na internet, dirixido a difundir as súas actividades culturais.

 

Innovación Social Dixital
A Innovación Social Dixital emprega a tecnoloxía para resolver retos locais ligados á educación á saúde, ao emprego e, en definitiva, ao benestar dá cidadanía. Son solucións e proxectos sociais, que teñen as TIC de base e que son deseñados polos seus protagonistas: cidadáns e axentes locais que detectan as necesidades máis inmediatas dá súa contorna e formulan posibles solucións.

É unha dás tres liñas estratéxicas do Plan de Inclusión Dixital de Galicia xunto coa alfabetización e a capacitación dixitais. Ou Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, presentado ou pasado 18 de maio ante vos máis de 700 aliados cos que conta, busca acadar unha sociedade plenamente dixital formada e capacitada non uso dás tecnoloxías, capaz de explotar e aproveitar todo ou potencial dás TIC a nivel persoal, profesional e relacional.

Para conseguilo, ofrece á sociedade galega un servizo integral de dixitalización que abrangue desde as accións para a alfabetización dixital ata aquelas que permitan a calquera persoa, independentemente do nivel dixital non que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso dás TIC.

01/06/201613:49
Internet
Santiago

O acceso a Internet podería sacar da pobreza a 500 millóns de persoas da pobreza

  • Se o acceso a Internet fose universal, ao redor de 500 millóns de persoas poderían saír da pobreza grazas ás "oportunidades de crecemento" que se producirían na economía mundial, segundo as conclusións dun estudo desenvolvido por PWC para Facebook como apoio á iniciativa Internet.org.

Segundo os datos do informe, ao redor de 4.100 millóns de persoas non teñen acceso a Internet aínda, o que representa o 56% da poboación mundial e o crecemento da conexión de novos usuarios reduciu o seu ritmo durante os últimos anos e "medra a un só díxito".

Aínda así, por cada persoa conectada nun país desenvolvido hai dúas persoas en países en vías de desenvolvemento que non teñen acceso á rede. "Esta proporción podería crecer até ser de cinco a un, se conseguísemos o acceso universal a Internet", estiman os autores do documento.

De ocorrer, as estimacións dos investigadores sinalan que se produciría un incremento adicional do PIB mundial de 6,7 billóns de dólares que, ao mesmo tempo, suporía unha melloría das condicións sociais e económicas para 4.000 millóns de persoas.

Ademais, prevén suporía abrir un mercado valorado en 400.000 millóns de dólares para as operadoras de telecomunicacións e de 200.000 millóns de dólares para os provedores de contido, segundo indican.

En todo caso, sinalan que un dos retos que supón a expansión da conexión a Internet consiste no custo das infraestruturas necesarias para garantir a cobertura e velocidade da conexión e "a necesidade de investir en infraestruturas que aínda non existen" para abaratar o custo da conexión, polo menos, un 70%.

"Os prezos de Internet para o consumidor final deberían caer un 70% para facelo accesible ao 80% da poboación mundial", explican.

01/06/201609:23
Logo AceleraTIC
Santiago

Programa “AceleraTIC, pensa en futuro, actúa en dixital”

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha o Programa “AceleraTIC, pensa en futuro, actúa en dixital” para facilitar a transformación dixital das pemes galegas. O programa abrangue diferentes xornadas formativas e prácticas e un programa específico para directivos e xerentes de empresas galegas, que se desenvolverá en colaboración coa Escola de Negocios de AFundación.

O obxectivo do programa formativo é contribuír a crear un perfil directivo que manexe o dixital desde un punto de vista estratéxico, isto é, que coñeza o contorno dixital, adquira as habilidades necesarias para entender que valor pode achegar a tecnoloxía ao seu negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.

O programa comeza o vindeiro 9 de xuño e estenderase ao longo de seis xornadas formativas impartidas por diversos expertos. Trataranse temas como a estratexia de negocio para a nova contorna dixital, o marketing dixital para pemes, o comercio electrónico, o Big Data & Business Intelligence para o control da xestión empresarial, as ferramentas de medición e análise para a estratexia dixital e a transformación e xestión do cambio na organización.

As prazas para participar neste programa formativo son limitadas, polo que xa está aberto un proceso de preinscrición que permanecerá aberto ata o luns 6 de xuño. A preinscrición pode realizarse a través da Web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/programa-formativo-aceleratic), no correo electrónico cdtic@xunta.gal ou no teléfono 881 995 200.

De entre as solicitudes recibidas a Amtega seleccionará a 25 directivos para cada unha das xornadas formativas. Aqueles directivos que completen todas as xornadas formativas, recibirán o título “Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa” outorgado pola Escola de Negocios Afundación.

As persoas interesadas en coñecer máis en detalle o Programa Formativo AceleraTIC para a Transformación Dixital da Peme están convidados a Xornada de Presentación do vindeiro xoves 2 de xuño.

Programa da xornada

01/06/201608:26
Reunión Xunta - ONCE
Santiago

A Xunta optimiza a súa atención cidadá cun decreto centrado no emprego das novas tecnoloxías e as persoas con discapacidade

  • O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, presentaron na ONCE o borrador de decreto
  • A nova regulación garante unha actuación global e uniforme de todo o sector público autonómico no eido da atención á cidadanía
  • Para favorecer a accesibilidade das persoas con discapacidade visual, o decreto incorpora a posibilidade de presentar suxestións e queixas a través do Teléfono 012
  • A cidadanía poderá exercer en condicións totalmente seguras, o seu dereito de acceso á información e a formulación de queixas as 24 horas dos 365 días do ano

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo unha reunión con responsables da ONCE en Galicia para presentarlles o borrador dun decreto que garantirá unha mellor e maior atención cidadá, en especial ás persoas con discapacidade.

Rueda reuniuse co delegado territorial da ONCE Galicia, Manuel Martínez Pan, e co presidente do Consello Territorial ONCE Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro, nunha xuntanza na que tamén participaron a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo.

O texto desenvolve da Lei de calidade dos servizos públicos e da boa administración e recolle polo miúdo como debe ser a atención á cidadanía, os instrumentos de difusión da información e o procedemento para a presentación e tramitación das suxestións e queixas. En definitiva, esta nova regulación garante unha actuación global e uniforme de todo o sector público autonómico no eido da atención á cidadanía.

Unha das principais novidades do decreto é que establece que a Xunta debe facilitar toda a axuda e orientación que a cidadanía precise nas actuacións que desexe realizar coa Administración, en especial coas persoas con discapacidade. Así, deberán poñerse á súa disposición os medios e/ou formatos adecuados de maneira que resulten accesibles e comprensibles.

Queixas e suxestións a través do 012
Co obxectivo de favorecer a accesibilidade á Administración, especialmente ás persoas con discapacidade visual, o decreto incorpora como novidade a posibilidade de presentar suxestións e queixas a través do telefono 012 tendo a mesma consideración e tratamento que as presentadas polas demais modalidades.

Ademais, garántese a permanencia do servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas a través da súa previsión regulamentaria, así como o dereito da cidadanía a recibir unha resposta na lingua cooficial solicitada pola persoa interesada.

Impulso dos medios electrónicos
Outra das claves do decreto é o impulso do emprego dos medios electrónicos en relación coa atención á cidadanía, incorporándose por primeira vez á sede electrónica as solicitudes de información e a formulación de suxestións e queixas. Deste xeito, a cidadanía pode exercer en condicións totalmente seguras, o seu dereito de acceso á información e a formulación de suxestións e queixas as 24 horas dos 365 días do ano.

Para avanzar no proceso de simplificación administrativa, un dos obxectivos primordiais do Goberno galego, o decreto establece que os modelos de solicitude de información –xeral e particular- e de suxestións e queixas, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalos novamente no DOG.

A Xunta trasladoulle o borrador a ONCE coa intención de recadar as súas suxestións e ideas ao proxecto, un proceso que repetirá con outras institucións e a propia cidadanía, xa que o texto do decreto subirase ao Portal de Transparencia esta mesma semana para que poida ser coñecido por todos e poidan presentar alegacións.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS