main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/10/201608:29
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

O CiTIUS amosou ás rapazas compostelás a importancia das profesións tecnolóxicas

A iniciativa de divulgación Unha enxeñeira en cada cole que consistiu nun itinerario de enxeñeiras por diferentes colexios de primaria de Santiago, contou coa presenza de dúas investigadoras do centro CiTIUS, emprazado no Campus Sur e centrado no desenvolvemento avanzado de solucións e achados informáticos. Máis polo miúdo, nesta iniciativa do Concello de Santiago e a USC (destinada a fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas) participaron as investigadoras do CiTIUS Paula López e Eva Cernadas.

Os obradoiros, como lembraremos, dirixíronse a visualizar e salientar o importante papel das mulleres na ciencia e a tecnoloxía, amosando o relevante (e interesante) do seu labor ao alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria mediante “a presentación de temas complexos desde unha perspectiva lúdica”.

Eva Cernadas, especializada en visión por computador e recoñecemento de patróns en imaxes, introduciu ás asistentes nos conceptos básicos das imaxes dixitais (que son os megapíxeles e como se almacenan). Para isto, tirou proveito dunha presentación con debuxos e imaxes cos que tentou demostrar como afecta a resolución (o número de pixeles) na calidade dunha imaxe. Logo, explicou ás alumnas os detalles da súa profesión, salientando a relevancia de ter claro como construír programas “e non limitarnos exclusivamente ao emprego de editores de texto ou Internet”. Entre outras cousas, amosou como exemplo o software Govocitos, que permite recoñecer de forma automática obxectos na imaxe, medilos e facer un gráfico de barras dos seus tamaños.

Paula López (cuxo traballo no CiTIUS abrangue o deseño de circuítos integrados para aplicacións de procesado de imaxes e o modelado físico de dispositivos electrónicos e sensores de imaxe) baseou a súa intervención nun obradoiro teórico-práctico titulado A programación é cousa de nenos. Durante o transcurso da súa intervención achegoulles aos presentes a importancia do labor de programación para o mundo no que estamos a vivir, inzado de elementos dixitais con gran potencial para mellorar a nosa comunicación e o noso xeito de producir. Para introducir aos estudantes de cheo nos segredos da programación programou unha actividade baseada na ferramenta Scratch.

17/10/201608:17
Pantallazos de YoTeCuido Alzhéimer
Santiago de Compostela

A app galega para os coidadores de persoas con alzhéimer xa está dispoñíble para iOS

YoTeCuido, a aplicación móbil galega para axudar ás persoas con alzhéimer e ás familias e aos coidadores, xa está dispoñíble para dispositivos con iOS. A ferramenta, que é de balde e foi desenvolvida pola firma coruñesa Lapisoft, foi presentada a finais do verán coincidindo coa celebración internacional do Día do Alzhéimer. Ao longo da súa andaina, obtivo máis de medio milleiro de descargas para sistemas Android. Trátase, sinalan os seus creadores, dunha aplicación de gran utilidade e potencial para subministrar información e apoio ás persoas acabadas de diagnosticar da dita doenza e aos seus coidadores.

A ferramenta, desenvolvida de xeito altruísta pola galega Lapisoft en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de A Coruña (AFACO), subministra respostas prácticas, “xurdidas da propia experiencia”, para problemas relacionados coa alimentación (que facer cando persoas con alzhéimer non queren comer? como facilitar que trague sen atragoarse?) ou coa saúde (medicación, coidados de enfermería básicos…). Tamén subministra claves básicas sobre comunicación e sobre recursos (sociais e legais) dispoñibles, exercicios físicos a desenvolver coa persoa doente e actividades de estimulación cognitiva destinadas a manter ao afectado activo a nivel físico e mental.

Ademais, conta cunha listaxe completa de asociacións de familiares de toda España e unha sección exclusiva para a persoa coidadora na que poden atoparse exercicios físicos pensados para ela, amais de consellos e información sobre o chamado “síndrome do coidador” (síntomas, como evitalo…), trastorno propio deste colectivo.

17/10/201608:11
Logo scratch
Santiago de Compostela

Escolares de Santiago aprenden a programar videoxogos con Scratch, nun obradoiro organizado polo Cpetig e a Amtega

  • Durante a sesión, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, os rapaces estiveron acompañados polos seus pais ou nais,
  • A actividade busca implicación das familias para que esta experiencia didáctica sexa un labor a continuar na casa

 

Un grupo de 13 escolares de Santiago, con idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos, participaron o sábado, acompañados polos seus pais ou nais, nun taller práctico de aprendizaxe para programar videoxogos con Scratch que tivo lugar na Biblioteca da Cidade da Cultura, organizado polo Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática, CPETIG, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O obxectivo desta iniciativa, posta en marcha polo CPETIG e Amtega hai dous anos, é ampliar progresivamente o número de escolares de Galicia que acceden de forma lúdica e divertida ao coñecemento da programación informática como ferramenta didáctica, tomando conciencia da súa potencia como medio de expresión creativa.

A implicación das familias é determinante como apoio para que a rapazada se sinta atraída pola programación informática, de xeito que esta experiencia didáctica e divertida sexa un labor a continuar na casa.

A participación no taller, impartido por Código Octopus, supón a aprendizaxe da utilización de Scratch como factor creativo e motivacional, utilizado con obxectivos didácticos. O Scratch é unha ferramenta baseada en pezas encaixables que serven para construír pequenos programas que permiten iniciar ao alumnado na linguaxe de programación dun xeito simple e intuitivo, pero eficiente.

 

14/10/201608:41
A equipa da rede de contidos 2btube
Santiago de Compostela

2btube crea 2bkids, unha plataforma centrada en contidos infantís en YouTube

A rede 2btube, comunidade dixital hispanofalante de formatos audiovisuais para os máis novos segue a medrar e desta volta anuncia a creación de 2bkids, unha división especializada en contidos infantís e familiares en YouTube. Emporiso, 2bkids é a primeira tentativa da network de cara a espallarse fóra do mercado hispanofalante, co apoio dos 60 profesionais de 2btube dende as súas oficinas en Madrid, Miami e Cidade de México.

Indo a 2btube, salientar que achegará os mesmos servizos que 2btube mais encamiñándose a unha audiencia internacional en todos os idiomas, formada por nenos de até 10 anos e as súas familias. O proxecto está liderado por Juan Baixeras, quen se incorpora á empresa como director xeral de 2bkids. Juan Baixeras conta cunha ampla traxectoria no mundo do lecer e a educación infantil, foi director xeral Zinkia (Pocoyó) e é o fundador de Little Smart Planet, unha plataforma de videoxogos educativos 2bkids xa conta con 30 canles de YouTube que suman máis de 80 millóns de visualizacións ao mes. A estes talentos 2btube ofrécelles un asesoramento personalizado enfocado en acadar dous obxectivos: aumentar a súa audiencia (mellorando a súa canle grazas aos seus expertos e ás súas ferramentas premium) e aumentar os seus ingresos (mediante as accións con marcas e o incremento en visualizacións). Para achegarnos un pouco a 2btube, abonda con dicir que esta network ten só 2 anos de vida e dende a súa posta en marcha conta con máis de 600 canles de YouTube que suman máis de 500 millóns de visualizacións ao mes e 50 millóns de subscritores. Arestora, 2btube ocupa a posición número 23 da listaxe mundial de networks segundo SocialBlade.

14/10/201608:31
Logo 1 mes 1 profesión dixital.
Lugo

A robótica centrará o novo faladoiro dixital organizado polo Cpeig e a Amtega

  • A xornada desenvolverase o 18 de outubro na aula CeMIT de Lugo, no marco da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital
  • A asistencia é de balde, previa inscrición

 

Lugo acolle o vindeiro 18 de outubro o novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital. O encontro centrarase na robótica e desenvolverase na aula CeMIT da cidade, situada na Praza do Castiñeiro, de 10.00 a 14.00 horas.

Tras a benvida institucional, a cargo dun representante do CPEIG, intervirá o profesor titular da Universidade de Vigo, José Ignacio Armesto; o xerente e director comercial de Unimate Robótica, Cástor González, e Hugo Barreiro, coordinador de ASIME 4.0 (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia). Un debate aberto ao público pechará este faladoiro dixital ao redor da robótica.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa de balde no enderezo eventos@cpeig.gal e a través da web www.profesionsdixitais.org, onde tamén atoparán información do programa e dos relatores.

 

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital desenvolve xa a súa segunda edición, abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado este ano entre o CPEIG e a Amtega.

 

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS