main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

28/10/201608:48
Cartel do evento
Zaragoza

7º Congreso Nacional CENTAC de Tecnoloxías da Accesibilidade: ‘A transformación dixital accesible'

  • Son accesibles a Administración electrónica e o e-commerce?

A crecente relevancia das tecnoloxías nos procedementos de contratación e administración pública será analizada no 7º Congreso Nacional CENTAC de Tecnoloxías da Accesibilidade, que se celebrará en Zaragoza os días 14 e 15 de novembro.

O programa do congreso inclúe dúas mesas de debate dedicadas especificamente á reinvención da administración pública grazas á tecnoloxía e á inclusión de criterios de accesibilidade e usabilidade nos procedementos de contratación pública.

“Desde o pago de multas e tributos á procura de emprego público, cada vez máis procedementos administrativos realízanse de forma telemática”, explica Juan Carlos Ramiro, director de CENTAC. “A Administración Pública estase reinventando desde o físico para converterse nunha contorna dixital que debe ter en conta as necesidades de todos os cidadáns”, engade Ramiro.

Para debater sobre esta evolución, a mesa redonda contará coa participación de Mercedes Jaraba, subdirectora xeral de Coordinación e Ordenación do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; Luís Petrikorena, director de Goberno Aberto no Goberno Vasco, e Xullo Perales Díaz, conselleiro técnico no Ministerio da Presidencia. A mesa será moderada por Jesús Hernández Galán, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE.

Tamén terá lugar unha mesa de debate que tratará de detallar os criterios de accesibilidade e usabilidade que deben contemplar con carácter obrigatorio as convocatorias públicas de contratación de bens, produtos e servizos tecnolóxicos grazas á Directiva Europea de Contratación Pública.

Participarán Francisco Javier Blanco, xerente do Foro Socialmente Responsable; Miguel Ángel Bernal, director xeral de Contratación, Patrimonio e Organización do Departamento de Facenda e Administración Pública do Gobierno de Aragón; e Elena Muñoz Salinero, xefa de área de Sistemas Telemáticos da Dirección de Tecnoloxías da Información e Comunicacións da Secretaría Xeral de Coordinación de Unidades TIC, Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Moderará a mesa Federico Traspaderne, director de Unidade de Negocio de Administración Pública e Industria de Norma 4.

Están a adaptarse as empresas e o comercio electrónico ao novo consumidor? As súas estratexias e plataformas de venda dixitais contemplan o uso por todos os cidadáns, incluídos os que teñen capacidades distintas? A estas preguntas tratarán de responder os participantes na mesa redonda dedicada ao e-commerce, que se celebrará baixo a moderación de Jorge Pérez, director de Economía Dixital de Red.es.

Nela participarán Lourdes González, responsable de Desenvolvemento de Negocio e Coñecemento de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade; Conrado Chavanel, presidente da Asociación de Tendas Virtuais de Aragón; Iván Laporta, CEO de TrackGlobe, Grupo Barrabés; e Fernando Aparicio, CEO de Amvos Consulting.

“A irrupción do comercio electrónico permitiu a moitas persoas acceder a produtos e servizos afastados da súa contorna física máis inmediata e revolucionou os nosos hábitos de consumo”, opina o director de CENTAC. “Por iso é importante saber se as persoas con capacidades diferentes tamén poden beneficiarse desta revolución”, conclúe Juan Carlos Ramiro.

 

7º Congreso Nacional CENTAC

Esta edición virará ao redor da “Transformación Dixital Accesible”, entendéndoa como unha transformación da sociedade, como un cambio do noso modo de vida, dun novo sistema de traballo e produción, da nosa forma de acceso e utilización de servizos públicos e privados. É a transformación da educación, a sanidade, a cultura ou a comunicación.

27/10/201614:00
Xeolocalización de interiores
Santiago de Compostela

A Xunta implantará nos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Lucus Augusti de Lugo un sistema de localización e guiado de pacientes mediante unha aplicación móbil

  • Feijóo afirma que esta aplicación incorpora funcións como organizar a ruta do usuario sanitario ata o centro unha vez que pide unha cita médica; guiar ao usuario ata a sala de espera correspondente; ou compartir cos contactos do móbil que tamén usan a aplicación a posición dentro do hospital
  • Indica que o sistema empregado para darlle soporte incorpora varias innovacións tecnolóxicas, como un sistema de localización de alta precisión e tamén un sistema de cartografía de edificios cos mapas internos dos hospitais
  • Precisa que para o desenvolvemento desta aplicación e de todos os sistemas necesarios para o seu funcionamento investíronse uns 315.000 euros, estimándose que en cada hospital extra no que se poña en marcha haberá que destinar entre 10.000 e 25.000 euros en función do tamaño dos centros e nos centros de saúde un custo base de 200 euros tamén ampliable en función das dimensións
  • Sinala que actualmente esta aplicación estana probando grupos de usuarios para validar o seu correcto funcionamento e está previsto que a finais de novembro se faga accesible a toda a cidadanía para empregar xa nos centros Lucus Augusti e no Álvaro Cunqueiro

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno galego vai implantar nos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Lucus Augusti de Lugo un sistema de localización e guiado de pacientes mediante unha aplicación móbil, que estará dispoñible para dispositivos que empreguen Android ou iOS de Apple.

Como subliñou o titular do Goberno galego en funcións, esta aplicación incorpora as seguintes funcións: organiza a ruta do usuario sanitario ata o centro unha vez que pide unha cita médica; guía ao usuario ata a sala de espera correspondente e asígnalle a quenda de consulta, de modo que aforra o paso polo mostrador no hospital; proporciona información sobre servizos como cafetería ou quioscos dentro e fóra do hospital; permite compartir cos contactos do móbil que tamén usan a aplicación a posición dentro do hospital.

O presidente da Xunta en funcións explicou que o sistema empregado para darlle soporte incorpora varias innovacións tecnolóxicas, como un sistema de localización de alta precisión e tamén un sistema de cartografía de edificios cos mapas internos dos hospitais, ao que se poden incorporar todos os edificios do Sergas. Neste senso, precisou que se comezará polos centros hospitalarios de Vigo e Lugo e o servizo incorporarase proximamente tamén ao de Verín, ao edificio administrativo de San Lázaro e a 20 centros de saúde.

Para o desenvolvemento desta aplicación e de todos os sistemas necesarios para o seu funcionamento investíronse uns 315.000 euros. Nesta liña, calcúlase que en cada hospital extra no que se poña en marcha haberá que investir entre 10.000 e 25.000 euros en función do tamaño dos centros e, no que atinxe aos centros de saúde, estímase un custo base de 200 euros tamén ampliable segundo o tamaño.

Feijóo indicou que actualmente esta aplicación estana probando grupos de usuarios para validar o seu correcto funcionamento e está previsto que a finais de novembro se faga accesible a toda a cidadanía para empregar xa nos centros Lucus Augusti e no Álvaro Cunqueiro.

Como incidiu o xefe do Executivo galego en funcións, unha das maiores oportunidades das que dispoñemos a día de hoxe para mellorar a sanidade pública son as tecnoloxías da información e a comunicación. Por iso, é unha liña que a Xunta está a explorar a través de programas que contan con financiamento europeo como o Innova Saúde e o Hospital 2050. Así, no vindeiro período dos fondos Feder, investiranse 25 millóns que se destinarán exclusivamente a aplicacións informáticas sanitarias.

 

27/10/201611:46
Obradoiro AlimentaTIC
Lugo

A Deputación de Lugo organizará 15 obradoiros de AlimentaTIC en todas as comarcas da provincia

A Deputación de Lugo está mergullada no impulso a AlimentaTIC, o obradoiro provincial incluído dentro da programación de actividades gratuítas para maiores do InLugo (Fundación TIC, Deputación) que fomenta a alimentación saudábel a través das novas tecnoloxías da información. Onte mesmo o vicepresidente da entidade provincial, Santos Ramos, mantivo un encontro cos participantes do obradoiro no Corgo. Ademais, deu a coñecer que con motivo da celebración o 16 de outubro do Día Mundial da Alimentación, o InLugo organizará até finais de ano 15 talleres distribuídos en todas as comarcas da provincia, así como dúas conferencias maxistrais sobre a importancia de mellorar as prácticas alimentarias a través das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).

Os obradoiros máis inmediatos celébranse este 27 de outubro (de 16.00 a 19.00 horas en Guitiriz), o 28 de outubro (pola tarde no salón de actos da Casa da Cultura en Pontenova) e o 31 de outubro (pola tarde no salón de actos da casa da Cultura de Trabada). Santos Ramos salientou na súa visita ao Corgo que “todos sabemos que unha boa alimentación é recomendábel en calquera etapa da vida, pero faise especialmente necesaria cando imos sumando anos”. Segundo fixo saber, o obxectivo de AlimentaTIC é, precisamente, “ensinar aos nosos maiores a coidar da súa saúde cunha dieta aconsellábel empregando as novas tecnoloxías”. Ademais de participar nestes obradoiros, nos que haberá postos con alimentos saudábeis para os asistentes, os maiores que acoden a AlimentaTIC teñen a súa disposición unha guía de alimentación en formato dixital co deseño, por exemplo, dun menú semanal axeitado ou con consellos para comer ben a prezos económicos.

27/10/201610:11
Casa intelixente da Fundación ONCE
A Coruña

A Fundación ONCE expón na Coruña unha casa intelixente, sustentable e accesible

  • A estancia, de máis de 100 metros cadrados, conta cun centenar de solucións tecnolóxicas para mostrar que a accesibilidade e a estética non están rifadas

 

Fundación ONCE presenta o vindeiro xoves, 27 de outubro, ás 12.00 horas, na Praza de María Pita da Coruña, unha casa intelixente, sustentable e accesible, para demostrar á sociedade que a accesibilidade é positiva para todos e que, ademais, non está rifada co bo gusto. 
 
A vivenda, de máis de 100 metros cadrados, poderá visitarse na Coruña desde o xoves 27 de outubro ata o 30 do mesmo mes, en horario de 10.30 a 20.30 horas.
 
Na súa presentación o xoves participarán Heriberto García, director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia; Coro Piñeiro Vázquez, directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidades da Xunta de Galicia; Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial de ONCE en Galicia; Manuel Martínez Pan, delegado territorial de ONCE en Galicia, e María Josefa Álvarez, directora adxunta de Accesibilidade Universal de Fundación ONCE.
 
Tras deixar A Coruña o domingo 30 de outubro, a estancia, que pasou xa por Madrid, Pamplona, Logroño, Bilbao, Santander e Xixón, e que se aloxa nun tráiler, visitará outras oito localidades españolas ao longo deste outono. 
 
Entre os avances que poden gozar os usuarios que se acheguen a vela figuran alfombras con detección de presenza; balizas Beepcons, desenvolvidas por ILUNION, que están especialmente deseñadas para facilitar ás persoas con discapacidade visual a identificación e localización dos obxectos próximos; a nova Smart TV de Samsung, que recibiu o premio CES 2016 Best of Innovation na categoría de tecnoloxía accesible; un secador corporal; un armario de almacenaxe motorizada; unha cociña con encimera regulable, ou unha mira dixital.
 
A vivenda está pensada para que a visiten profesionais do sector da edificación, escolas de deseño industrial, empresas relacionadas coa construción, o urbanismo, a accesibilidade e a domótica, administracións públicas, asociacións de persoas con discapacidade e sociedade en xeral. 
 
A casa, que conta con máis dun centenar de solucións tecnolóxicas, é unha iniciativa da Fundación ONCE posta en marcha no marco dun convenio subscrito co Real Padroado sobre Discapacidade para mostrar aos seus visitantes as posibilidades de construción e dotación de mobiliario nunha vivenda intelixente, accesible e sustentable, á vez que ofrecer solucións técnicas e tecnolóxicas a problemas de accesibilidade.
 
Dotada de salón, cociña/comedor, dormitorio, baño e hall de entrada, a estancia concibiuse baixo os criterios de confort, adaptación ás necesidades dos seus habitantes, facilidade de uso, seguridade, sustentabilidade e estética.

27/10/201610:02
App WhatsCine
Santiago de Compostela

WhatsCine, unha app que permite gozar do cinema a persoas con discapacidade sensorial, gaña a final de Apps para todos

  • A aplicación Wheris levou o premio á ‘Best New App', outorgado polo Concello de Sant Cugat do Vallès e dotado con 1.500 euros e LactApp gañou o premio ‘Most Popular App', concedido por COCEMFE Barcelona e dotado con 500 euros.

 

WhatsCine, unha app que permite a persoas con discapacidades auditivas e visuais ir ao cinema e ver a televisión en igualdade de condicións que o resto de usuarios, gañou o concurso Apps para todos impulsado por Cocemfe Barcelona e o Observatorio da Discapacidade Física (ODF) no marco de Smart City Hack (SCH16) para promover a accesibilidade no sector móbil.

O xurado considerou que WhatsCine merecía o premio de Best ‘App' outorgado pola Deputación de Barcelona e dotado con 3.000 euros. Maite Fandos, deputada de Benestar Social desta institución, foi a encargada de entregalo. Ademais, WhatsCine pasará á final de SCH que se celebrará en novembro na Smart City Expo, en Barcelona.

WhatsCine, unha app gratuíta desenvolvida para Android e iOS funciona da seguinte maneira: a app permite ao usuario acceder desde o seu terminal aos contidos accesibles para as películas: audiodescrición, subtítulo adaptado e linguaxe de signos, sincronizándose de maneira precisa coa emisión en pantalla grazas á tecnoloxía desenvolvida expresamente.

O segundo premio foi para Wheris, a quen o xurado recoñeceu como a mellor aplicación de nova creación concedéndolle o premio ‘Best New App' outorgado polo Concello de Sant Cugat do Vallès e dotado con 1.500 euros. Esta app terá a posibilidade de ser unha dos finalistas da Gran Final de SCH16.

Joana Barbany Freixa, tenente de alcalde de Innovación, Comunicación, Promoción Económica e Goberno Aberto do Concello de Sant Cugat, foi a encargada de entregar este premio dotado con 1.500 euros e outorgado por este concello.

Wheris é un sistema de recoñecemento de textos baseados na lectura de códigos invisibles impresos directamente sobre calquera soporte. O usuario non ten que apuntar o seu dispositivo cara a un punto concreto senón que éste recoñece todo o elemento impreso e recibe no seu terminal os textos ordenados e locutados. Desta maneira, calquera impreso pode ser ofrecido a persoas con discapacidade visual ou con necesidade de acceder a contido en lectura fácil.

A última premiada da velada foi LactApp, unha aplicación móbil capaz de detectar e ofrecer solucións personalizadas ás dificultades que poidan xurdir durante a lactación e que está desenvolvida para Android, iOS e HTML5. LactApp preséntase como un asistente persoal que axuda ás nais que queren dar o peito, axudándolles desde o embarazo ata que deciden deixar a lactación.

LactApp levou o premio do público ao ser a app máis votada en Twitter. Este premio, que a recoñece como ‘a Most Popular App', estivo outorgado por COCEMFE Barcelona con 500 euros e o encargado de dalo foi Daniel-Aníbal García Diego, Secretario de Organización de COCEMFE.

Ademais da entrega de premios, os asistentes tamén gozaron do keynote sobre accesibilidade móbil impartido por Ferrán Gállego, CTO en Code Factory.

Cidades humanas e accesibles

O obxectivo de Apps para todos foi que o desenvolvemento tecnolóxico das smart cities estea acompañado dun compoñente humano grazas ao cal, todas as persoas accedan á tecnoloxía, sexan cales sexan as súas circunstancias ou idade.

Apps para todos comezou o 18 de xuño cun ideathon para empezar a desenvolver as primeiras aplicacións accesibles e universais. Desde entón e ata onte, o proxecto pasou por diferentes etapas de desenvolvemento das apps e incorporación doutras novas. A chamada á participación pechouse en setembro con 50 apps presentadas ao concurso e 38 aceptadas das que quedaron as 10 que competiron onte na final.

Os requisitos demandados aos participantes que mellor cumpriron as finalistas foron: ser accesibles para todas as persoas, achegar unha proposta de valor para persoas con discapacidade, favorecer a inclusión de persoas con discapacidade auditiva, física, visual e motórica e finalmente encadrar nun destes temas: Turismo & Cultura, Mobilidade Urbana, Saúde & Benestar e Cidade Colaborativa.

Apps para todos conta coa colabración da Deputación de Barcelona , o Concello de Barcelona, a través do IMD, o Concello de Sant Cugat e a área Metropolitana de Barcelona; co apoio de OCU e con BLE , SlashMobility , Servimedia e PCatalà como media partners.

Máis información sobre WhatsCine na Web Oficial de APP CIRCUS.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS