main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/07/201609:30
Manual do curso.
Santiago de Compostela

Amtega e a Fundación Vodafone España poñen en marcha unha nova edición do proxecto "Aprende a usar o smartphone", dirixido a persoas maiores

Dezanove localidades de Galicia con aula CeMIT ofertan cerca de 300 prazas para formar aos maiores no uso destes dispositivos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fundación Vodafone España poñen en marcha a segunda edición do proxecto “Aprende a usar o smartphone” para introducir ás persoas maiores no uso dos teléfonos móbiles “intelixentes”.

A actividade chegará a 19 aulas da Rede CeMIT, que ofertan cerca de 300 prazas, e é continuación doutra edición realizada entre os meses de outubro e marzo na que se formaron 450 persoas de 28 localidades, con un promedio de idade de 64 anos.

Cada unha das Aulas CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos para facilitar a aprendizaxe ás persoas que aínda no dispoñen deles.

As localidades que ofertan os obradoiros son: A Coruña, Cerceda, Ortigueira, As Pontes, Santa Comba, Sigüeiro – Oroso, Vimianzo, Barreiros, Carballedo, Sarria, Manzaneda, Verín, Xunqueira de Ambía, Cuntis, A Guarda, Ponteareas ,O Porriño, Valga e Vigo.

As persoas interesadas en asistir a estas iniciativas formativas poderán consultar as súas datas de realización e formalizar a súa inscripción na páxina web da Rede CeMIT.

05/07/201609:19
Formación a maiores de Mos sobre smartphones.
Santiago de Compostela

O Concello de Mos achegou as moitas posibilidades dos móbiles aos seus maiores

O Concello de Mos vén de formar aos seus maiores en materia de dispositivos móbiles e das moitas utilidades que lles extraer a estes aparellos (estar máis e mellor comunicados coa familia e cos amigos, facer e compartir fotografías novas e antigas, colaborar en iniciativas sociais, compartir todo tipo de coñecemento, recibir coidados e atención médica). O curso Coñece o teu móbil chegou os días pasados ao seu remate e foi clausurado oficialmente polo concelleiro delegado de Participación Cidadá, Camilo Augusto. A actividade deu comezo o luns 9 de maio e rematou o pasado xoves.

Impartiuse no Multiusos das Pozas en horario de 12.00 horas a 13.30 horas. Segundo informa a dita Concellería, organizadora da actividade, foi unha acción formativa totalmente gratuíta para os participantes,persoas empadroadas no termo municipal maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos. Entre os obxectivos de base do curso figurou o seguinte: desbotar a crenza de que entre os cidadáns de idade non son precisos os dispositivos móbiles, en parte porque moitas persoas aínda non os empregaron nunca, en parte debido á súa suposta complexidade. “Ambas crenzas”, sinalou o concelleiro no peche da actividade, “son totalmente infundadas, xa que os terminais móbiles ofrecen numerosas prestacións para os maiores, e tamén son cada vez máis doados de empregar”. Ademais, engadiu, “adoitan dar solución a dous dos principais temores das persoas da terceira idade: a soidade e o medo a que lles aconteza algún imprevisto, por exemplo un accidente doméstico, e que ninguén poida asistilos a tempo”. Segundo informou o Concello de Mos, proxecto Coñece o teu móbil é un obradoiro educativo “concibido para que as persoas maiores participen plenamente na Sociedade da Información, e como consecuencia, melloren a súa calidade de vida grazas ó uso cotiá das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC”.

05/07/201608:40
Colaboración HPE - Xunta
Santiago de Compostela

Feijóo resalta que a colaboración con HPE é “un paso importante para consolidar o desenvolvemento do Big Data en Galicia”

  • Anuncia a posta en marcha, xunto con Vodafone, dun novo centro para impulsar a Innovación Social Dixital
  • Destaca que a nosa é a quinta comunidade en número de empresas tecnolóxicas, con máis de 2.200 compañías e 14.400 traballadores
  • Reivindica a aposta pola formación e a colaboración entre a universidade e a empresa como piares imprescindibles na consolidación do sector
  • Subliña a transformación de Galicia nunha sociedade dixital grazas a actuacións como o programa Abalar, a receita electrónica ou a Historia Social Única Electrónica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá, durante a presentación do novo Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise, que a colaboración coa multinacional “é un paso importante para o desenvolvemento do Big Data en Galicia”. En virtude do convenio asinado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, con HPE, a empresa trasladará a súa actividade á Cidade da Cultura, onde traballarán cincuenta expertos no asesoramento en proxectos de Big Data e Intelixencia de Negocio.

Feijóo resaltou a consolidación do Gaiás como “o corazón dixital de Galicia”, no que traballan 400 profesionais TIC, entre os traballadores da Amtega, de empresas tecnolóxicas que colaboran con proxectos públicos de transformación dixital e doutras iniciativas como o Galicia Open Future de Telefónica. Ademais, anunciou a posta en marcha, en colaboración con Vodafone, dun novo centro para impulsar a Innovación Social Dixital.

O titular do Goberno galego presentou o acordo como un dos resultados do Pacto Dixital de Galicia, grazas ao que 13 empresas do sector están a colaborar coa Administración autonómica para situar a Comunidade como un referente tecnolóxico na atracción de investimentos, o desenvolvemento de proxectos con potencial tractor e a internacionalización das pemes. Nese senso, lembrou que Galicia xa é a quinta autonomía en número de empresas tecnolóxicas, con 2.200 compañías e 14.400 traballadores.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta tamén reivindicou a importancia da formación como vehículo imprescindible na consolidación o sector. Para iso, o acordo con HPE contempla o desenvolvemento dun programa de asesoramento a titulados universitarios, que permitirá seguir afondando na colaboración entre a universidade e a empresa e formar profesionais de alta cualificación nas TIC.

Galicia, sociedade dixital
O convenio asinado hoxe constitúe un paso máis na transformación de Galicia nunha sociedade dixital en todos os ámbitos, cun gran investimento das institucións públicas e privadas, que ascenderá aos 3.000 millóns de euros ao final da década. Nesa liña, Feijóo lembrou a posta en marcha do proxecto Abalar, no eido educativo, a receita electrónica, na sanidade pública, ou a Historia Social Única Electrónica, que foi presentada onte no Consello da Xunta. Grazas a este tipo de iniciativas, hoxe 8 de cada 10 trámites coa Administración autonómica xa se poden realizar por vía electrónica.

Finalmente, o mandatario galego tamén quixo salientar os esforzos do Executivo por reducir a fenda dixital, outro dos grandes retos que Galicia está a afrontar con éxito. Desde 2009, o número de usuarios da rede aumentou en 350.000, un 40%, e 700.000 galegos obtiveron cobertura. Para seguir avanzando nese camiño, Feijóo destacou o desenvolvemento do Plan de Banda Larga 2020 e do Plan de inclusión dixital, que buscan facilitar a conexión a redes ultrarrápidas a toda a poboación e fomentar o uso e a formación avanzada nas TIC.

04/07/201612:26
Logo Connecting For Good
Madrid

A Fundación Vodafone España falla a X Edición dos Premios Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións

O xurado da X Edición dos Premios Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións fallou por unanimidade as catro categorías convocadas. Cada gañador recibirá 15.000 € de dotación, estatua conmemorativa e formación en emprendemento por parte do CDTI, ademais doutros apoios de difusión e presencial institucional.

  • "App&Town Compagnon" (Massfactory, Barcelona)  informa en tempo real de horarios e incidencias no transporte público a usuarios con discapacidade
  • "Mouse4all" (Javier Montaner Gutiérrez e José Ángel Jiménez Vadillo, Madrid) é un dispositivo que permite utilizar dispositivos móbiles sen necesidade de tocar a pantalla, a través de diferentes produtos de apoio
  • "Eyesynth" (Eyesynth,s.l., Castellón) permite ás persoas cegas interpretar formas e obstáculos na súa contorna mediante sons
  • Por último, "As aventuras de Tate" (Teresa Puerma Vargas, Córdoba) ofrece unha ferramenta de apoio a pais, docentes e logopedas de nenos con trastornos na linguaxe ou a fala

O xurado formado por personalidades da Administración, a investigación e a empresa valorou o carácter innovador da solución dentro da Sociedade da Información, o público obxectivo que se poderá ver beneficiado pola solución, a súa viabilidade e a súa accesibilidade.

04/07/201612:12
Logos de Down España e Fundación Vodafone España
Madrid

DOWN ESPAÑA e a Fundación Vodafone España impulsan o proxecto de formación en novas tecnoloxías para a inserción laboral máis ambicioso do noso país

Máis de 700 alumnos con síndrome de Down recibirán formación tecnolóxica para poder traballar en empresas ordinarias

DOWN ESPAÑA e Fundación Vodafone España van por en marcha durante este ano o proxecto máis ambicioso do noso país de formación en novas tecnoloxías para persoas con síndrome de Down, co obxectivo de facilitar a súa inserción laboral en empresas ordinarias.

Trátase da terceira edición do exitoso programa "Yo me prep@ro", co que 720 alumnos con esta discapacidade intelectual de toda España poderán mellorar e ampliar os seus coñecementos en novas tecnoloxías en aspectos tan claves como o uso adecuado de diferentes programas informáticos, a navegación por Internet, o acceso a redes bancarias informatizadas, ou a interacción con aplicación móbiles. Todo co fin último de axudarlles a salvar a fenda dixital que condiciona enormemente ás persoas con síndrome de Down á hora de atopar un posto de traballo, o que supón unha seria traba ás súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Nesta edición 2016-2017 incorpóranse 240 mozos con síndrome de Down que recibirán a formación por primeira vez, cun total de 10.500 horas formativas. A estes súmanse os 480 mozos das dúas edicións anteriores a quen se lles ofrecerá un curso de refresco dos seus coñecementos para que actualicen as destrezas adquiridas en novas tecnoloxías aplicadas á vida laboral.

Coa confianza derivada dos resultados obtidos nos dous anos previos "nos que se conseguiron preto de 150 contratos laborais para os alumnos con síndrome de Down", esta terceira edición do proxecto deseñouse coa intención de lograr un alcance inédito até agora para este programa. Así, en 2016 "Yo me prep@ro" desenvolverase en 20 localidades distintas de todo o país: Ávila, Barcelona, Burgos, Cádiz, Castellón, Compostela, Córdoba, Granada, Málaga, Murcia, Ourense, Palencia, Pamplona, Pontevedra, Sabadell, Toledo, Valencia, Valladolid, Vigo e Zaragoza. Serán as asociacións federadas a DOWN ESPAÑA en cada unha destas localidades as que impartan os cursos.

Ademais de mellorar a súa formación, os 240 alumnos con síndrome de Down que participen nesta nova edición de "Yo me prep@ro" terán a oportunidade de realizar prácticas en contornas laborais ordinarias. Tras esas dúas primeiras fases, DOWN ESPAÑA alcanzou o compromiso de lograr a inserción laboral de polo menos o 30% do total dos alumnos.

Outro dos puntais deste proxecto é a realización de sete vídeos-tutoriais que, cunha linguaxe sinxela e accesible, detallarán os pasos e instrucións para que os alumnos aprendan a navegar por Internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn. Todo cunha presentación visual atractiva, directa e moi comprensible.

Ao mesmo tempo Down España levará a cabo unha experiencia piloto que comprenderá o uso da plataforma Mefacilyta desenvolvida pola Fundación Vodafone. Esta experiencia piloto comprende o deseño e validación dos contidos e itinerarios formativos complementarios ao Proxecto

Por último, esta terceira edición de "Yo me prep@ro" vai facer especial fincapé nun dos aspectos que máis decisivamente contribúen a mellorar a inserción laboral do colectivo: a sensibilización no propio mundo empresarial.

Por iso, en cada unha das localidades onde se desenvolva o programa, vai realizarse unha xornada de networking entre representantes do tecido empresarial da zona e mozos e mozas con síndrome de Down. A intención é que os empresarios coñezan persoalmente aos alumnos do curso, que poidan apreciar as súas aptitudes e que comprendan os beneficios que achegan as persoas con discapacidade intelectual no traballo: melloran o clima laboral, achegan alegría e optimismo, e son metódicos e organizados nas súas tarefas.

A realización deste proxecto enmárcase dentro do Convenio Marco subscrito con data 8 de novembro de 2013 entre Fundación Vodafone España, a Confederación Española de Organizacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual "FEAPS" e DOWN ESPAÑA para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción laboral que redunden en mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade intelectual.

Este convenio busca fomentar a innovación tecnolóxica aplicada á accesibilidade e fará especial fincapé naquelas iniciativas que contribúan á participación das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral a través de proxectos piloto de innovación e  sesións formativas e de divulgación.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS