main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

09/02/201810:00
Acordo Educación - Telefónica Educación Digital.
Santiago de Compostela

Educación e Telefónica levarán aos centros de ensino o programa Creando Código

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e Carolina Jeux, CEO de Telefónica Educación Digital; asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha nos centros educativos galegos do programa Creando Código, co que se procura afondar nas competencias dixitais STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) do alumnado de Infantil, Primaria e ESO, nun acto que contou coa presenza da directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez.

A iniciativa leva consigo un programa de formación do profesorado, homologado polo departamento educativo da Xunta de Galicia, así como o acceso a ScolarTIC, un espazo social de aprendizaxe en aberto e gratuíto para a comunidade educativa iberoamericana impulsado por Telefónica Educación Digital. O profesorado que desexe participar poderá inscribirse no portal educativo da Xunta de Galicia, que lle dará acceso a ScolarTIC.

 

Propostas didácticas

A iniciativa susténtase sobre a aprendizaxe baseada en proxectos e busca fomentar as competencias STEM de forma transversal en todo o currículo escolar a través dunha exposición na que o alumnado se enfronta a un reto que require localizar, procesar información e pensamento computacional, crear algún tipo de produto tecnolóxico e presentar os resultados que dan resposta ao devandito desafío. Para iso, proporciónase as docentes un repositorio de proxectos e propostas didácticas curriculares listas para ser implementadas na aula, incluíndo as metas de comprensión e as preguntas condutoras, mención aos contidos curriculares que desenvolve, contidos en tecnoloxía, robótica ou programación, etc. Ademais, para facilitar a aplicación na aula, defínense as sesións de aprendizaxe necesarias coas pautas e actividades ou dinámicas que se deben realizar.

Creando Código presentará para a etapa de Infantil 18 propostas didácticas estruturadas en sesións que potencian o pensamento abstracto e computacional nas idades máis temperás, a través do xogo e traballando o coñecemento do medio, de si mesmo, as linguaxes e a autonomía persoal. Para Primaria deseñáronse 72 proxectos trimestrais que se desenvolven sobre os 6 cursos nas materias de Lingua Castelá e Literatura, Matemáticas, Ciencias da Natureza, Ciencias Sociais e Educación Artística. Pola súa banda, en ESO haberá 18 proxectos trimestrais e transversais para desenvolver nos tres primeiros cursos da etapa, que inciden sobre as materias de Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia, Matemáticas, Música e Física e Química.

 

Formación para o docente

Para a súa implantación, Creando Código dispón dunha formación asociada aos proxectos que se compón de itinerarios formativos, cada un deles formado por cinco cursos de Programación, Robótica e Tecnoloxía que supoñen arredor de entre 90 e 110 horas de formación.

Ademais, os docentes poderán ampliar as súas competencias a través dos tutoriais e obradoiros que ofrece o espazo ScolarTIC, dirixido a que profesores, educadores e proxenitores podan formarse e informarse sobre as últimas tendencias educativas internacionais e que conta xa con máis de 400.000 usuarios. Neste espazo pódense atopar cursos en formato MOOC como Programando con Scratch, Iniciación á Robótica, etc. Esta colaboración con Telefónica Educación Digital enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital 2020, Edudixital, que ten como obxectivos principais que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 e romper coa fenda de xénero nos estudos STEM.

09/02/201809:47
Xornada 'Os nenos e nenas da fenda dixital' (Foto: Xoán Rey).
Santiago de Compostela

O 80% dos nenos galegos de 12 anos teñen móbil e están nas redes sociais

  • O profesor da USC Antonio Rial advirte que estes dispositivos son o "principal motivo de conflito" nos fogares e as aulas
  • Unicef ve na internet unha "oportunidade" e un "risco" no que é "necesaria" a educación de nenos, pais e profesores

 

O 80% dos nenos galegos de 12 anos ou mesmo menos dispón dun teléfono móbil propio, mentres que o 97% deles está rexistrado en, como mínimo, unha rede social e o 51% en máis de catro redes diferentes.

Estes son datos expostos polo doutor en Psicoloxía Social e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio Rial, nas xornadas 'Os nenos e nenas da fenda dixital', organizadas por Unicef, que tiveron lugar este xoves na Facultade de Educación da capital galega.

O psicólogo advertiu aos pais de nenos e adolescentes contra a "miopía dixital" ante a utilización de dispositivos móbiles por parte dos seus fillos. Fixo esta advertencia nunha xornada sobre a "fenda dixital" que afecta en particular aos nenos dos colectivos máis vulnerables da sociedade, organizada por Unicef.

Subliñou que o uso de dispositivos móbiles converteuse no "principal motivo de conflito" nos fogares e as aulas, e converteuse "nun dos grandes retos" dunha nova xeración de mozas.

O psicólogo destacou a necesidade dos pais de afrontar ese reto de "educar aos seus fillos implicados nese novo contexto" que "xera cambios e multiplica riscos". Por iso salientou a "importancia de non caer na miopía dixital" e a necesidade de educar en "competencias dixitais" pero tamén en "valores humanos, ante todo".

O experto da USC sinalou que ante eses cambio os pais de nenos e adolescentes xogan un "papel importante" en "aconsellar, poñer normas ou predicar co exemplo" na utilización de dispositivos, pero tamén en prevención contra o "sexting, ciberacoso ou contacto con descoñecidos" mediante unha "supervisión e e control", xa que iso contribúe a reducir os riscos.

Este evento puxo o foco, segundo explicou a responsable de incidencia política e estudos de Unicef España, Cristina Junquera, no consumo da internet e das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) como un "risco", pero tamén como un "dereito" e "moitas oportunidades" para a educación dos nenos.

Nas múltiples conferencias participaron tamén o xefe do departamento de sociedade da información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Fernando Gil; a presidenta do Consello de Participación Infantil de Castrelo de Miño (Ourense), Edita Pousada; e a técnico en intervención social da Fundación de Secretariado Xitano (FSG) en Galicia, Natalia Gómez.

E é que, en palabras de Junquera, internet é unha ferramenta para "defender dereitos dos nenos" como o de asociación, información ou, mesmo, o de construír a súa propia identidade. "Internet veu para quedar", asegurou Junquera.

Neste contexto, a responsable de Unicef lamentou que en España, "lonxe de utilizar a rede de forma equitativa", moitos mozos "acceden sen a información adecuada" e sen unha "educación en dereitos" ou en "límites que non hai que exceder" no uso das redes, como son prácticas como o 'sexting', 'grooming' ou o 'ciberbullying'.

Ademais, Junquera incidiu na formación en competencias dixitais non só para mozos, senón para pais e profesores coa axuda do sector privado e as autoridades públicas. Nas súas palabras, isto serviría "para evitar que os riscos se convertan en perigos".

 

"Non demonizar" as TIC

Neste sentido, Rial apostou por "non demonizar" as TIC e aceptar que o uso correcto por parte dos mozos "non é cousa exclusiva" deles. "Vai máis aló e temos que abordar de forma integral por que é unha responsabilidade compartida", declarou.

Ao seu modo de ver, "non só é necesaria" unha educación no uso responsable das TIC, senón que, "por encima de todo" débese educar aos nenos en "competencias humanas".

E é que, segundo datos extraídos dunha enquisa realizada a máis de 50.000 nenos aos que se referiu o profesor de psicoloxía social, aquelas familias nas que os pais "supervisan, controlan, ensinan, aconsellan, poñen límites e, mesmo, predican co exemplo", as taxas de 'sexting', ciberacoso e de contacto con descoñecidos son "dous ou tres veces menores".

Pola súa banda, Pousada pediu ás familias un maior control parental e atrasar a idade de uso dos móbiles, así como políticas de prevención ás autoridades públicas. Ademais, aos centros educativos lembroulles que o 'ciberbullying', aínda que non se produza no seu ámbito, "si incide na educación".

 

Colectivos "máis vulnerables"

Junqueras referiuse tamén a un informe neste ámbito realizado por Unicef, no que se indica que 300.000 nenos en España non usaron un computador no últimos tres meses. Para a responsable da organización, isto supón unha "fenda de dobre sentido", tanto no acceso como nas condicións de uso da rede.

Neste sentido, destacou que son "máis vulnerables" os colectivos como xitanos, inmigrantes ou os nenos en centros residenciais de protección. Con respecto a eles, asegurou que manteñen un "uso moi xeneralizado" dos teléfonos intelixentes "pero non de computadores", polo cal "non teñen unha experiencia plena" no aproveitamento da internet.

Durante a súa intervención, a técnico en intervención social da Fundación Secretariado Xitano destacou que, dos nenos deste colectivo, o 22% "non teñen un acceso diario" á rede.

"A comunidade xitana ten moito que achegar á sociedade dixital", asegurou Gómez, á vez que explicou que isto se debe á "desvantaxe social" á que está sometido este sector.

 

O papel do sector público

Pola súa banda, o xefe do departamento de sociedade da información de Amtega, órgano dependente da Xunta, valorou o papel dos sectores públicos autonómico, estatal e europeo no control e a educación dixital. "Estaremos aliñados e tentaremos poder abordar estes problemas e resolvelos na medida das nosas posibilidades", prometeu.

Ademais, Gil lembrou que o Goberno galego ten en marcha iniciativas como a 'Estratexia Galega de Educación Dixital 2020' para adaptar á sociedade aos novos "perfís dixitais", que contará cun orzamento público-privado de cinco millóns de euros, e o proxecto educativo 'Abalar' que, segundo os seus datos, posibilitou o uso do libro dixital por parte de máis de 12.000 escolares durante o curso 2017-2018.

09/02/201809:30
Persoa usando unha tableta.
Santiago de Compostela

O Consello da Xunta aproba o anteproxecto de Lei de Administración dixital de Galicia co fin de acadar o papelame cero nas relacións entre a Administración e os cidadáns

  • Feijóo di que a nova lei rexerase por tres principios: que cada cidadán non teña que achegar os mesmos datos máis dunha vez, que a Administración empregue a información que ten para adiantarse ás necesidades do cidadán e a automatización dos procesos para mellorar a eficiencia da xestión
  • Sinala como novidades a definición dun marco galego de competencias dixitais; a creación dun Plan de capacitación dixital do empregado público; e a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente electrónico
  • Pon en valor a creación dun mapa de interoperabilidade das administracións públicas galegas e o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público
  • A nova lei recolle tamén a necesidade de creación dun Plan de continuidade dos servizos dixitais; o fomento da innovación dixital para impulsar novas formas de prestar servizos; e a creación dunha comisión de coordinación interadministrativa para a promoción da prestación conxunta de servizos

 

O presidente da Xunta, na súa comparecencia semanal tras o Consello de Goberno, informou da aprobación do Anteproxecto de lei de Administración dixital de Galicia, co fin de acadar o papelame cero nas relacións entre a Administración e os cidadáns. Trátase dunha nova lei que vén completar o Plan da Administración e Goberno dixital 2020 que a Xunta puxo en marcha en 2015.

A aprobación deste anteproxecto supón a adaptación da Administración galega ás obrigas establecidas na normativa estatal, pero tamén mellorar estas exixencias e consolidalas con rango de lei.

Esta nova norma rexerase por tres principios básicos: que cada cidadán non teña que achegar os mesmos datos máis dunha vez, que a Administración empregue proactivamente a información da que dispón para adiantarse ás necesidades do cidadán e a automatización dos procesos para mellorar a eficiencia da xestión.

As novidades que introduce a lei

Como novidades, esta Lei da Administración dixital inclúe: a definición, por vez primeira, dun marco galego de competencias dixitais, que toma como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia e a través do cal se poderán avaliar e certificar os coñecementos dixitais dos cidadáns; a creación dun Plan de capacitación dixital do empregado público, que lles permitirá ás persoas que traballan na Administración acadar o certificado galego de competencias dixitais; a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente electrónico; a creación dun mapa de interoperabilidade das administracións públicas galegas, que será un inventario de datos e documentos que estean en poder das administracións e o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público.

Para a posta en servizo destas melloras, a nova lei recolle tamén a necesidade de creación dun Plan de continuidade dos servizos dixitais, que garantirá o acceso a estes con seguridade, calidade e de xeito continuo; o fomento da innovación dixital para impulsar novas formas de prestar servizos e a creación dunha comisión de coordinación interadministrativa para a promoción da prestación conxunta de servizos.

Para a análise da información sobre a implantación deste sistema e a introdución de melloras, o presidente da Xunta informou de que a lei prevé un sistema de indicadores da Administración dixital, que estará apoiado neste labor de seguimento polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización Tecnolóxica de Galicia, cuxo papel se potenciará.

09/02/201809:28
Fotograma do vídeo 'Love Story'.
Santiago de Compostela

Loitar contra a suplantación de identidade na internet

A utilización da internet para facerse pasar por outra persoa e así acosar a mozas e nenos é un fenómeno que tristemente se triplicou nos últimos anos e, como sempre, afecta en maior medida ás persoas máis vulnerables, como poden ser aquelas con unha discapacidade.

Neste marco, Movistar, da man da Policía Nacional e da Garda Civil, puxo en marcha unha campaña para tratar de concienciar e protexer aos menores no uso da internet, advertindo do perigo derivado de aceptar a amizade de persoas descoñecidas.

Xeralmente trátase de persoas maiores que se fan pasar por mozas ou nenos en busca de persoas vulnerables ás que acosar a través de redes sociais ou programas de mensaxería.

A campaña de Movistar céntrase no vídeo ‘Love Story', no que dous mozos coñécense a través de Internet e que ten un desenlace impactante no momento de coñecerse en persoa.

Esta campaña de sensibilización desenvolverase a través das redes sociais, mensaxes de texto, Internet, plataformas educativas e colexios.

Así mesmo, súmase a outras ferramentas dispoñibles para tratar de evitar estas situacións, como controis parentais ou plataformas e programas de axuda e sensibilización.

09/02/201809:24
TeloReciclo - Santalucía.
Madrid

Santalucía recolle móbiles para TeloReciclo, iniciativa que impulsa o emprego de persoas con discapacidade intelectual a través da reciclaxe

  • O proxecto TeloReciclo está promovido por Orange coa colaboración da fundación ambiental Tragamóvil

 

Santalucía a aseguradora líder en protección familiar, recolleu máis de 500 móbiles usados nas súas oficinas, durante 2017, para TeloReciclo, unha iniciativa promovida polo teleoperador Orange que busca xerar máis postos de traballo, impulsar a integración de persoas con discapacidade intelectual e manter unha contorna máis sustentable grazas á reciclaxe. E para iso conta coa colaboración de Tragamóvil, fundación encargada de recoller os móbiles en desuso e trasladalos a plantas de reciclaxe autorizadas, para garantir así a correcta eliminación das substancias contaminantes coas que están fabricados e a recuperación das materias primas reutilizables.

Con motivo desta contribución que cumpre cun triplo beneficio (económico, social e ambiental), Orange e Tragamóvil outorgaron un recoñecemento a Santalucía, na sede desta compañía, pola súa participación no proxecto.

Emma Marín, Directora de Comunicación e RSC; Mireia García, Directora Corporativa de RR.HH. do Grupo asegurador; e Paloma Serrano, Responsable de Voluntariado Corporativo e PRL, recibiron o distintivo de mans de Cristina Urrutia, Responsable do programa de reciclaxe de móbiles de Orange, e Gonzalo Torralbo, secretario xeral de Recyclia. Durante o acto, Emma expresou que “un xesto tan sinxelo pode xerar un gran beneficio. Santalucía está comprometida coa empregabilidade das persoas e co medio ambiente, e esta é unha mostra máis dese compromiso”.

 

TeloReciclo

Por cada móbil que se deposita nas caixas de correos de reciclaxe que hai nas tendas Orange, ou se se decide realizar unha recompra no seu programa ‘Compramos o teu móbil', dóase unha porcentaxe do valor do móbil para a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual.

En España hai máis de 50 millóns de dispositivos móbiles, dos que, segundo un informe de Sheffield Hall University, un 44% acaba, ao cabo dun tempo, gardado nun caixón. Estes dispositivos tan cotiáns son coñecidos como “minas urbanas”, xa que, segundo un estudo de Tragamóvil, máis do 90% dos seus compoñentes son reutilizables na fabricación de novos produtos. Ademais, a actividade de reciclaxe de móbiles crea emprego: estímase que por cada 12.000 móbiles recollidos, créase un posto de traballo para unha persoa desempregada.

Dentro da súa política de Responsabilidade Social e Sustentabilidade, Orange puxo en marcha plans de acción para reducir o seu consumo enerxético e emisións de CO2 e optimizar o final da vida útil dos equipos, fomentando a reciclaxe a través de numerosas campañas nas súas tendas, centros de traballo e con distintas iniciativas asociadas a centros escolares. Orange pon a disposición do proxecto a súa estrutura de tendas e a súa experiencia e loxística en tarefas de recollida e reciclaxe de móbiles usados en colaboración con Tragamóvil .

Máis información: www.teloreciclo.es / http://somosresponsables.orange.es/.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS