main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/02/201808:03
Coruña Hacks.
A Coruña

Coruña Hacks quere axudar á cidade con obradoiros participativos de aplicacións

Os responsables da iniciativa Coruña Hacks (impulsada polo grupo GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña) veñen de anunciar o vindeiro desenvolvemento de proxectos de aplicación para as necesidades da cidade. As xeiras de traballo comezarán o 3 de marzo (de 11:00 a 20:00 no centro Ágora) e prolongarase alomenos até o mes de xuño, nos primeiros sábados de cada mes. Coruña Hacks, para que non o saiba, é un laboratorio permanente de hackatons nos “que aprender e traballar en común no desenvolvemento de prototipos de aplicacións informáticas”. 

Nestes obradoiros a tempo completo teñen cabida “todas as persoas que o desexen do ámbito do desenvolvemento informático, o deseño multimedia ou interesadas no código aberto, con independencia de cal sexa o seu nivel de coñecementos”, sinalan os impulsores.Coruña Hacks conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática, e por suposto de Coruña Dixital, que ten entre os seus obxectivos “conectar persoas e comunidades interesadas na cultura dixital, no uso creativo e construtivo da tecnoloxía e na posta en marcha de proxectos innovadores, sustentables e con capacidade transformadora”.

Segundo engade o Concello a conto destes obradoiros, Coruña Hacks responde a estas liñas, ao igual que outros proxectos apoiados no seu momento por Coruña Dixital, como o primeiro Hackatiño de Datos Abertos e a súa segunda edición, que desenvolveu catro proxectos de aplicacións para mellorar a mobilidade na cidade. Neste intre as actividades atópanse en proceso de coller corpo definitivo, sobre todo no que se refire ao seu programa de relatores e temáticas concretas a tratar. Para perfilalo, Coruña Hacks está a recoller ideas e propostas na súa web, tanto de particulares como de colectivos, cun interese especial en suxestións que teñan que ver con necesidades da cidade, das súas asociacións e entidades, para traballar en resolvelas dende a perspectiva do código aberto, para, a partir de marzo, comezar a traballar.

27/02/201807:56
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Santiago pecha cunha xornada o seu programa para impulsar hábitos tecnolóxicos sustentables

A campaña ambiental e sustentable Longa vida aos teus aparellos electrónicos! está a piques de rematar en Compostela. Para celebralo e para conmemorar os importantes logros de concienciación e participación obtidos, os impulsores da iniciativa (o Concello de Santiago e a empresa Teimas a través de Tropa Verde) van organizar este 6 de marzo unha xornada de divulgación, O papel das cidades na Economía Circular. A cita será no edificio CERSIA e contará con relatores de referencia no ámbito da sustentabilidade tecnolóxica, o cambio climático e as posibilidades importantes de aproveitamento que ofrecen os refugallos TIC unha vez que entran en en desuso. 

Quen queira participar na xornada pode facelo enviando os seus datos á conta de correo comunicacion@revertia.com. A sesión de clausura insírese como dixemos na campaña Longa vida aos teus aparellos electrónicos!, un programa posto en marcha para fomentar a captación e o tratamento axeitado de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, aumentando as porcentaxes de reutilización e reciclaxe. A campaña foi posta en marcha polo Concello de Santiago de Compostela xunto coas empresas Teimas Desenvolvemento, Revertia e Recyclia. A finalidade foi “incentivar a responsabilidade ambiental nos cidadáns e cidadás de Santiago de Compostela e mellorar os índices de reutilización e reciclaxe destes residuos e prever así graves problemas de contaminación da auga, do chan e emisións de substancias tóxicas”.

Na presentación da iniciativa, celebrada o ano pasado, explicábase que para participar na mesma cumpría un rexistro previo na plataforma web tropaverde.org co fin de ir xuntando estrelas pola entrega de residuos eléctricos e electrónicos nos 14 puntos de recollida habilitados en centros socioculturais e polideportivos (as estrelas podíanse trocar despois por premios e descontos nos establecementos de Santiago que patrocinan o programa, premios entre os que se inclúe o sorteo, precisamente, de dous portátiles e dous teléfonos móbiles).

Na campaña incluíuse a recollida de equipos de informática e comunicacións como PC, portátiles, ou teléfonos móbiles; e pequenos electrodomésticos, como batedores, secadores de cabelo, torradoras, cepillos de dentes eléctricos, tabletas, consolas ou xoguetes a pilas. Tamén apañaron pilas e baterías.

26/02/201810:20
Persoa de costas tomando apuntamentos.
A Coruña

A Fundación Barrié abre a quinta convocatoria de Máis Social, centrada na mellora da comunicación das entidades sociais galegas con 65 prazas e un ambicioso programa de formación, mentoring, web e consultoría

  • Máis Social é un programa innovador da Fundación Barrié, dirixido ao fortalecemento do Terceiro Sector, a través do cal, desde o ano 2011, facilita ás entidades sociais medios e estratexias enfocadas a optimizar a súa xestión e promover un modelo de acción social economicamente sustentable.
  • A convocatoria Máis Social 2018-2019 ofrece 65 prazas orientadas a reforzar a comunicación externa das entidades non lucrativas galegas de acción social, distribuídas en varias liñas de apoio: Formación de 42 horas para mellorar as competencias de xestión da comunicación dixital (40 prazas); Servicios profesionais de mentoring de 48 horas para coñecer e practicar as funcións de Community Manager (10 prazas); Asistencia técnica para a implementación de páxinas web corporativas de 235 horas con impacto social a través do modelo de web Conecta (5 prazas) e Consultoría de 1 ano para o desenvolvemento de plans de comunicación externa (10 prazas).
  • O prazo de solicitude está aberto desde o 22 de febreiro ao 16 de marzo de 2018, ambos os incluídos.
  • 109 entidades de acción social e sen ánimo de lucro galegas e de ámbito nacional (confederacións, federacións, asociacións, fundacións…) beneficiáronse dos diferentes servizos facilitados polo Programa Máis Social desde a súa posta en marcha en 2011, o que lles permitiu optimizar a súa capacidade financeira e de xestión, potenciar a súa utilidade pública e aumentar a súa transparencia para a sociedade.
  • Con esta convocatoria a achega da Fundación Barrié ao Programa Máis Social ascende a máis  de 3.700.000 euros  (2011-2018).
  • A análise de impacto das primeiras dúas convocatorias pon de manifesto datos que avalan o cumprimento do obxectivo con indicadores tales como: o 70% das entidades alcanzan ou superan os seus obxectivos de profesionalización e sustentabilidade; o 60% das entidades elaborou ou actualizado o seu plan estratéxico; o 80% mellorou a súa web e presenza online e o 75% mellorou en transparencia.

 

A Fundación Barrié abriu o xoves 22 de febreiro, a quinta convocatoria de máis Social.

Máis Social, é un programa innovador da Fundación Barrié dirixido ao fortalecemento do Terceiro Sector, a través do cal, desde o ano 2011, facilita ás entidades sociais medios e estratexias dirixidas a optimizar a súa xestión e promover un modelo de acción social economicamente sustentable.

65 prazas para reforzar a comunicación externa das entidades non lucrativas galegas de acción social
O eixo da convocatoria Máis Social 2018-2019 oriéntase fundamentalmente a reforzar a comunicación externa das organizacións non lucrativas, por entender que a comunicación ten un valor estratéxico na xestión das organizacións e que a súa planificación é fundamental non só para mellorar a maneira de chegar aos seus grupos de interese, senón tamén para obter o pleno recoñecemento do valor social e tamén económico que estas entidades achegan á sociedade.

A Fundación Barrié asume integramente o custo das 65 prazas que se ofertan nesta convocatoria e que se distribúen en varias liñas de apoio.

Seguir lendo na fonte da noticia...

26/02/201810:12
Cartel do programa.
A Coruña

A Fundación Barrié e a Asociación Arela presentan “2018: Enreda na rede”, un programa de actividades para fomentar o bo uso das tecnoloxías entre adolescentes galegos

  • O programa inclúe a convocatoria dun concurso de deseño dirixido a alumnos matriculados en ESO, Bacharelato e Formación Profesional, aberto desde o 15 de febreiro
  • A Fundación Barrié e a Asociación Arela presentan, baixo o lema “2018: enreda na rede”, unha serie de actividades orientadas á toma de conciencia sobre o uso das novas tecnoloxías por parte dos adolescentes (as súas vantaxes, os seus inconvenientes e os riscos por un uso inadecuado ou excesivo: sexting, grooming, ciberacoso escolar, gambling…) así como a identificar, por parte da comunidade educativa e profesional, condutas inapropiadas, aprendendo estratexias para modificalas
  • O programa inclúe unha xornada formativa para os profesionais da educación e a intervención social e un taller para escolares de ESO e bacharelato que se celebrarán o 3 de maio na sede da Coruña; así como un concurso de deseño sobre o bo uso das redes sociais no que os estudantes poden participar ata o 15 de abril
  • Marc Masip Montaner, responsable do programa psicoeducativo contra a adicción ás novas tecnoloxías Desconecta, será un dos profesionais que participarán nestas actividades
  • “2018: enreda na rede” forma parte de Ktorce-18, unha iniciativa da Fundación Barrié e da Asociación Arela, que ten como fin achegar a Lei do Menor á comunidade educativa (familias, estudantes e docentes) e que chegou a máis de 28.000 participantes desde a súa posta en marcha no ano 2012

 

A Asociación Arela e a Fundación Barrié constatan, desde hai tempo, como se incrementaron as diferentes problemáticas relacionadas co uso polos máis novos das novas tecnoloxías, así como a necesidade de realizar unha reflexión por parte do alumnado, docentes e profesionais da intervención, en xeral.

Por iso, baixo o lema “2018: enreda na rede”, realizaranse ao longo dos próximos meses, unha serie de actividades orientadas á toma de conciencia sobre o uso das novas tecnoloxías por parte dos adolescentes (as súas vantaxes, os seus inconvenientes e os seus riscos por un uso inadecuado ou excesivo: sexting, grooming, ciberacoso escolar, gambling…) así como a identificar, por parte da comunidade educativa e profesional, condutas inapropiadas aprendendo estratexias para modificalas.

Concurso de deseño
Co obxectivo de fomentar o debate na aula sobre o uso das novas tecnoloxías, e de que os estudantes reflexionen sobre a utilización das redes sociais, achegando a súa visión persoal, ponse en marcha un concurso de deseño baseado na creación dun eslogan e unha representación gráfica sobre o bo uso das redes sociais entre adolescentes. O deseño máis valorado será utilizado para unha tirada de camisetas para a aula gañadora ou á que pertenza o autor/a do mesmo.

Está dirixido ao alumnado matriculado durante o curso 2017-2018 en centros educativos de Galicia en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica e Ciclos Medios de Formación Profesional, quen pode presentar as súas propostas entre o 15 de febreiro e o 15 de abril de 2018.

Máis información e bases en: http://www.fundacionbarrie.org/concurso-enredanarede-ktorce18

 
Taller para estudantes de ESO e bacharelato – Programa Desconecta
Marc Masip Montaner, responsable do programa psicoeducativo contra a adicción ás novas tecnoloxías Desconecta, impartirá un taller destinado a estudantes de ESO e bacharelato, de carácter participativo, e actividades que proporcionarán o grao de dependencia ás novas tecnoloxías.

Data: 3 de maio 2018
Lugar: sede da Fundación, A Coruña (Cantón Grande, 9)
Hora: xornada de mañá
Inscricións: 986 212 537 ana@arela.org
Actividade sen custo
 

Xornada formativa para profesionais
O mesmo 3 de maio, pola tarde, celebrarase na sede da Fundación Barrié da Coruña unha xornada formativa para os profesionais da educación e a intervención social, que ten como obxectivo xeral crear un espazo de formación e reflexión sobre o uso das redes sociais entre adolescentes e como inflúe nos centros educativos, para poder identificar condutas inapropiadas e aprender estratexias para modificalas, así como coñecer experiencias destacadas no ámbito do traballo do bo uso das novas tecnoloxías.

Tamén contará coa participación de Marc Masip Montaner, responsable do programa psicoeducativo contra a adicción ás novas tecnoloxías Desconecta. así como doutros profesionais vinculados a esta temática.

O prazo de inscrición á xornada abrirase a partir do mes de marzo.

 
Programa Ktorce-18 de prevención de condutas infractoras
“2018: enreda na rede” forma parte de Ktorce-18, unha iniciativa da Fundación Barrié e da Asociación Arela, que ten como fin achegar a Lei do Menor á comunidade educativa (pais, alumnado e profesorado) e que chegou a máis de 28.000 participantes desde a súa posta en marcha no ano 2012.

O programa KTORCE-18 seguirá tendo o seu eixo fundamental da intervención no contexto escolar na realización de charlas, para o alumnado e profesorado, así como para familias, convocadas polos departamentos de Servizos Sociais dos Concellos de Galicia.

Esta intervención ten o obxectivo xeral de tentar previr a comisión de feitos delituosos entre adolescentes, así como dar a coñecer o contido da Lei do Menor á sociedade. As charlas Ktorce18 pódense solicitar directamente a través das webs das entidades organizadoras: www.fbarrie.org e https://www.arela.org.

Máis información en:

Asociación ARELA
Rúa: Ernesto Lecuona, 11 baixo. 36205 Vigo
Persoa de contacto: Xullo Barreiro González
Teléfono: 986 21 25 37
 
Web: http://www.fundacionbarrie.org/ktorce-18 

26/02/201809:54
Aula CeMIT de Ferrol.
Ferrol

Un total de 273 persoas acudiron ás formacións que a aula CeMIT de Ferrol ofreceu en 2017

  • A aula CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) de Ferrol ofreceu o pasado ano preto de 500 horas de formación, destacando na súa maioría a referente á alfabetización dixital –iniciación á informática, ofimática, redes sociais, etc.

 

A aula CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) de Ferrol ofreceu o pasado ano preto de 500 horas de formación, destacando na súa maioría a referente á alfabetización dixital –iniciación á informática, ofimática, redes sociais, etc.–.

Ás devanditas actividades de 2017 acudiron un total de 273 persoas e, actualmente, o espazo situado no terceiro piso do Edificio Adiministrativo da Xunta –Praza Camilo José Cela– conta con 1.133 usuarios –un 1,7% da poboación total do municipio–, segundo datos facilitados pola administración autonómica, de quen depende a Rede CeMIT.

En canto ao perfil das persoas que fan uso deste servizo, a media é muller cunha idade entre 45 e 60 anos. Así, do número de usuarios totais, o 81 por cento son mulleres e o 19% restante homes e, por idade, o 66% dos usuarios teñen máis de 45 anos.

Actividades
A aula CeMIT de Ferrol é un dos 98 espazos públicos destas carcaterísticas existentes en Galicia –na comarca hai oito: Ferrol, Narón, Ares, Mugardos, Pontedeume, San Sadurniño, Ortigueira e As Pontes– que teñen a finalidade de conseguir a alfabetización dixital e a inclusión tecnolóxica dos seus habitantes, “de tal maneira que todo galego ten unha aula a media hora de distancia do seu fogar e pode acceder á formación presencial e tamén formación on-line desde calquera punto”, indica a Xunta.

A Rede caracterízase pola impartición de actividades formativas no campo da alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital, polo que actualmente na cidade naval están a levarse a cabo cursos de iniciación á informática e outros algo máis avanzados en colaboración coa Casa da Muller –referidos a un dos lotes de actividades ofertados no devandito espazo, xunto cos de empoderamento feminino e o primeiro lote referido ás áreas de desenvolvemento persoal e actividades cognitivas e físicas–, que comezaron o pasado mes de outubro e finalizarán en maio.

Así mesmo, a aula ferrolá tamén ten planificado realizar actividades no mes de outubro en colaboración con outras entidades con presenza na cidade como CCOO ou a ONCE.

Un dos obxectivos principais da Rede, tal e como sinalan desde a súa dirección, é “promover ou uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a Pemes e Micropemes as vantaxes da sociedade da información”.

Ademais, esta plataforma habilitouse para a formación e avaliación dos contidos para a obtención da certificación de competencias dixitais en ofimática (CODIX) en maio de 2014, polo que foron máis de 5.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.750 en cursos de teleformación tutorizada e 3.752 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.400 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte de Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas na aulas CeMIT.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS