main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

12/04/201810:24
Cartel do evento.
Pontevedra

As nosas comunity managers locen talento no Día das Redes Galegas

vindeiro 25 de abril vaise celebrar o Día das Redes Galegas, co epicentro no Campus de Pontevedra. Trátase dunha xornada con dous obxectivos definidos: por unha banda reivindicar a figurar dos responsables de comunidades virtuais ao abeiro do rápido espallamento das redes sociais nas nosas vidas e, pola outra, mostrar o importante potencial do alumnado (futuras/os profesionais) da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Na organización do evento atópase o profesor Xavier Martínez Rolán, en colaboración coa dita Facultade, a Vicerreitoría do Campus, a Área de Normalización Lingüística da Universidade (ANL) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A xornada contará un ano máis cun panel de conferenciantes moi destacable: as/os tituladas/os de Ciencias Sociais e Comunicación. 

Entre as relatoras figuran (entre outras) Lucía Gómez, directora de mercadotecnia de contidos e medios sociais de Elogia, a referencial axencia de márketing con sede en Vigo; Cristina García, responsable de comunicación dixital en Esmerarte Industrias Creativas, firma centrada en promoción cultural ao abeiro das novas ferramentas e en facer comunidade arredor do fenómeno creativo; ou Jorge Medal, redactor e guionista de formatos televisivos.

Xunto ás devanditas relatoras, o Día das Redes Galegas contará tamén coa presenza activa de Cristina Rodríguez, técnica de normalización lingüística da ANL, que abordará neste evento a experiencia de Youtubeir@s, proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, nove concellos e a Deputación da Coruña e dirixido a dar visibilidade ao uso do galego a través dun concurso nesta rede social.

Segundo engade Martínez Rolán, o Día das Redes Galegas é un evento aberto a todo o público interesado que manterá, ademais, o formato de edicións anteriores, de tal xeito que trala súa inauguración (prevista para ás 10.00 horas) cada conferenciante falará da súa experiencia en proxectos para, por último, completar a xornada cun coloquio, moderado polo profesor Alberto Dafonte. “Non podemos falar de redes sociais sen ter en conta a bidireccionalidade da comunicación”, sinala nese senso Martínez Rolán, dun evento no que tamén se promoverá o debate a través da rede social Twitter, co cancelo #redesgalegas, e que será retransmitido por UVigo TV.

12/04/201810:17
Eduardo Roncón.
Santiago de Compostela

A robótica como factor de rehabilitación física, polo miúdo nunha conferencia no CiTIUS

O centro tecnolóxico CiTIUS, emprazado no Campus Sur de Santiago, vai dar acubillo este 12 de abril, a partir das 17.00 horas, a un relevante encontro coas cousas que poden facer as tecnoloxías de intelixencia artificial e aprendizaxe das máquinas para mellorar a calidade de vida das persoas con algún tipo de lesión, doenza ou característica que reduce a súa mobilidade ou lles impide ter a máxima autonomía e independencia. Estamos a falar da conferencia Robótica de rehabilitación: aplicación da enxeñaría para a rehabilitación motoraque correrá a cargo de Eduardo Rocón, investigador do Centro de Automática e Robótica do CSIC. 

Na conferencia tocaranse temas como as novas tendencias dos avances da robótica cara unha meirande interacción co ser humano, o xurdimento dos wearable robots (dispositivos mecatrónicos cuxas articulacións e ligazóns corresponden dalgunha maneira aos do ser humano e están unidos ao paciente) e os detalles legais, sanitarios e regulamentarios que o espallamento deste tipo de tecnoloxías implica. 

Segundo explica o CiTIUS, o aspecto distintivo destes robots é a dupla interacción, física e cognitiva, co usuario. A función principal da interacción física é a xeración de forzas que suplementen a dos membros do home alén dos seus límites físicos, sexan estes naturais ou causados por unha doenza ou trauma. O papel da interacción cognitiva é asegurar que o usuario recibe información da interacción do robot coa súa contorna á vez que lle permite comandalo.

Na conferencia tamén se botará luz sobre a seguinte xeración destes dispositivos, un estado de cousas no que todo apunta a un esvaecemento da liña que separa o sistema robótico do ser humano.

A charla, máis en detalle, estará centrada en describir os principais avances neste ámbito e no desenvolvemento da próxima xeración dos robots carrexables para a rehabilitación e asistencia de persoas maiores e con diversidades funcionais, unha poboación crecente cunhas necesidades especiais dentro da sociedade europea.

12/04/201808:26
Presentación da ICC Week.
Ourense

Ourense quece motores para revolucionar a cultura e a creatividade tecnolóxica

O vindeiro mes de maio, do 2 ao 5, Ourense volverá ser o epicentro das novidades do audiovisual e da cultura na cuarta edición da Ourense ICC Week, o Marco das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación. Indo ao encontro en cuestión, contará cunha gran variedade de actividades: música, videoxogos, humor e historia mesturando a innovación dos temas a tratar, coa tradición de senlleiros lugares da provincia de Ourense (mosteiros de Rocas e San Clodio, a Casa Museo Otero Pedrayo ou o Campus de Ourense) que acollerán ditas actividades. A presentación da programación da Semana das Industrias Culturais e Creativas en Ourense, celebrábase onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel e nela participaban o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e os coordinadores da Ourense ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araujo.

Emporiso, a inauguración da Semana das Industrias Culturais e Creativas, na que se falará dos Mundos deseñados, será o mércores, 2 de maio, ás 18 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A presentación e apertura da xornada correrá a cargo do presidente da Deputación de Ourense. A continuación, a fotógrafa e deseñadora, Bárbara Ouka Leele; o axitador cultural, Paco Clavel; e o documentalista e comisario cultural, Juan Sánchez, falarán da Arte nas portadas, e despois, será a quenda para a ilustradora, deseñadora gráfica e Motion Grapher, María Grande e o deseñador gráfico, Javier Mariscal, quen exporán a cuestión da Cultura do deseño. Ese mesmo día, a partir das 21 horas, será a quenda para o apartado musical da xornada, co grupo Morgan, no Teatro Principal da Deputación de Ourense.

O xoves 3 de maio, ás 9.30 horas, a programación retomarase no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos), onde terá lugar unha mesa redonda sobre o Patrimonio rupestre europeo. Investigación, xestión e difusión. A xornada será presentada polo presidente da Deputación de Ourense e coordinada polo profesor de arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga, e pola arquitecta e profesora da Universidade de Florencia, Carmela Crescenzi. Ás 10 horas, Carmela Crescenzi falará do itinerario polo patrimonio rupestre mediterráneo; ás 10.30 horas, o director do Museo do Territorio de Palagianello (Italia), Domenico Caragnano ofrecerá un relatorio sobre a pintura nas igrexas rupestres de Puglia e Basilicata. Ás 11.30 horas será a quenda para o profesor de Historia do Dereito da Universidade de Bari, Antonio G. Mastrangelo, quen falará da propiedade na área rupestre de Gravine (Taranto); e ás 12 horas, Jorge López Quiroga exporá o tema da aplicación das novas tecnoloxías en San Pedro de Rocas. Pola súa banda, o doutor en física e profesor na Universidade do Pireo (Grecia), Theodoros Ganetsos, exporá un relatorio sobre as análises físico-químicas non destrutivas das pinturas e frescos, a partir das 12.30 horas, e media hora despois, o espeleólogo, escritor e profesor, Alexey Zhalov, falará das vivendas medievais escavadas na rocha en Bulgaria, para rematar a actividade cun debate.

Pola tarde, ás 17 horas, a programación trasladarase ata o Centro Cultural Marcos Valcárcel para falar da supervivencia na xungla dixital. Participarán o músico e compositor, Nacho García Vega e o músico e compositor, Luis Mendo. Neste mesmo centro, a partir das 19.00 horas será a quenda para o humor e a cultura, na que se darán cita o humorista, Rober Bodegas; o humorista, Alberto Casado; a humorista, blogueira e ilustradora, Raquel Córcoles; e o humorista e xornalista, Juan Ramón Monet, para falar do sentido da creatividade. A mesa será moderada polo xornalista Manuel de Lorenzo.

O venres, 4 de maio, as actividades trasladaranse ao mosteiro de San Clodio (Leiro), onde a partir das 10.30 horas, falarase da creatividade e do sector TIC, baixo o título Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento. Abrirá a xornada a directora de Imaxin Software, Luz Castro, quen falará da gamificación e software galego. Ás 11.30 horas, será a enxeñeira e deseñadora gráfica, Cynthia Gálvez, quen fará un relatorio sobre AV. VR. MR.: Alén da tecnoloxía, e rematará, ás 12.30 horas, a avogada e policy manager, Sara Rodríguez, para falar da economía colaborativa.

Os máis pequenos terán unha cita coa cultura contemporánea ás 16.30 horas, pois levarase a cabo o ICC Kids no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Primeiro coa actividade Xogas ou traballas?, a cargo dos youtubeiros @Chincheto77 e @Tonacho que explicarán como fixeron da súa paixón a súa profesión; e a partir das 17 horas, estará a E-Cuarela, unha instalación de pintura dixital ao aire libre para que os nenos poidan pintar con auga este panel. Ás 18 horas, as actividades trasladaranse ao Liceo de Ourense onde será protagonista o sector audiovisual. Alí o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, e a directora e guionista de cine, Gracia Querejeta, falarán Do papel á pantalla: a traxectoria dunha muller creativa. E, nese mesmo centro, ás 19.30 horas, será a quenda para Autores e Creadores, coa entrega do galardón Premio MUSA SGAE a cargo do presidente da SGAE, José M. Fernández Sastrón, ao autor e compositor de Los Suaves, Yosi Domínguez. A xornada rematará, ás 21 horas, no Teatro Principal, co concerto de Mikel Erentxun.

O sábado, 5 de maio, ás 11 horas as actividades comezarán na Casa Museo Otero Pedrayo (Amoeiro), cunha xornada adicada á xestión cultural co tema Xestión de públicos: non quero que veñan, quero que volvan; a cargo da subdirectora artística do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Carlota Álvarez Bassó. O acto será presentado pola xornalista, Marta Gómez. Ás 12 horas, será a entrega dos Premios Rodolfo Prada Chamochín, un galardón instaurado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os xestores culturais en Galicia.

Ás 10.30 horas, nos Xardíns Padre Feijóo estará novamente o panel da E-Cuarela, no marco da ICC Kids, e completará a programación o obradoiro Emojinarium que será ás 12.00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel a cargo de María Grande no que analizarán os emojis, a linguaxe universal das expresións e crearán os seus propios personaxes. E, ás 12.00 horas, nese mesmo lugar, dará comezo a ICC Show Vermú, na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ. O humor volverá a ser protagonista, nesta ocasión no Teatro Principal, a partir das 20.00 horas, co espectáculo de Pantomima Full.

ICC Gamers
De maneira paralela a estas actividades, os días 3, 4, 5 e 6 de maio, o Campus de Ourense, acollerá a ICC Gamers que inclúe dúas actividades: a ICC Technium R Encounter e a ICC eSports. ICC Gamers, escaparate das últimas tendencias en videoxogos e deportes en liña, contará coa colaboración da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R Euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.

Indo ao miolo desta vertente de lecer dixital, a xuntanza ICC Technium R Encounter botará a andar o día 3 de maio ás 18 horas e rematará o 6 de maio á mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. A edición 2018 da quedada informática terá catro grandes torneos: League Of LegendsCounter Strike Global OffensiveHearthstone Super Smash Bros Brawl. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.

A xeito de curiosidade lembrar que na pasada edición, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, logo de permanecer 40 horas consecutivas competindo.

Volvendo ao apartado de xogos, este completarase coa devandita actividade ICC eSports, que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o 5 de maio ás 10 horas até o 6 de maio ás 15 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos pode adquirirse estes días en Ticketea (podéndose acceder a ela a través da web www.technium.es). Neles poderán participar xente de fóra da ICC Technium R Encounter, así como as persoas da propia party.

12/04/201808:19
Internet das cousas,
Santiago de Compostela

A Internet das Cousas e a revolución que carrexa, ao detalle nun obradoiro da Cámara de Santiago

A Cámara de Comercio de Santiago quere familiarizarnos ao máximo coa Internet das Cousas, un ámbito cheo de posibilidades profesionais e de desenvolvemento (agora que comezamos a vivir a cuarta revolución industrial, a dos obxectos conectados e intelixentes), facendo fincapé en divulgar a importancia do eido IoT (Internet of Things) entre as e os menores de trinta anos (fomentando a súa empregabilidade futura). Estamos a falar do programa Constrúe o teu Futuro. Internet das Cousas (IOT) e Emprendemento, que comeza o 16 de abril e que vén da man da entidade cameral, en colaboración (co-financiando) do Concello de Santiago e a Fundación INCYDE a través do Fondo Social Europeo. 

A formación está destinada a mozos e mozas menores de 30 anos, en desemprego pero con arela de pór en marcha a súa propia iniciativa de mercado ou ben de atopar traballo nunha empresa do sector. Tamén se dirixe a persoas interesadas en ampliar e consolidar os seus coñecementos no campo da creatividade dixital. O programa ten por obxecto ensinar “os distintos modelos de negocio baseados e realizados baixo este paradigma, con especial atención aos sectores máis puxantes e considerar as novas solucións que comercializaron as startups no ámbito nacional e internacional”. Segundo apunta a Cámara acerca da importancia de adestrarnos no eido IoT, hoxe en día son innumerables os ámbitos de actividade onde comezan a ter vital importancia as tecnoloxías das cousas conectadas: saúde, docencia, industria, agro, turismo, deporte ou lecer.

O obradoiro debullará as tecnoloxías vencelladas á Internet das Cousas e que tipo de requisitos son básicos para construír un modelo de negocio analizando e realizando un estudo de mercado, dará a coñecer as ferramentas necesarias e distinguirá casos de éxitos das empresas que xa triunfaron no ámbito IoT. Desenvolveranse conceptos de información masiva (Big Data), uso de aplicacións móbiles e conceptos de ciberseguirdade e benchmarking.

O programa, no que poderán participar un máximo de 25 persoas, celebrarase ata o 25 de maio no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella. Rúa República Checa nº 40. Santiago), luns e xoves en horario de 10:00 a 12:00 horas. Tamén inclúe titorías individuais entre o alumno e o consultor, sempre dentro do horario de apertura do viveiro de empresas (de 8:00 a 22:00 horas). As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Cámara de Comercio de Santiago (981596800; vivero@camaracompostela.com) ou consultar o programa completo e inscribirse na web www.camaracompostela.com.

12/04/201808:12
Momento da conferencia.
Ourense

As expertas debateron en Ourense sobre como as TIC poden afectar ao dereito á intimidade dos traballadores

Onte pola mañá celebráronse na Facultade de Dereito do Campus de Ourense uns encontros que puxeron de relevo a importancia de protexer o noso dereito á privacidade e a información persoal das traballadoras e traballadores dunha empresa, por moito que vivamos nunha sociedade dixital onde todo tende a estar conectado e compartindo datos a tempo continuo. As Xornadas Dereito á Intimidade e Protección de Datos no Ámbito Laboral viñeron da man da dita facultade, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. Xuntaron unha manchea de profesionais dos eidos da xudicatura, a universidade e a inspección de traballo, e máis representantes das organizacións sindicais e empresariais máis sobranceiras en Galicia co obxectivo de analizar o estado actual da protección da información persoal dos equipos de traballo e os inminentes cambios normativos.

O encontro foi inaugurado polas responsables das devanditas entidades, Marta Fernández, Verónica Martínez e Susana Soneira, respectivamente. Segundo sinalaron, a decisión de abordar esta cuestión débese á importancia que recobrou nos últimos anos, polo espallamento dos medios dixitais, a cuestión do tratamento, límites e ámbito da intimidade na relación laboral. Segundo se lembrou nas xornadas, o artigo 4.2.e) do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras dispón que na relación de traballo, os traballadores e traballadoras teñen dereito ao respecto da súa intimidade e á consideración debida á súa dignidade. Ademais, o artigo 20.3 desta norma establece que o empresario ou empresaria poderá adoptar as medidas que estime máis oportunas de vixilancia e control para verificar o cumprimento polo traballador ou traballadora das súas obrigas e deberes laborais, gardando na súa adopción e aplicación a consideración debida á súa dignidade.

Yolanda Maneiro, profesora da Universidade de Santiago de Compostela encargada de arrancar a quenda de intervencións, salientou que o impacto das novas tecnoloxías “pon en xaque” dereitos fundamentais do traballador e traballadora como son a intimidade e a protección de datos. “O límite do control do empresariado estarían”, apuntou recorrendo ao sinalado polo Tribunal de Dereitos Humanos da UE, “no principio de proporcionalidade, no requisito de necesidade e na idoneidade da medida de control, entre outros aspectos”.

Durante a xornada tamén se afondou no Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril de 2016, Regulamento Xeral de Protección de Datos, que entra en vigor o vindeiro 25 de maio e que segundo se destacou na xornada “vai cambiar o panorama da protección de datos para as empresas, que deberán ser máis dilixentes no axeitado” tratamento de datos persoais. Segundo se fixo saber, “no ámbito da relación laboral vai desenvolver efectos importantes, posto que introduce novidades en relación co reforzo do consentimento, un máis esixente deber de información, a obriga de notificar os fallos de seguridade ou un encarecemento das sancións polo incumprimento, que van depender do volume de facturación da empresa”, detallaron desde a organización da xornada.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS