main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

04/04/201808:47
Cartel dos premios.
Santiago de Compostela

Tes unha idea para cambiar o mundo? Este concurso é para ti

  • A Fundación MAPFRE, xunto coa IE Business School, lanzou unha convocatoria para premiar aos mellores proxectos de innovación social.
     

A Fundación MAPFRE, xunto coa IE Business School, lanzou un concurso de startups que pretende axudar na consolidación de ideas innovadoras que xeren impactos positivos nas comunidades, achegando servizos de mentoring e financiamento de 30,000 euros aos gañadores.

Aberta ata o 30 de abril, a convocatoria contará con tres semifinais (en Brasil, México e España), para pechar a competencia cun evento en Madrid en outubro próximo, no que se definirán aos proxectos gañadores en tres categorías: Mellora da saúde e tecnoloxía dixital; Innovación aseguradora Insurtech e Mobilidade e seguridade viaria.

A competencia valorará especialmente a capacidade e experiencia dos participantes, respecto da súa demostración con probas piloto ou prototipos que levasen a cabo e que acrediten que o proxecto pode ser unha realidade. Tras un filtro dos proxectos rexistrados en cada país, as semifinais comprenderán 27 participantes en total, é dicir, tres aspirantes por categoría e rexión. A final presentará un só candidato por categoría de cada semifinal.

Durante esta primeira fase poden inscribirse para competir colectivos, empresas e usuarios, tanto independentes como integrantes do ecosistema emprendedor, así como as redes de incubación con que IE e MAPFRE colaboran.

04/04/201808:39
Coworking de La Molinera.
Ourense

Recta final na selección de proxectos do Coworking

  • O Concello de Ourense está a pechar xa os 22 proxectos emprendedores que tutelará, xunto coa Deputación provincial e a Escola de Organización Industrial (EOI)

 

O espazo Coworking de La Molinera puxo en marcha unha nova edición para a xestión de novos proxectos empresariais. Neste sentido, o Concello de Ourense está a pechar xa os 22 proxectos emprendedores que tutelará, xunto coa Deputación provincial e a Escola de Organización Industrial (EOI). Presentáronse a este edición un total de 40 candidatos. Do total de ideas emprendedoras presentadas, un 55% foron por mulleres e un 53% por mozos con estudos universitarios, segundo a memoria que difunde o Concello. 

Por idades, un 25% son menores de 30 anos e un 28% aínda non cumpriron os 40. Do total de presentados, un 42% son desempregados, un 30% son autónomos e o 28% restante traballadores por conta allea. Como en edicións anteriores, a maioría das ideas emprendedoras que optan a estar en La Molinera pertencen ao sector servizos, sobre todo en aspectos relacionados co turismo. 

Unha vez se poña en marcha a nova edición dos proxectos —concluído o proceso de selección—,  La Molinera poñerá a disposición dos participantes no Coworking o centro de innovación social para desenvolver o concepto e deseño de cada proxecto e poder levar a cabo un primeiro test da súa viabilidade.

04/04/201808:29
Mans de adolescente sobre o teclado dun portátil,
Oleiros

Os pros e contras das redes sociais para os menores, a debate na Fábrica de Oleiros

Este venres 6 de abril o Concello de Oleiros lévanos da man ás vantaxes e aos riscos do espallamento das redes sociais entre a mocidade, vantaxes e riscos que teñen relación directa co tipo de uso que se lle dea aos servizos dixitais. Trátase da xornada Redes sociais e adolescencia, que se celebra no auditorio da Fábrica ás 19.30 horas en formato de charla aberta, dirixida sobre todo ás familias. A cita fundamenta un dos seus piares no seguinte dato: as comunidades e servizos en liña son xa o lugar preferido para o lecer do 90% da mocidade. Polo tanto, tendo en conta esta elevada porcentaxe, “é fundamental que as nais e os pais teñan información para previr moitos dos problemas no futuro”, sinala o Concello. 

Porén, explica a organización, o contido desta charla non é de ciberseguridade na Rede coma outras semellantes que se organizan desde os centros educativos para as familias, nin as que teñen como destinatarios/as o propio alumnado. “Esta xornada”, engade o Concello, “está enfocada ás familias, co obxectivo de coñecer os comportamentos e as relacións que manteñen os rapaces e as rapazas nesa idade, etapa fundamental no desenvolvemento e na que configuran a súa personalidade e identidade, así como as súas crenzas”. 

O Goberno local tamén explica que “as redes sociais están a xogar un papel moi importante” entre as mozas e mozos, e son xa un dos elementos de socialización máis importantes para eles e elas, “polo que as familias deben coñecer de preto que hai detrás, que está a pasar nas relacións que manteñen a través desas canles, como inflúen na súa vida, no seu desenvolvemento, nas relacións entre iguais e coa súa familia”.

Logo da charla abrirase un coloquio co público asistente no que poderán realizar preguntas ás relatoras, Virginia Pañeda e Sara Vierna, educadoras especialistas en redes sociais, xénero, intelixencia emocional e adestramento educativo, que nos achegarán á realidade que están a vivir os menores de idade nestes intres nas redes.

04/04/201808:22
Rapaces no WRO.
Santiago de Compostela

Arkitas, FEGAMP e CPEIG organizan a cuarta edición galega da Olimpíada de Robótica

O vindeiro 30 de xuño, de 9:00 a 15:00 horas, celebrarase en Santiago un gran acontecemento ligado á intelixencia artificial, a automatización, as máquinas con capacidade de aprenderen (e de sorprendernos) e, sobre todo, ao espírito argalleiro e creador da nosa rapazada. Estamos a falar da cuarta edición local da WRO, a Olimpíada Internacional de Robótica, na Cidade da Cultura no Gaiás, iniciativa organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e Arkitas Robótica. 

Segundo nos conta o colexio profesional que preside Fernando Suárez, a WRO é unha olimpíada na que nenos e nenas de Educación Primaria, ESO e Bacharelato compiten cos seus robots en distintas categorías e retos segundo idades. Esta competición conta cunha fase local, unha nacional, que este ano será en Platja d'Aro, Girona, e a internacional, que terá lugar en Tailandia en novembro de 2018. Na segunda edición, clasificouse un colexio da Coruña na nacional en Logroño, conseguindo unha praza na internacional de Nova Delhi.

Para informarrnos sobre os retos da WRO e a realización de inscricións, o CPEIG recorda que podemos dirixirnos www.wroboto.es

Ademais da WRO e, pensando naqueles que non compitan nesta e queiran probar outras especialidades, celébrase o II Campionato de Sumo Arkitas e o I Campionato de Bolos Robóticos. Para informarnos sobre as bases e inscribirse ao Campionato de Sumo ou ao de Bolos, ou para calquera dúbida ou ampliación de información sobre a WRO, desde Arkitas Robótica, como socios locais da WRO e organizadores das distintas actividades do evento do 30 de xuño, están á nosa disposición a través da conta de correo info@arkitas.es.

04/04/201808:17
Glucómetro iHealth.
Santiago de Compostela

Xiaomi alíase con iHealth para ofrecernos un glucómetro conectado para diabéticos

Coñecémolo máis polos seus móbiles, pero hai tempo que a ambición de Xiaomi fixo que o seu catálogo de produtos chegue a moitas outras industrias, e entre elas está a da saúde ou a monitoraxe da actividade física.

A nova proposta do fabricante así o demostra: o chamado Xiaomi iHealth Smart Blood Glucose Meter (idéntico ao dispositivo iHealth Align) é un glucómetro conectado desenvolvido por iHealth Labs que nos permite medir os niveis de azucre en sangue e rexistralos cunha aplicación móbil que nos revela se todo vai ben neste importante índice. O dispositivo é unha alternativa interesante para persoas con diabetes.

 

Pequeno e funcional

O deseño deste glucómetro de Xiaomi e a empresa estadounidense iHealth é desde logo curioso: trátase dun dispositivo pequeno de 52 x 30 x 9,5 mm que pesa tan só 10,3 gramos e que destaca por esa forma de pinga e por contar co conector de 3,5 mm que tradicionalmente asociamos aos auriculares pero que Xiaomi leva tempo usando para algúns dos seus accesorios para móbiles.

Os fabricantes fixeron uso dun polímero PMMA que segundo eles faino totalmente hixiénico, e no seu interior atopamos un pequeno procesador Cypress que se encarga da calibración do algoritmo de medición e de achegar a máxima precisión á hora de ofrecer eses datos sobre os niveis de azucre en sangue.

Este glucómetro fai uso dunha pila de botón (CR1620) non recargable que se pode substituír facilmente. O dispositivo apenas consome enerxía, o que fai que estas pilas aguanten moito tempo sen necesidade de ser cambiadas.

 

A información do glucómetro sempre ao teu alcance

A medición dos niveis de azucre en sangue realízanse de forma idéntica ás doutros glucómetros: o dispositivo inclúe 25 packs de papeis de proba, agullas recolectores de sangue e sabas desinfectantes, ademais dun bolígrafo recolector no que colocamos esas agullas cando as imos usando.

Unha vez colleitamos unha pequena pinga de sangue e introducímola no glucómetro, poderemos conectar este dispositivo ao noso móbil a través da toma de auriculares.

A aplicación desenvolvida por Xiaomi para facer o seguimento deses niveis está dispoñible tanto para iOS como para Android, e en cinco segundos ofrecerá a información sobre a proba realizada.

 

Xiaomi non fabrica, esta vez só revende

O dispositivo que está a comercializar Xiaomi está deseñado e desenvolvido por iHealth Labs, unha empresa estadounidense con presenza europea na que Xiaomi investiu 25 millóns de dólares en 2014.

Esta empresa tamén o comercializa co nome de iHealth Align por 19,95 euros coa súa propia aplicación, e de feito dispón dun modelo superior de 69,95 euros que non depende do smartphone.

Podémolo atopar en tendas chinesas online baixo a marca de Xiaomi, pero tamén está á nosa disposición por exemplo en Amazon, onde custa 19,95 euros máis 2,99 euros de gastos de envío.

Este dispositivo está orientado a pacientes de diabetes e o fabricante indica que foi aprobado polas autoridades regulatorias, incluídas as europeas, e iso permite que conte co selo CE, ademais de estar clinicamente validado co protocolo ISO 15197:2013.

Máis información | iHealth Labs

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS