main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

11/06/201807:57
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Aberta a convocatoria pública dos Proxectos de Transformación Dixital

  • A Comunidade "Conectados pola Accesibilidade" impulsa unha nova convocatoria para afrontar o reto da transformación dixital accesible aos colectivos con discapacidade.

 

"Conectados pola Accesibilidade" é unha comunidade de persoas, entidades e organizacións que serve de punto de encontro para conseguir, a través do uso de solucións e ferramentas TIC ser un referente para os procesos de Transformación Dixital nas contornas de vida das persoas con discapacidade que favorezan a súa plena inclusión e participación na nosa Sociedade.

Por elo, desde a Comunidade impúlsase a nova convocatoria dos Proxectos de Transformación Dixital, co obxectivo de apoiar novas iniciativas baseadas na innovación tecnolóxica aplicada ás persoas con discapacidade. O fin desta convocatoria, aberta ata o 15 de xullo, é aumentar a participación social e a visibilidade destes colectivos.

Na convocatoria poderán participar todas as entidades e federacións do ámbito da discapacidade que estean acollidas ao réxime fiscal especial previsto para este tipo de organizacións. Os proxectos deben presentarse conxuntamente en colaboración de dúas ou máis entidades e consistirán en poñer en práctica distintos escenarios de uso de novas solucións tecnolóxicas, tecnoloxía xa existente, ou que leve pequenas adaptacións da mesma. Ademais da innovación, valorarase entre outros criterios, a escalabilidade e sustentabilidade da solución.

A convocatoria conta cun orzamento total de 225.000€, no que cada candidatura pode recibir ata 15.000€, sendo seleccionadas ata un máximo de 15 proxectos.

Para presentar unha candidatura, será necesario cumprimentar o formulario on-line correspondente na web de Fundación Vodafone España, onde tamén se pode atopar toda a información sobre a convocatoria.

Máis información.

08/06/201809:33
Pantllazo da web www.juntoalautismo.org.
Santiago de Compostela

Xuntos pola inclusión social de persoas con TEA

Desde hai ano Orange e a Confederación Autismo España levan colaborando para poñer en marcha accións de divulgación, formación e distintos proxectos para favorecer ás persoas con trastorno do espectro autista (TEA). Agora, decidiron asinar un convenio marco de colaboración e poñer en marcha unha campaña que fomente o coñecemento social deste trastorno e promova a aceptación das persoas con TEA.

A campaña chámase #JuntoalAutismo e desenvolverase durante dous meses a través de seis vídeos nos que, a través de situacións cotiás, calquera persoa pódese poñer no lugar dunha persoa con TEA e reflexionar sobre o seu día a día.

Ademais, dentro da campaña, Orange e a confederación puxeron en marcha unha web, www.juntoalautismo.org, na que estarán dispoñibles os vídeos xunto a distinto material e información sobre este trastorno.

Na campaña participa tamén a Fundación Atresmedia, que tamén produciu e emitiu un anuncio televisivo nos seus medios para axudar na difusión desta iniciativa.

08/06/201808:39
Imaxe do interior dun quirófano.
Santiago de Compostela

Unha app con consellos médicos que une televisión e saúde

Hai uns anos puxéronse de moda as series de televisión sobre hospitais ou centros de saúde nas que en maior ou menor medida a ficción superaba á realidade, o que pode supoñer un prexuízo ás persoas cunha enfermidade crónica ou unha discapacidade que recibían información incompleta ou errónea sobre as súas patoloxías.

Con todo, a serie de RTVE "Centro Médico" quere converterse en todo o contrario, e para iso optou por utilizar a tecnoloxía para conectar coa súa audiencia e ofrecer consellos e respostas a preguntas que os usuarios poden ter sobre a súa enfermidade, discapacidade ou patoloxía.

Así, RTVE lanzou a aplicación Centro Médico na que ofrece estes consellos e información elaboradores por médicos, de maneira que se garante a súa rigorosidade, evitando que a ficción sexa un obstáculo para os usuarios.

Nesta app, os usuarios poderán atopar vídeos, consellos, respostas e curiosidades sobre as enfermidades e patoloxías que se tratan na serie, converténdose así nunha fonte fiable de información para os pacientes.

08/06/201808:34
Entrega de diplomas "Estamos prep@rados".
Santiago de Compostela

Down Compostela e a Fundación Vodafone España recoñecen a alumnos/as con síndrome de Down e discapacidade intelectual preparados para dar o salto ao mercado laboral

  • 8 mozos con discapacidade intelectual recibiron un diploma que acredita que están preparados para traballar nunha empresa ordinaria
  • Este ano recibiron formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 8 persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual de Down Compostela
  • Preto de 1.000 alumnos con discapacidade intelectual de toda España formaron parte do programa "Yo me prep@ro"

 

Este luns tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos "Estamos prep@rados", un acto de recoñecemento no que Down Compostela e a Fundación Vodafone España entregaron diplomas aos 8 mozos con síndrome de Down e discapacidade intelectual que superaron o programa "Yo me prep@ro" de formación en Novas Tecnoloxías. Con este certificado, ambas as entidades acreditan que os mozos adquiriron as destrezas nas TIC que lles permitirán formar parte do mercado laboral ordinario: manexar programas ofimáticos, usar diversas aplicacións móbiles ou navegar por Internet e mandar correos, entre outras habilidades.

Os encargados de repartir estes títulos foron as autoridades presentes, que tamén entregaron diplomas ás empresas participantes no programa polo seu apoio á inclusión laboral do colectivo. Estas empresas ofreceron aos alumnos a oportunidade de realizar prácticas formativas nas súas instalacións ou mesmo entrar a formar parte dos seus cadros de persoal. E é que a pesar de contar coa formación adecuada, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down do noso país puido demostrar a súa valía laboral; por iso, para o colectivo é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial local.

Tanto os mozos como os empresarios compartiron as súas experiencias, destacando as vantaxes que ofrece para as empresas contar con persoas con discapacidade intelectual entre os seus traballadores xa que, ademais de realizar as súas tarefas con meticulosidade e moita organización, melloran o clima laboral e transmiten alegría e optimismo aos seus compañeiros. Así, animaron a outras empresas a que aposten por políticas inclusivas que ofrezan oportunidades laborais a traballadores con esta discapacidade intelectual.

No acto interviñeron, a secretaria xeral de emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; a directora xeral de maiores e persoas con discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García; a de políticas sociais, diversidade, saúde e centros cívicos do Concello de Santiago, Concepción Fernández; o presidente da Fundación Down Compostela, Juan J. Martínez; e o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Jesús Sueiro.

O presidente da Fundación Down Compostela, quixo dar a benvida a todas as persoas asistentes e dar "os parabéns ás 8 persoas que acaban de terminar este curso de Fundación Vodafone España en Novas Tecnoloxías". "Desde o inicio desta formación, 32 mozos de Down Compostela puideron formarse en novas tecnoloxías e 12 deles conseguiron un contrato de traballo". Martínez quixo engadir que as persoas con síndrome de Down "son traballadores útiles capaces de achegar moito nunha sociedade tan complexa como a que vivimos" e que "a formación é imprescindible para conseguir un posto de traballo hoxe en día".

O responsable de Administracións Públicas da Fundación Vodafone España agradeceu a invitación a este acto poñendo de manifesto que "é unha honra estar hoxe aquí, na presentación dos resultados dun proxecto que comezou en 2013 entre a Fundación Vodafone España e Down España" e que se foi ampliando anualmente. "Desde a Fundación Vodafone España queremos ofrecer as ferramentas necesarias para que as persoas con síndrome de Down adquiran os coñecementos necesarios que faciliten a súa inclusión no mundo laboral". Sueiro destacou que "desde o inicio da formación "Yo me prep@ro" case 1.000 mozos participaron no mesmo e 322 conseguiron un emprego" e quixo reivindicar "máis iniciativas como esta" por ser "sumamente importantes para que todos os colectivos teñan a súa oportunidade".

Pola súa banda, a directora xeral de maiores e persoas con discapacidade quixo "agradecer á Fundación Down Compostela que contasen coa Administración Autonómica nun acto destas características" e "felicitar ás empresas que fan posible a inclusión laboral para que se converta nunha realidade máis palpable". Quixo pechar a súa intervención destacando que "aínda queda moito camiño por andar en canto á inclusión laboral".

Durante a súa intervención, a concelleira de políticas sociais, diversidade, saúde e centros cívicos do Concello de Santiago deu os "parabéns aos participantes tras máis de 700 horas de esforzo e traballo" e destacou a importancia deste tipo de iniciativas colaborativas. Fernández deixou constancia de que "a educación é o mellor investimento que pode facer unha sociedade, xa que é o mellor camiño para lograr a inclusión laboral e a igualdade de oportunidades".

Para pechar a quenda de intervencións, a secretaria xeral de emprego da Xunta de Galicia resaltou que "falar de emprego é falar de cooperación, de formación e de capacitación". Tamén quixo facer fincapé na necesidade de "programas como este porque hai que traballar porque todos e todas teñamos unha vida digna".

Tras as intervencións institucionais, tivo lugar a mesa de experiencias, na que os responsables da cervexaría-tapería Milongas expuxeron as súas impresións tras a contratación de Daniel Pombo, usuario da Fundación Down Compostela, como axudante de camareiro.

Así, José e Mariano Rivas destacaron que a experiencia está a ser "boísima" e que a idea de contratar a unha persoa con síndrome de Down xurdiu tras ler nun xornal local "unha nova sobre outra empresa contratante". "É impresionante ver como se esforzan en conseguir as cousas". Ademais, quixeron destacar o traballo dos preparadores laborais da Fundación porque "fixeron un traballo espectacular".

Marcos Reimunde, responsable de Recursos Humanos de Milongas, destacou que "é unha aprendizaxe continua no que ves a súa ilusión e as súas ganas de traballar".

Por último, Daniel Pombo, explicou o seu día a día no local onde  o seu traballo consiste "en atender aos clientes, servir e recoller mesas, montar a terraza, cambiar as cartas de almorzos polas de comida, revisar os baños, montar as mesas de comedor, encher os servilleteros, varrer e fregar o almacén e calquera outra tarefa que me manden".  O mozo confesou que "este é o meu primeiro traballo e grazas a Mariano e a Jose cumprín un soño. Ben, varios soños: conseguir un traballo, ser camareiro, gañar o meu propio diñeiro e poder seguir soñando. Agora tócame pensar en que me vou a gastar o diñeiro".

 

O programa "Yo me prep@ro". 

O obxectivo do programa "Yo me prep@ro", que celebra a súa cuarta edición, é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudalos a salvar a fenda dixital que os pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Nesta edición recibiron formación en novas tecnoloxías 8 usuarios de Down Compostela, que adquiriron as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado. Estes alumnos de Santiago de Compostela sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 960 mozos que recibirán esta formación en toda España.

Na súa formación contan co apoio de catro novos vídeo-tutoriais que a través dunha linguaxe sinxela e accesible, reforzarán os coñecementos ofrecidos no proxecto, e permitirán a calquera usuario comprender como se obtén e para que serve o DNI electrónico, descargar apps para Smartphone ou manexar con soltura aplicacións como WhatsApp.

Tras o éxito de anteriores edicións o proxecto afronta este cuarto ano a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas: sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, "Yo me prep@ro" conseguiría durante os seus catro anos de execución un total de 319 insercións laborais en empresas ordinarias de todo o país.

08/06/201808:17
Presentación do Cetiss.
Santiago de Compostela

O futuro Cetiss impulsará a transformación dixital no ámbito sociosanitario

  • A Xunta e Indra asinaron un convenio para poñer en marcha, este verán, o Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias

 

A Xunta de Galicia e Indra, unha das principais compañías globais de tecnoloxía consultoría, formalizaron o seu acordo para a posta en marcha, nas instalacións da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias (Cetiss), cuxo fin é impulsar a transformación dixital dos servizos sociais e de saúde. Así, será posible a innovación en campos como o envellecemento activo, o cartón social, o fogar dixital ou a alimentación saudable.

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Indra, Fernando Abril-Martorell, foron os encargados de formalizar a firma deste acordo.

 

Neste contexto, Feijóo aseverou que este centro, que comezará a súa andaina o próximo mes de agosto, concentrará coñecemento e actividades de innovación tecnolóxica para afrontar e dar resposta aos retos nestas áreas.

 

Innovación tecnolóxica

O Cetiss nace co obxectivo de concentrar coñecemento e actividades de desenvolvemento e innovación tecnolóxica de diversas áreas sociosanitarias. Concíbese, así mesmo, como un centro demostrador de produtos e solucións orientados a mellorar a asistencia e calidade de vida dos cidadáns, nalgúns dos cales Indra e a Xunta xa están a traballar actualmente. É o caso de Fogar Dixital, que permite abordar un modelo de control teleasistido e proactivo aos pacientes crónicos, facilitando a detección temperá de posibles empeoramentos de saúde e evitando desprazamentos. Tamén é relevante, neste ámbito, o desenvolvemento da Historia Social Única, que contribuirá a axilizar a tramitación dos servizos e prestacións e a prestar unha atención máis personalizada.

 

Outro importante fin do Cetiss será o de actuar como elemento dinamizador para a creación dunha comunidade estable entre empresa, universidade, institucións sanitarias e centros de I+D+i galegos, que promova a mellora continua e a innovación establecendo marcos de relación entre os diferentes axentes involucrados, tanto a nivel local como internacional.   

 

Esta iniciativa enmárcase no Pacto para o desenvolvemento Dixital de Galicia que asinou a Amtega en 2013 coas principais empresas TIC con presenza nesta comunidade autónoma. O seu obxectivo é establecer un compromiso de cooperación firme entre a Xunta e o sector TIC para converter ao sector da economía do coñecemento nun dos motores da economía galega.

 

O presidente galego destacou que con este convenio para crear o Cetiss, no que traballarán entre 35 e 50 persoas, súmase unha nova iniciativa que consolida a Cidade da Cultura como "polo dixital de Galicia". Ademais, incidiu en que todas son iniciativas que tratan de mellorar o día a día dos cidadáns e de xerar oportunidades na Comunidade Autónoma.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS