main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/02/201808:32
Logo Fundación Mapfre.
Santiago de Compostela

A Fundación Mapfre apoiará proxectos con alto impacto social

  • A Fundación Mapfre convoca a emprendedores de Latinoamérica e Europa á primeira edición dos Premios á Innovación Social, por medio da cal apoiará con 30 mil euros aos proxectos gañadores

A Fundación Mapfre convoca a emprendedores de Latinoamérica e Europa á primeira edición dos Premios á Innovación Social, por medio da cal apoiará con 30 mil euros aos proxectos gañadores. A compañía indicou que as persoas interesadas en participar no certame poden presentar o seu proxecto ata o 30 de abril, o cal, ademais de ser innovador, debe ter impacto social, así como viabilidade de implementación desde o punto de vista técnico, económico e loxístico. Nun comunicado, explicou que se valorará a capacidade e experiencia dos participantes, respecto da súa demostración con probas piloto ou prototipos que levasen a cabo e que acrediten que o proxecto pode ser unha realidade. A convocatoria dos premios estará dispoñible en tres rexións xeográficas: Brasil, Latinoamérica e Europa. A final do certame celebrarase o 17 de outubro de 2018 en Madrid.

Os premios contemplan tres categorías: Mellora da Saúde e Tecnoloxía Dixital (e-Health), que recoñece proxectos enfocados a mellorar a cultura da saúde, impulsar condutas saudables e contribuír a un cambio de hábitos máis positivos. A segunda categoría é Innovación Aseguradora, que premia ideas tecnolóxicas dedicadas á promoción de seguros máis accesibles e transparentes para os clientes, así como mellorar o servizo e eficiencia das aseguradoras para incentivar o interese pola previsión social. Así como Mobilidade e Seguridade Viaria, que galardoa solucións tecnolóxicas que reduzan o número de accidentes, o tráfico e a contaminación, así como as propostas para implementar contornas urbanas máis sustentables. 

16/02/201808:20
Juan Pardo, director da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo.
Vigo

Máis de 180 equipos de toda Galicia mediranse na competición de robots da EE Industrial de Vigo

A organización da competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial (Campus de Vigo) vén de informar da presenza no torneo de 185 equipos confirmados de todos os recantos de Galicia medindo forzas e enxeños o vindeiro 4 de maio. A proba, que vai pola súa cuarta entrega, acadou coa devandita cifra un récord de participación, e máis se temos en conta que, contando os membros dos ditos equipos, estariamos a falar dun milleiro de participantes. Estas cifras foron valoradas moi positivamente por Juan Pardo, director da EEI, quen recoñece que se ben a previsión era atopar unha boa resposta, as cifras de participación finalmente acadadas superaron as expectativas. 

En total, para a cuarta edición da proba, rexistráronse máis de 170 equipos na categoría Wall-E, dirixida a alumnado da ESO e Bacharelato, e 15 equipos na R2D2, para alumnado de titulacións superiores e outras persoas interesadas. A competición realizarase por equipos, que deberán deseñar, construír e poñer en funcionamento cadanseu robot a partir dun kit básico que lles entrega a organización da proba.

Cun total de 60 equipos, o 1º curso de Bacharelato é o que máis inscricións rexistrou, seguido de 2º da ESO con 41 e 4º da ESO con 37. Por provincias, a de Pontevedra sitúase á cabeza en canto á procedencia dos centros participantes, cun 63% do total, seguida de a de A Coruña con case un 34%. Asemade, cóntase con algúns centros das provincias de Lugo e Ourense, pero son maioría os de Pontevedra e A Coruña que van tomar parte nesta competición, coa que se busca que o alumnado, en especial as mozas, perdan o medo ás disciplinas STEAM (Science, Technology, Engineering, Art and Mathematics), sobre todo no caso dos estudos de enxeñaría.

Superada a barreira dos 1000 participantes, a organización da competición está a considerar introducir algunhas modificacións respecto a anteriores edicións, “dunha banda, estudamos a posibilidade de habilitar algunha aulas para que alí as e os participantes poidan poñer a punto os seus robots e, da outra, pensamos en implantar algunhas melloras tecnolóxicas na medición dos tempos, para facelo dun xeito máis profesional”, explica o director do centro. A competición de robots está organizada pola Escola de Enxeñería Industrial en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Enginieers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo.

15/02/201808:02
Presentación do Kit de Activación Dixital.
A Coruña

O Kit de Activación Dixital da Coruña abriuse á participación da xente

O Kit de Activación Dixital, posto en marcha polo Concello da Coruña para atender a demanda dos axentes sociais e culturais (docentes, centros culturais, activistas, servizos sociais, traballadores de bibliotecas e profesionais en xeral de moi diversos ámbitos) de ferramentas accesibles e universais que favorezan a creación e distribución de contidos, está estes días aberto á participación directa da cidadanía. Segundo explican dende Coruña Dixital, recolleranse até o 28 de febreiro as contribucións de “todas aquelas persoas que teñan unha experiencia relacionada co audiovisual e as narrativas dixitais como ferramentas de traballo ou aprendizaxe no contexto da educación ou da transformación social”. O obxectivo: acadar entre todas e todos unha ferramenta máis completa e útil á comunidade

A metodoloxía a seguir polos cidadáns que queiran achegar as súas propostas é esta: en primeiro lugar hai que acceder ao espazo web do Kit, e unha vez dentro, entrar no apartado de Achegas e cubrir un formulario online. Do mesmo xeito recóllense ideas, suxestións e dúbidas que teñan como obxectivo mellorar a guía metodolóxica do proxecto ou calquera outro apartado do mesmo. Segundo explican os responsables do Kit, a idea é que unha vez pechado o prazo de recollida, sexa posible elaborar un documento, que se habilitará para descarga en formato PDF e que “será a guía metodolóxica final”. Esta guía, xa definitiva, incorporarase á web o día 15 de marzo.

Para quen non o saiba, Kit de Activación Dixital é unha guía e un punto de encontro entre “persoas que fan e persoas que queren facer”, en palabras de Coruña Dixital, que engade que o proxecto pon en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación audiovisual e a comunicación dixital, “pensando especialmente nas aulas de ensino (formal ou non) e nos espazos culturais de proximidade, pero tamén en asociacións veciñais, culturais ou vinculadas a colectivos específicos”. O Kit de Coruña Dixital está dispoñible para o público dende o 3 de febreiro. Detrás deste proxecto atópanse as seguintes entidades e colectivos: Coruña Dixital (Concello da Coruña), Gingko e La Mujer Forzuda.

15/02/201807:53
Premiadas de "Lingua de Namorar".
Vigo

Entréganse en Vigo os premios do certame Lingua de Namorar

Na tarde deste 14 de febreiro, coincidindo de maneira significativa co día de San Valentín (a festa por excelencia das e dos namorados), entregáronse en Vigo (no Museo do Mar de Galicia, a carón do Pergamiño Videl) os premios do certame Lingua de Namorar, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura e Educación) e a Dirección Xeral de Xuventude co obxectivo de promover a nosa lingua no ámbito das novas tecnoloxías da información. E co requirimento temático de que as creacións presentadas estean construídas, de maneira íntegra, para engaiolar ao destinatario ou destinataria. No acto de hoxe participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e a escritora galega Rosalía Fernández Rial como condutora.

Durante a súa intervención Román Rodríguez salientou a importancia de “manter o galego como unha lingua dos afectos e das relacións persoais, de visualizala como o que sempre foi, a lingua do pobo de Galicia”, ao tempo que se avanza na súa presenza nos espazos formais, como a Administración.

O conselleiro explicou que as cantigas do Pergamiño Vindel “xa expresaban o amor en galego, tal e como o fixeron tamén os participantes neste certame Lingua de namorar”, demostrando que a lingua propia de Galicia non “só ten historia senón que tamén ten futuro; unha lingua de pergamiños, pero tamén de whatsapps”. 

Os participantes no acto salientaron que o certame “foi un éxito”, xa que dobrou de maneira considerable a participación da mocidade con respecto a todos os anos anteriores e chegou aos 1.509 mozos e mozas. Un total de 704 concorreron ao concurso coas súas declaracións de amor en galego, 488 na categoría A (de 14 a 19 anos) e 216 na categoría B (de 20 a 35 anos); 805 en total, votaron as súas favoritas.

De entre as 50 máis votadas en cada categoría, resultaron gañadoras do primeiro premio na categoría A, Nee Barros (Marín), pola mensaxe Muiñeira; do segundo Ania Ferreira (Vigo), pola mensaxe Tes lume? e do terceiro Uxía Martínez (Vigo), pola mensaxe Amor adiantado.

Na categoría B fixérono do primeiro premio Teresa Pérez (Lousame), pola mensaxe Infinito; do segundo Aitana Iglesias (Narón), pola mensaxe Fagamos melodía e do terceiro Iria Carreira (Arzúa), pola mensaxe Terroristas.

As gañadoras recibirán como premios un Hoveboard Nilox, unha cámara Fuji instantánea mini 9, un auricular Panasonic Diadema, unha smart TV Panasonic 32”, un smartphone Wiko 5” e unha cámara deportiva Mini Wifi 2”, respectivamente, acompañados de cadansúa reprodución do Pergamiño Vindel, conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018 e mais un diploma acreditativo. Toda a información e textos gañadores está xa dispoiíble na web Lingua.gal.

14/02/201812:15
Portada do capítulo de "On Fologüers".
Santiago de Compostela

A cuadrilla de On ‘Fologüers' ridiculiza a quen non saben relacionarse coas persoas con discapacidade

  • Ri con agarimo dos que cren que unha cadeira de rodas é un bo percheiro ou dos que obstaculizan “só un minuto” ao aparcar nun paso de peóns

 

A cuadrilla de On ‘Fologüers', a serie animada da Fundación ONCE, quixo dedicar un capítulo a ridiculizar e “solidarizarse” con quen non saben relacionarse coas persoas con discapacidade ou lles dificultan o seu día a día, aínda que sexa sen propoñelo, ao deixar por exemplo o seu coche mal aparcado, ou ao utilizar unha cadeira de rodas como un gran percheiro. 

 

Titulado ‘A discapacidade e as súas movidas. Hoxe: persoas que', o VI episodio da segunda tempada da serie mostra diferentes escenas nas que membros da cuadrilla viven situacións que poden resultar humillantes ou que, como mínimo, dificúltanlles a relación normalizada con quen non teñen discapacidade.

 

Así, por exemplo, Laura, unha moza cega que vai con bastón, e a súa amiga María, en cadeira de rodas, vense inmersas un día nun caos urbano provocado por un coche aparcado nun paso de peóns, iso si, o condutor asegura que o deixou en mal sitio “só un minuto”. A mesma María ten que “aceptar”, noutra ocasión, que a súa cadeira de rodas é ademais un estupendo percheiro cando empeza a sobrar a roupa na discoteca.

 

Noutras escenas, pode verse a Toni, un mozo xordo oralizado, esforzándose por entender ao seu compañeiro de mesa, que lle fala sen ter en conta que debe facelo deixando visibles os seus beizos para que o seu interlocutor poida lelos, ou a Amaia, tamén con discapacidade auditiva, pero signante, tratada por unha dependenta dunha tenda de roupa coma se fose unha nena.

 

Tras o éxito da primeira tempada, estreada en xuño de 2016, a Fundación ONCE volve insistir neste formato para visibilizar e tratar de normalizar o día a día das persoas con discapacidade retratadas nunha cuadrilla de amigos que se enfrontan a situacións cotiás e que resolverán con moito sentido do humor. 

 

Grazas á súa aposta por normalizar a discapacidade a serie da Fundación ONCE foi recoñecida co Premio Cermi.es na categoría de Comunicación e Imaxe Social da Discapacidade.

 

‘On Fologüers' pódese ver en Flooxer, plataforma audiovisual que apoia a creadores con talento e que conta con 1,5 millóns de visitas ao mes; e nas canles de redes sociais de Antena 3, La Sexta, Onda Cero Radio e Europa FM.

 

 

A serie emítese nas canles de redes sociais da Fundación ONCE: 

 

Twitter (https://twitter.com/Fundacion_ONCE)

Facebook (https://www.facebook.com/fundaciononce/

YouTube (https://www.youtube.com/user/fundaciononce)

 

Tamén pode accederse a ela a través da web da Fundación ONCE (https://www.fundaciononce.es/).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS