main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

15/11/201909:29
Patricia Argerey na inauguración das xornadas.
Rozas (Lugo)

Boeing e GAIN desvelan ante 300 estudantes as posibilidades profesionais dos drons

Este mércores o Aeródromo de Rozas (Castro de Rei, Lugo) acolleu a inauguración das xornadas Drone Days, organizadas por Boeing co obxectivo de achegar ao alumnado de secundaria as máis que relevantes posibilidades profesionais que se abren cos vehículos non tripulados e todas as innovación tecnolóxicas que os acompañan. Na cita participou a directora da axencia galega GAIN, Patricia Argerey. As xornadas celebraranse no mesmo emprazamento lucense durante dez días. Participan 300 alumnas e alumnos.

As sesións Drone Days, que se celebran coa colaboración da Xunta, a través de GAIN, tamén contaron coa presenza de Neves Seoane, responsable do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), sede do evento. Nas xornadas, enmarcadas nas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia, Argerey lembrou que o obxectivo dos obradoiros é “introducir aos estudantes, de xeito dinámico e entretido, no uso e funcionalidades das tecnoloxías vinculadas aos drons e familiarizalos coas súas aplicacións e uso”. Argerey contextualizou esta actividade de divulgación nos compromisos asinados entre a Xunta de Galicia e os seus socios no marco da Civil UAVs Initiative co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade galega, en especial o interese polas carreiras STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e o sector aeroespacial. Asemade, recordou amais dos Drone Days e das Aulas Newton, organizadas conxuntamente con Boeing na provincia de Lugo, está previsto celebrar outros obradoiros, charlas, concursos e visitas ao CIAR, entre outras. O programa de vocacións científico-tecnolóxicas pretende chegar a mais de 1.000 escolares, mais de 100 universitarios e preto de 2.000 persoas interesadas neste segmento do sector aeroespacial.

Alumnado de toda a provincia

Durante dez días, estudantes de secundaria de Burela, Castro de Rei, Lugo, Monforte e Xove, sobre todo de 2º e 3º da ESO, participarán en sesións de cinco horas de duración. O aforo máximo é de 30 alumnos por xornada e as inscricións xa teñen o aforo completo. Ao longo das sesións desenvolveranse diferentes obradoiros prácticos e exercicios de simulación tanto de voo con drons como de realización de mapas. Para iso, traballarase con imaxes e fotografías tomadas dende vehículos aéreos non tripulados (UAVs).

Os estudantes que participan na iniciativa traballarán en grupos de cinco ou seis persoas empregando un ordenador portátil e unha emisora de dron de simulación. Ao finalizar o obradoiro, realizarase unha saída á plataforma do aeródromo para que os participantes poidan observar voos reais de trebellos aéreos, con toma de imaxes e exercicios prácticos. Patricia Argerey aproveitou para facer balance das Aulas Newton, unha actividade que Boeing e First Scandinavia executaron en colaboración co Concello de Lugo durante tres semanas e que remataron o domingo pasado. Esta actividade, que pretende achegar as materias STEM a alumnado de nove países europeos, acolleu centros de ensino de toda a provincia (Castroverde, Chantada, Guitiriz, A Fonsagrada, Friol, Lugo, A Pastoriza e Xove) durante doce días. En total, fixo saber, 339 estudantes tiveron acceso á Aula, o que, xunto co público xeral, suma un total de preto de 1200 visitantes.

15/11/201909:22
Cartel do evento.
Lugo

R cita á rapazada de Lugo coa robótica construtiva o día 16

Os obradoiros itinerantes Crea R da operadora de telecomunicacións de cable van facer unha parada este 16 de novembro en Lugo, e farano cun obradoiro sobre robótica. Nel, sinala R, as nenas e nenos da cidade poderán potenciar a súa creatividade e facer voar o seu espírito emprendedor, ao tempo que adquiren nocións básicas sobre programación da man da escola de emprendemento xuvenil Líbolis. A sesión terá un formato didáctico á par que divertido, sendo o obxectivo contribuír a que a rapazada saiba o doado que é pasarmos de simples usuarios de tecnoloxías a facérmolas nós mesmos.

Entre as cousas concretas que poderán facer atópanse un coche de plastilina condutiva con luz propia, unha maqueta urbana na que se incluirá un semáforo programado por eles/as mesmos/as, ou mesmo unha barreira de acceso tamén dentro dunha maqueta. A cita será no Edificio de Novas Tecnoloxías (Praza Anxo Fernández Gómez, s/n de Lugo), onde se desenvolverá o obradoiro de 11:00 h a 13:00 h para un máximo de 30 nenas/vos. A sesión completarase cun recanto para os maiores: no mesmo edificio, as nais, os pais e as docentes poderán recibir consellos dun pedagogo especializado, que lles resolverá dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer de internet, das redes sociais e das novas tecnoloxías en xeral. “A través de casos prácticos e de dinámicas”, sinala R, “pais, titores, avós ou educadores atoparán respostas a inquietudes como, por exemplo, a que idade deben ter móbil os rapaces ou que límite de horas débeselle pór ao uso das pantallas”. Asemade, falarase da nova terminoloxía neste campo (cyberbulling, sexting, grooming...) e de como nos afecta a todas/volo cambio dixital.

Pilotando a sesión, pensada para un máximo de 40 persoas, contarase coa presenza dun experto de Sherpa Dixital, que tentará guindar luz a esas dúbidas dos adultos sobre a contorna dixital e a xente nova. Os talleres Crea R proseguirán o seu periplo até final de ano visitando as localidades de Cambre e Santiago, tras percorrer este ano as cidades de Ourense, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Carballo, Viveiro e Vilanova de Arousa. En todos os casos, os obradoiros están abertos ao público xeral, clientes e non clientes do operador galego. Toda a información para participar témola no blog de R Digitalent 2020, o programa da AMTEGA ao que se abeiran estas actividades da operadora.

15/11/201909:09
Cartel do evento.
As Pontes

Rubén Espino e Amigus achégannos ás claves para sermos expertos en robots deportistas

O vindeiro 24 de novembro temos nas Pontes unha nova cita coas tecnoloxías libres e a robótica construtiva e participativa, nas súas vertentes máis lúdicas e deportivas. Máis polo miúdo, trátase dun encontro con Rubén Espino organizado pola Asociación Amigus ao abeiro dos seus Amigus Labs. A xuntanza servirá, entre outras cousas, para intercambiar información arredor dos robots velocistas e das competicións con estes trebellos: probas nas que os robots, no menor tempo posible, deben atravesar unha pista e sortear as pontes e as curvas que o traxecto lles pon diante.

A actividade desenvolverase en horario de 11:00 a 13:00 horas e incluirá unha charla e máis unha demostración de balde. Para asistirmos é obrigatorio que nos rexistremos no formulario habilidado na páxina do evento. O prazo de inscrición remata o 22 de novembro (prazas limitadas).

Nun plano máis detallado, a cita con Rubén Espino (Un repaso xeral á competición de velocistas) achegará aos asistentes a todas as temáticas ligadas á actual competición de trebellos tecnolóxicos, poñendo o foco nos proxectos libres relacionados e noutros recursos cos que completar os coñecementos necesarios para desenvolver un robot velocista co que asistir ás competicións, ademais de poder ver en acción a algún dos enxeños tecnolóxicos sobre a nova pista de Amigus Labs.

Rubén Espino San José é enxeñeiro de Telecomunicación, fundador e integrante do equipo Puma Pride de robótica de competición, participante en competicións de robótica desde 2011. Co equipo Eurobotics Engineering foi 5º clasificado a nivel mundial en 2015 na competición de Eurobot. A nivel estatal conseguiu numerosos premios en diversas probas, principalmente en velocistas e carreiras. Entre os seus proxectos relacionados coas competicións de velocistas destacan Pumatrón, Cyclops-Project, time2time e os xeradores de circuítos con liñas e degradado para Octave.

15/11/201909:00
Home maior diante dun ordenador acompañado por dúas mozas.
Vigo

SIVSA demostra o potencial dos serious games para mellorar a vida das persoas con doenzas psicolóxicas

empresa tecnolóxica galega SIVSA vén de desenvolver unha innovadora plataforma tecnolóxica que marca un antes e un despois no ámbito da saúde e a atención psicolóxica. Segundo informan fontes da firma con sede principal en Vigo, trátase dunha ferramenta pioneira de apoio ás decisións médicas que tira proveito dos datos clínicos e das terapias con serious games. É especialmente indicada para clínicas psicolóxicas, psiquiátricas ou de xeriatría. En palabras de SIVSA, “abre novas vías de tratamento que incorporan os beneficios da tecnoloxía ás terapias”.

Segundo explica a empresa galega, a capacidade da plataforma para mellorar a calidade de vida das persoas con doenzas psicolóxicas ou cognitivas quedou demostrada durante o seu desenvolvemento, ao abeiro do proxecto Gamapea, no que demostrou a súa eficacia na aplicación de xogos serios na prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a adopción de hábitos de vida saudables. “Os resultados obtidos”, engade SIVSA, “abren novas vías de tratamento en especialidades como a psicoloxía, a psiquiatría ou a xeriatría, e certifican os beneficios de incorporar novas tecnoloxías ás terapias”.

En termos máis concretos, a solución tecnolóxica integra resultados de probas médicas e diagnósticas, que pode cotexar cos datos extraídos de dinámicas de xogos serios aplicadas en pacientes. “Isto permite ao profesional sanitario avaliar, realizar un seguimento e comprobar como reacciona un paciente ao tratamento prescrito para adoptar as melloras ou axustes necesarios”, explica SIVSA, engadindo que o sistema tamén “posibilita acceder en tempo real aos datos clínicos, as 24 horas do día, desde calquera dispositivo e lugar, co único requisito dunha conexión a Internet, facilitando a toma de decisións ao dispor dos datos aloxados e centralizados nun mesmo recanto”.

Como dixemos, a plataforma foi desenvolvida como parte do proxecto Gamapea, que promove o envellecemento activo a través de terapias cognitivo-conductuais, e impulsado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, Imatia, a Fundación Ramón Domínguez e Gradiant.

As súas funcionalidades foron probadas durante o estudo clínico do proxecto, desenvolvido pola USC nun centenar de pacientes galegos de máis de 45 anos, que foron sometidos a terapias a través dun videoxogo baseado no Camiño de Santiago, lográndose, en palabras de SIVSA, “un éxito sen precedentes en canto a resultados e un alto grao de adherencia, con tan só tres abandonos, un feito insólito neste tipo de investigacións e atribuible á atractiva temática e estrutura do xogo”.

Os pacientes foron divididos en dous grupos: intervención e control. No primeiro, recibiron un programa psicolóxico cognitivo-conductual a través do videoxogo cunha app complementaria, que propuña tarefas para practicar habilidades na vida real. No grupo de control, por outra banda, só se lles facilitou información sobre o envellecemento activo a través dunha aplicación informática. “A melloría nos pacientes do grupo de intervención tratados co videoxogo foi moi superior aos que pertencían ao grupo de control que non o empregaron na súa terapia”, explica SIVSA, engadindo que “os primeiros experimentaron melloras en todos os parámetros estudados (habilidades sociais, hábitos de sono, capacidade para detectar pensamentos positivos, memoria, etc.)”.

14/11/201911:15
Mans chocando puños enriba dunha mesa con portátiles.
Santiago de Compostela

A Amtega abre hoxe o prazo para que as empresas do sector tecnolóxico se adhiran ao programa de bolsas DigiTalent

  • O obxectivo desta iniciativa é facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC
  • Ata o 20 de novembro as entidades interesadas poden presentar as súas solicitudes así como as áreas de coñecemento que encaixan máis coas súas necesidades
  • No mes de xaneiro, tras a selección das empresas, abrirase a convocatoria aos estudantes que queiran acceder ás 50 bolsas do Programa
  • Están destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no o Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para que as empresas tecnolóxicas poidan adherirse ao programa de Bolsas DigiTalent, do Plan de promoción de Talento dixital de Galicia impulsado pola Amtega, que buscan facilitar a hibridación entre o sector TIC e os perfís non dixitais.

As bolsas Digitalent ofertan un total de 50 prazas destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura co obxectivo de facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC.

Pola súa banda, as empresas colaboradoras deberán ter experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras.

Solicitudes das empresas

Ata o 20 de novembro as entidades poderán presentar as súas solicitudes así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións das persoas bolseiras en función das súas necesidades

Toda a información sobre o programa e os pasos a seguir para participar na iniciativa están páxina web https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent. Neste espazo as empresas atoparán un formulario que, unha vez cuberto, poderán presentar a través da sede electrónica da Xunta.

Rematado este prazo, e unha vez avaliadas as solicitudes, publicarase a listaxe de entidades colaboradoras que finalmente recibirán ás persoas bolseiras para a realización das prácticas formativas.

Esta actuación posibilita ás empresas tecnolóxicas o acceso a unha canteira de talento para cubrir vacantes de postos que precisan da confluencia das TIC co resto de ámbitos de coñecemento.

Convocatoria a estudantes

No mes de xaneiro, unha vez seleccionadas as entidades colaboradoras, publicarase unha convocatoria dirixida a estudantes matriculados en calquera das tres universidades galegas menores de 31 anos e que teñan superado o 75% dos créditos e menos do 100%, para que poidan presentar as súas candidaturas para participar no programa.

A través destas prácticas non laborais, as persoas bolseiras seleccionadas recibirán formación teórico-práctica e contarán cun plan de formación, asesoramento, orientación e dirección por parte dos responsables das empresas TIC por un período de tres meses, tendo unha duración de 20 horas semanais e serán remuneradas.

Colaboración institucional

As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

Plan DigiTalent

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, impulsado pola Amtega en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, ofrece actividades, formación e especialización no ámbito dixital ao longo de todo o ciclo vital da persoa. Xunto coas bolsas, o Plan desenvolverá outras 37 actuacións durante o curso 2019/2020 co fin de impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas, os novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades do desenvolvemento profesional na economía dixital.

Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación).

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora...

LER MAIS