main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/10/201607:47
Programa dos cursos do Concello de Cee
Cee

O Concello de Cee convoca nova edición dos seus cursos na Rede

A convocatoria da II edición do ciclo de cursos Concello de Cee na Rede, organizados pola Concellería de Presidencia, Benestar Social, Igualdade e Emprego (dirixida por Pilar Iglesias), xa está aberta. A finalidade destes cursos é achegar á poboación os coñecementos básicos no uso da Rede e amosar as vantaxes que pode ter o uso da tecnoloxía en situacións cotiás.

Desta volta, os obradoiros virán marcados polo tipo de poboación á que se dirixen e polos seus coñecementos previos no uso de Internet. Dito doutro xeito: haberá formación encamiñada ao público xeral non iniciado, mais tamén a desempregados que non coñecen o manexo da Rede nin o que pode supor de cara á súa busca de emprego.

En canto ás persoas maiores, logo do éxito acadado na edición anterior, este ano tamén haberá un curso de iniciación específico para eles no que se pretenderá acadar un bo desenvolvemento co computador realizando buscas en Internet e cun achegamento ao uso do correo electrónico e ás redes sociais. A xeito de novidade, aqueles que xa se desenvolven mellor terán a oportunidade de seguir aprendendo e avanzando no seus coñecementos (uso dosmartphone e as súas posibilidades, etc).

Os interesados en asistir aos cursos deberán apuntarse nas Oficinas de Orientación Laboral do Concello de Cee até que se completen o número de prazas dispoñibles.

18/10/201609:43
Nenos no pasillo dun colexio
Santiago de Compostela

App para previr o bullying nos colexios

  • O seu funcionamento, intuitivo e sinxelo, é similar ao do Whatsapp

 

Durante a celebración de SIMO Educación, os días 19, 20 e 21 de outubro, Appvise presentará a súa app para previr o bullying nos colexios e impartirá charlas sobre este problema. Disporá dun recuncho de realidade virtual onde os visitantes poderán experimentar, en primeira persoa, que senten as vítimas de bullying.

O equipo de Appvise está composto por psicólogos, docentes, deseñadores e desenvolvedores - entre outros perfís-, cunha particularidade común: a maioría deles tamén son pais. Por iso é polo que os seus esforzos se centran en converter a app nunha poderosa ferramenta de comunicación de uso habitual entre profesores e pais para ofrecer, aos fillos e/ou alumnos, unha formación extra que satisfaga as necesidades educativas de hoxe en día. Neste sentido inclúense programas de desenvolvemento da intelixencia emocional, de habilidades sociais ou de aprendizaxe cooperativa, etc.

Appvise ten múltiples utilidades baixo unha contorna segura e non intrusiva. O seu funcionamento, intuitivo e sinxelo, é similar ao do Whatsapp, pero introduce substanciais melloras para os profesores como a privacidade do seu número de teléfono, a restrición do horario para a recepción de mensaxes ou a imposibilidade de facer "círculos dixitais" entre pais.

Outros servizos que ofrece esta aplicación son: que un profesor poida mandar unha autorización aos pais dos seus alumnos tan só enviando unha mensaxe desde a app do seu móbil ou por a disposición dos alumnos material de estudo complementario a través de ligazóns a páxinas web educativas, vídeo-tutoriais ou presentacións. Tamén, grazas a esta ferramenta, o profesor nunca máis terá que estar pendente da tradicional axenda de papel, xa que conta cunha axenda dixital incorporada.

 

18/10/201608:55
Cartel do programa.
Zaragoza

Google, IBM, Microsoft e Deloitte participarán no Congreso Nacional Centac

  • Google, IBM, Microsoft ou Deloitte estarán presentes no sétimo Congreso Nacional Centac de Tecnoloxías da Accesibilidade, que se celebrará en Zaragoza os días 14 e 15 de novembro.

 

Temas como fabricación personalizada, intelixencia artificial, realidade virtual e Fintech son exemplos de áreas de actividade nas que a tecnoloxía ten un importante impacto social. Por este motivo, a súa achega á accesibilidade será tratada en profundidade no congreso.

Unha mesa moderada por Ángel García Castillejo, conselleiro da Comisión Nacional do Mercado das Telecomunicacións, analizará como axuda a intelixencia artificial á autonomía das persoas e como se adapta ás diversidades funcionais da sociedade. Para iso, contará coa participación de dúas compañías á vangarda no ámbito da realidade virtual: IBM e Microsoft.

O uso da realidade virtual en aplicacións de lecer, educación e rehabilitación ten un enorme potencial para mellorar a vida das persoas con discapacidade. Antonio Vargas, senior Policy Analyst para España e Portugal de Google, e Diego Romero San Martín, responsable de Proxectos en Tecnoloxías TIC do Instituto Tecnolóxico de Aragón; José Luis Farias de Paramotion, e Darío Reques de Dobra Tus Crifras profundarán neste campo.

Outra mesa de debate estará dedicada á fabricación personalizada. Expertos como Julián Carabaña, técnico especialista do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (Ceapat); Miguel Ángel Brun, de Informática El Corte Inglés, ou Jesús García Tello, director adxunto de Sistemas de Información de Red.es, explicarán cal é a súa aplicación no campo da accesibilidade a través dos seus proxectos.

Por último, Deloitte e Ibercaja tratarán de explicar como as empresas do sector financeiro están a tomar en consideración criterios de accesibilidade na importante transformación dixital que están a levar a cabo nas súas estruturas.

18/10/201608:10
Móbil con apps android
Ponteareas

Ponteareas achega á veciñanza as aplicacións de Google e ao retoque fotográfico

O Concello de Ponteareas anunciou a semana pasada a organización de dúas actividades formativas para nais e pais relacionadas directamente coas tecnoloxías da información. Trátase dun curso sobre retoque fotográfico e outro sobre aplicacións de balde. Os obradoiros, que serán de balde, abren hoxe o mesmo cadanseu prazo de inscrición (até o día 25). Cada unha das actividades achegará un total de dez prazas.

Ambos os dous cursos desenvolveranse na aula CeMIT situada no Centro Social da rúa Oriente de 16.00 a 18.00 horas. O curso de retoque fotográfico comezará o mércores 2 de novembro, continuará o 9 e 16 do mesmo mes e rematará o 23. Deseguido, o curso de aplicacións de Google empezará o mércores 30 de novembro, seguirá o 14 e rematará o 21 de decembro.

Segundo informa o Concello, a primeira das actividades será un achegamento ao retoque fotográfico a través de procesos como a creación dun logotipo e fondo de pantalla, unha fotomontaxe, o enfoque e desenfoque, a coloración ou filtros básicos, entre outros temas. O segundo obradoiro, centrado en aplicacións de Google, introducirá aos asistentes na configuración de aplicacións de Google a través do correo, de Google Maps, Gmail, Google Docs, Google Drive ou Hangout, entre outros.

17/10/201613:12
Persoa maior usando un móbil
Lugo

Comeza este luns o programa Alimentatic da Deputación de Lugo

Este luns comeza unha nova actividade da Deputación de Lugo enmarcada nos seus obxectivos de fomentar hábitos saudables entre os maiores da provincia a través do uso das novas tecnoloxías da información. Falamos de Alimentatic, un programa de conferencias e obradoiros (un total de 15) que se van desenvolver en diferentes comarcas e que inclúe, tamén, unha guía de alimentación saudable en formato dixital (co deseño dun menú semanal e consellos para comer ben a prezos económicos, entre outros aspectos). Alimentatic arrinca este luns cunha conferencia do nutricionista Antonio Botana sobre alimentación saudable. Será no salón de actos do InLugo ás 16.30 horas.

Segundo informa a Deputación, obxectivo de Alimentatic é “aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para chegar de maneira máis rápida e eficaz a un maior número de lucenses de máis de 55 anos”. Alimentatic forma parte da programación da iniciativa de divulgación InLugo (Deputación) para o último trimestre de 2016, que tamén inclúe 29 obradoiros gratuítos sobre o uso de novas tecnoloxías. Estas actividades formativas, segundo informa a entidade provincial, “teñen unha alta demanda”. De feito, engade, “as 393 prazas previstas quedaron cubertas ás seis horas de abrirse o prazo de inscrición”.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora...

LER MAIS