main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

31/05/201617:43
O Conselleiro Román Rodríguez con estudantes da ESO
Santiago

Cultura e Educación promove o uso seguro da rede e as vocacións científico tecnolóxicas entre medio milleiro de alumnos de ESO na xornada ‘Cidadanía e coñecemento dixital’

  • Román Rodríguez sinalou a importancia de fomentar o interese polos estudos relacionados con estes eidos, onde existe necesidade de profesionais cualificados, e nos que está previsto que se incremente a demanda nos próximos anos
  • Así mesmo incidiu na importancia de concienciar dun uso responsables das potencialidades das TIC, especialmente no referido ás redes sociais

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou esta mañá aos máis de 500 estudantes de ESO que participaron na xornada ‘Cidadanía e coñecemento dixital’, un encontro co que o departamento educativo da Xunta de Galicia busca promover o uso seguro da rede e as vocacións científico-tecnolóxicas. O encontro celebrouse na Cidade da Cultura de Galicia, estruturado en charlas e obradoiros cos que facer máis doado e lúdico o achegamento a estas materias das rapazas e rapaces dos IES Valadares (Vigo), Teis (Vigo), Vilalonga (Sanxenxo), Laxeiro (Lalín), Blanco Amor (Ourense), A Basella (Vilanova de Arousa), As Mariñas (Betanzos), Agra das Raíces (Cee), e os CPI Atios (Valdoviño) e Castroverde (Castroverde), centros participantes nestes encontros.

Román Rodríguez salientou a importancia de fomentar e concienciar nun uso seguro da internet e as novas tecnoloxías, especialmente nas redes sociais. Neste sentido, lembrou, a Consellería xa traballa nos centros educativos da man do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG) co programa ‘Navega con Rumbo’, nunha liña similar á das charlas que hoxe se desenvolveron no Gaiás

Unha opción demandada
Por outra banda, o conselleiro incidiu na necesidade de impulsar as coñecidas como ‘vocacións STEM’ (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas). Neste sentido lembrou que o “Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia” indica que o índice de titulados nas Universidades galegas en estudos relacionados co ámbito científico tecnolóxico non será suficiente nos próximos cinco anos para cubrir a demanda de profesionais do sector TIC, xa que só un 8,5% dos alumnos matriculados no sistema universitario galego cursa carreiras do ámbito científico tecnolóxico.

Tendo en conta a necesidade de incrementar o número de titulados nestes eidos, boa parte da xornada de hoxe centrouse en obradoiros prácticos nos que a rapazada puido adquirir coñecementos básicos de programación, da man do CPEIG, ou coñecer algúns dos traballos que os rapaces do IES David Buján (Cambre) desenvolven na clase de ‘Ciencia Cidadá’, como o dun alumno que realizou con materiais reciclados unha réplica do robot R2D2, da película ‘A Guerra das Galaxias’.

Así mesmo, os alumnos do último curso da enxeñería en Telecomunicacións da Uvigo exerceron de mentores, expoñendo as súas experiencias na facultade, baixo a dirección dos seus profesores universitarios.

O obxectivo, tal e como explicou o conselleiro, é espertar a curiosidade dos rapaces arredor dunhas tecnoloxías que están plenamente presentes na súa vida diaria pero que na maior parte dos casos non se plantexa como unha opción futura de estudo ou laboral. Máis tendo en conta que a demanda nestes espazos do mercado laboral é alta e, previsiblemente, seguirá medrando nos próximos anos.

Con este fin tamén se están a desenvolver múltiples iniciativas desde o sistema educativo, tales como a impartición dunha materia de libre configuración autonómica de ‘Programación’, o programa ‘Programación nas Escolas’, tamén en colaboración co CPEIG, ou varias iniciativas dentro do Plan Proxecta. Así mesmo, o sistema de FP está a dar tamén resposta á necesidade de profesionais nestas disciplinas, coa implantación de titulacións como a de Animacións 3D, xogos e contornos interactivos.

30/05/201618:43
Logo Navega con Rumbo
Santiago

Máis de 500 rapaces afondarán mañá no Gaiás nos atractivos e potencialidades das novas tecnoloxías e nas prácticas seguras no uso da internet

  • A Consellería de Cultura e Educación organiza a xornada ‘Cidadanía e coñecemento dixital’ para promover as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado de secundaria e favorecer un uso responsable das TIC, na mesma liña na que se desenvolven programas como ‘Navega con Rumbo’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza mañá na Cidade da Cultura de Galicia a xornada ‘Cidadanía e coñecemento dixital’, un encontro no que máis de 500 estudantes de ESO afondarán nos atractivos das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), nas potencialidades que teñen para o seu desenvolvemento como profesionais no futuro, así como nun uso responsable das mesmas, na mesma liña na que xa se traballa en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG) co programa ‘Navega con Rumbo’.

Así mesmo, tratarán de fomentar as vocacións tecnolóxicas da rapazada, as coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas), co fin de mellorar o índice de coñecemento xeral en ciencia e tecnoloxía, así como de alumnos de titulacións destes eidos. Neste sentido cómpre lembrar que o Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia” indica que o índice de titulados nas Universidades galegas en estudos relacionados co ámbito científico tecnolóxico non será suficiente nos próximos 5 anos para cubrir a demanda de profesionais do sector TIC, xa que só un 8,5% dos alumnos matriculados no sistema universitario galego cursa carreiras do ámbito científico tecnolóxico. Polo tanto, búscase promover estas ensinanzas, coincidindo coa crecente demanda de emprego no sector TIC a nivel rexional, estatal e europeo.

A cita desenvolverase no complexo do Gaiás a partires das 10 horas e estruturarase arredor de obradoiros e de diferentes charlas, especialmente estas en materia de seguridade no emprego da internet e, concretamente, das redes sociais. Os obradoiros serán impartidos por profesionais do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia, por alumnado do último curso da enxeñería en Telecomunicacións da Uvigo baixo a dirección dos seus profesores universitarios, no marco dun programa de mentorazgo de alumnado e fomento das vocacións científico-tecnolócas e por un grupo de alumnos de ESO do IES David Buján, baixo a coordinación do seu profesor José Viñas(Cambre, A Coruña).

Os medios de comunicación interesados en cubrir o acto poderán achegarse ao Gaiás e presenciar o desenvolvemento dos talleres. Os rapaces participantes proceden de 10 centros: os IES Valadares (Vigo), Teis (Vigo), Vilalonga (Sanxenxo), Laxeiro (Lalín), Blanco Amor (Ourense), A Basella (Vilanova de Arousa), As Mariñas (Betanzos), Agra das Raíces (Cee), e os CPI Atios (Valdoviño) e Castroverde (Castroverde).

Colaboración do CPEIG e coa UVigo
No caso do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, ofrecerán actividades para achegar ao alumnado á linguaxe de programación SCRATCH, unhas ensinanzas que este curso xa se imparten en 10 centros educativos da rede Abalar ao abeiro de ‘Programación nas escolas’, en colaboración co CPEIG.

Así mesmo, traballarase cos ‘Lego Mindstorms’, uns xoguetes de robótica cos que se pode avanzar sobre teorías e operacións básicas neste eido, como a construción destes robots e programación de accións sinxelas.

Pola súa parte, o alumnado de último curso de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo actuará como ‘mentor’ dos rapaces e rapazas que asistan aos seus obradoiros nesta xornada, a través de actividades coas que tratarán de fomentar as súas vocacións tecnolóxicas, poñéndose a si mesmos e ás actividades que desenvolven na facultade como exemplo.

Experiencias dos alumnos
Por outra banda, o profesor José Viñas, do IES David Buján (Cambre) coordinará, durante a xornada a presentación dos traballos e proxectos que se desenvolven no seu centro, tanto no marco do traballo de aula como no clube de ciencia. Ademáis de amosar diferentes proxectos de investigación e de “Ciencia Cidadá”, tales como as aplicacións móbiles realizadas polo propio alumnado para diversas investigacións tanto galegas como nacionais e internacionais, ou o uso de microcontraladores como Makey-Makey na creación de dispositivos electrónicos e dixitais,participará tamén Eduardo Santos, estudante deste centro que recreou con materiais reciclados o robot da película ‘A Guerra das Galaxias’, R2D2, explicando a xestación e realización do proxecto.

30/05/201612:43
Logo 1 mes 1 profesión dixital
A Coruña

O Cloud computing a debate nun novo faladoiro dixital, organizado polo CPEIG e a Amtega

  • A xornada desenvolverase o 7 de xuño na Facultade de Informática da Coruña, no marco da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital

O Cloud Computing protagonizará o novo faladoiro dixital, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), no marco da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital. O encontro desenvolverase na Facultade de Informática da Coruña (FIC) o vindeiro 7 de xuño de 11.15 a 14.00 horas.

Tras a benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e do decano da facultade, Luis Hervella, o profesor doutor da FIC, Guillermo López, falará da oferta formativa en Cloud Computing. A continuación, o xerente de Tecnoloxía e Contornos Colaborativos en Hijos de Rivera, Carlos López, e a responsable de Sistemas Informáticos e Telecomunicacións en Auto Radio, Cristina Bernárdez, analizarán as boas prácticas de solucións Cloud.

Un debate aberto ao público pechará este faladoiro dixital ao redor do Cloud Computing. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa de balde no enderezo eventos@cpeig.org e a través da web www.profesionsdixitais.org, onde tamén atoparán información do programa e dos relatores.

 

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou a súa segunda edición o mes pasado en Ourense, abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas ao redor do Big Data. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado no presente ano entre o CPEIG e a Amtega.

30/05/201612:19
Cartel do premio
Santiago

A Amtega convoca a IX edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con licenza libre

  • Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado nalgunha das convocatorias do ano académico 2015-16
  • O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o vindeiro 2 de outubro

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca a IX edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre co obxectivo de achegar aos universitarios galegos ao software libre e difundir ás posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración con proxectos libres.

O premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.

 

Requisitos e prazos
Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5, nalgunha das convocatorias do ano académico 2015-2016. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o domingo, 2 de outubro.

Os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún (https://www.mancomun.gal/premiopfc/nova venta). Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega como da Oficina de Software Libre do CIXUG.

 

Plan de Software Libre da Xunta
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.

Este premio, que vai pola súa IX edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar a carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio. Dende o curso 2011-2012 este premio é convocado e organizado pola Amtega como parte do seu Plan de acción en materia de software libre, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar poñendo en valor o traballo que realizan os universitarios galegos durante o seu traballo fin de grao ou mestrado, promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

Na edición do ano 2015 resultou como gañador Xoan Iago Suárez Canosa polo proxecto “Aplicación web para a Análise do comportamento humano en zonas transitadas”. Así mesmo, concedeuse o segundo premio a Pablo Grela Palleiro polo proxecto “ Sistema de xestión de asociados de CuacFM”.

30/05/201609:23
Web Faite Dixital
Santiago

A Amtega publica o portal “Faite Dixit@l!”, que integra todos os recursos e iniciativas do Plan de Inclusión Dixital de Galicia

  • O Plan ofrece á sociedade galega un servizo integral de dixitalización para que todo o mundo poida explotar e aproveitar o potencial das TIC a nivel persoal, profesional e relacional
  • Conta xa co apoio de 700 aliados dixitais e pódense adherir ao Plan profesionais e entidades públicas ou privadas que estean interesadas en colaborar para conseguir un efecto multiplicador das súas actuacións

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o portal Faite Dixit@l, a páxina que integra nun único espazo os servizos, proxectos e actividades impulsadas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.

Coa posta en marcha de http://faitedixital.xunta.gal/, a cidadanía conta cun único punto de acceso ás distintas iniciativas que se están a desenvolver en Galicia en torno aos tres eixos principais do Plan, tanto os da alfabetización e a capacitación dixitais, como o orientado ao impulso da innovación social dixital.

 

Estrutura da Web
Faite Dixit@l dispón dunha portada inicial, onde se presenta o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, así como a formación e os proxectos dispoñibles en cada un dos tres eidos de actuación. O resto do contido estrutúrase en cinco bloques: A Estratexia, Os Aliados Dixitais, Os Servizos, Os Recursos e A Actualidade.

No apartado da Estratexia, a web ofrece toda a información relacionada con Plan de Inclusión Dixital de Galicia: os seus valores, obxectivos, os destinatarios, os servizos, así como o camiño percorrido cos proxectos da Rede CeMIT e o Programa de Voluntariado Dixital, xa que foron o punto de partida para posta en marcha do Plan.

O espazo dos Aliados Dixitais explica os pasos para adherirse ao Plan como aliado dixital e mostra os diferentes perfiles de aliados: mecenas, referentes, menores, voluntarios e entidades colaboradoras, e as súas achegas.

O bloque dos Servizos presenta o catálogo de servizos dixitais dispoñibles tanto de formación presencial, teleformación, certificación de competencias dixitais en ofimática, proxectos e iniciativas singulares, faladoiros e apoios dixitais.

En Recursos os usuarios acceden aos diferentes tipos recursos que teñen a súa disposición: a rede de aulas CeMIT, o mapa de e-Servizos de inclusión dixital, a comunidade virtual do voluntariado dixital, o espazo multimedia de aprendizaxe así coma contidos e publicacións de interese. Finalmente a web tamén dispón dun apartado de Actualidade, que permite acceder as novas e eventos, proxectos, informes de interese en torno á inclusión dixital.

 

Accesibilidade e fácil navegación
A organización dos contidos céntrase en darlle un maior protagonismo aos usuarios finais do Plan de Inclusión Dixital, xa que facilita a busca e acceso áxil á información que máis se adapte as súas necesidades, cuns contidos estruturados.

Ademais, o deseño interactivo e innovador faino máis atractivo aos usuarios e o ton e linguaxe accesible e amigable facilita a lectura. Faite Dixital interacciona coas outras Webs operativas relacionadas co Plan como a da Rede CeMIT: https://cemit.xunta.gal, a do voluntariado Dixital:https://voluntariadodixital.xunta.gal, a do Centro Demostrador TIC: https://cdtic.xunta.gal/ e o Blog Xente Dixital http://blogs.xunta.gal/xentedixital/es/

 

Un Plan con máis de 700 aliados
O Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, presentado o pasado 18 de maio ante os máis de 700 aliados cos que conta, busca acadar unha sociedade plenamente dixital formada e capacitada no uso das tecnoloxías, capaz de explotar e aproveitar todo o potencial das TIC a nivel persoal, profesional e relacional.

Cun orzamento de máis de 7 millóns de euros en cinco anos o Plan articúlase en torno a un novo modelo de relación flexible e en rede, sustentado en alianzas dixitais entre a Xunta de Galicia e os diferentes axentes do ecosistema dixital que permitirá sumar capacidades, recursos e iniciativas.

O Plan ofrece á sociedade galega un servizo integral de dixitalización que abrangue desde as accións para a alfabetización dixital ata aquelas que permitan a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC. Para acadar este obxectivo o Plan establece actuacións en 3 grandes eixos estratéxicos: a alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital e participativa.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS