main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/08/201908:33
Impresora 3D.
Lugo

Makers Lugo organiza este sábado un obradoiro de montaxe de impresión 3D

Este sábado 3 de agosto temos en Lugo unha nova cita coas vertentes máis construtivas e participativas das novas tecnoloxías. Estamos a falar do obradoiro de montaxe de impresoras 3D con Ender 3 que organiza a asociación Makers Lugo, en horario de 10.30 a 13.30 horas. Está previsto complementar o taller de montaxe cunha serie de actividades abertas a todos os públicos que terán o obxectivo común de formar aos participantes en deseño e impresión 3D. 

Ao longo da xornada o programa da asociación pasa polo seguinte: montar tres impresoras da marca Creality, máis polo miúdo do modelo Ender 3. Os aparellos resultantes do traballo colectivo ficarán no local de Makers Lugo para usos posteriores, complementando o labor de divulgación e experimentación achegado pola impresora 3D coa que xa conta o colectivo. A intención é tirar partido de todos estes enxeños para elaborar o planningformativo do ano nas devanditas materias. 

Makers.lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, co ánimo de contribuír á construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre. Dende a asociación organizan quedadas, obradoiros e charlas para introducir á xente no movemento Maker e nas súas amplas posibilidades de desenvolvemento, participación e democratización da tecnoloxía e a innovación.

01/08/201918:35
Man sostendo un smartphone coa app Instagram en pantalla.
Lugo

O Concello de Lugo pecha mañá o prazo para inscribirnos no curso Aprende a ser Instagramer

Concello de Lugo ampliou até mañá, dous de agosto, o prazo para inscribirnos no curso Aprende a ser Instagramer, que organiza o Goberno local (área de Novas Tecnoloxías) a través da iniciativa Tecnoloxíza-T. O curso, que se levará a cabo no Edificio de Novas Tecnoloxías emprazado en pleno casco antigo da cidade da Muralla, é cen por cen de balde e diríxese a mostrarnos as oportunidades, desafíos e modos de emprego de Instagram, a popular rede social de fotografía e vídeos, cada vez máis usada non só con fins creativos e comunicativos, senón tamén como instrumento de primeira orde para complementar un currículo e impulsar a nosa empregabilidade e os nosos contactos. 

O horario do curso é de luns a venres de 11.00h a 13.00h, do 5 ó 9 de agosto. O número total de prazas é de 15, para menores de idades comprendidas entre 14 e 16 anos. O obradoiro está encamiñado a usuarios/as cun nivel informático medio. Como dixemos, forma parte do programa Tecnoloxíza-T do Concello de Lugo, que foi presentado o pasado mes de maio pola concelleira Rosana Rielo e que vén constituído, este ano, por un total de 19 e obradoiros, con 225 prazas, a desenvolver na Aula do Castiñeiro e na de María Balteira, así como no Edificio de Novas Tecnoloxías. O obxectivo: mellorar os coñecementos da cidadanía no eido das TIC e as súas múltiples e variadas vertentes.

01/08/201914:26
Ovidio Rodeiro e dúas persoas máis durante a visita.
Arzúa

Nove empresas e autónomos da comarca de Santiago terán acceso a internet de ata 600Mpbs grazas ao Plan de Banda larga da Xunta

  • A Amtega ven de adxudicar máis de 360.000 euros para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas a 25 empresas e autónomos de zonas illadas da provincia da Coruña

 

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá, a empresa Estación de Servizo J.R Vilariño, unha das empresas beneficiadas polas axudas da última convocatoria para dotar de banda larga ultrarrápida ás empresas illadas, da que se beneficiaron un total de 25 empresas da provincia da Coruña de 17 concellos distintos.

Este plan subvenciona entre o 70 % e 100 % dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 € por proxecto. O custo mínimo do proxecto será de 2.000 €. Cun importe total de máis de 360.000 euros na provincia a Axencia autonómica apoia económicamente para que as empresas teñan acceso a redes de entre 30 e 600Mbps.

Ovidio Rodeiro destacou que concretamente na comarca de Santiago beneficiáronse destas achegas 9 empresas dos concellos de Melide, Arzúa, O Pino, Val do Dudra, Frades e Toques. Estas axudas, que ascenden nesta área a 135.000 euros, están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Máis de 130 polígonos con máis de 100Mbps

A primeira medida deste Plan foi a mellora da conectividade nos polígonos industriais. En colaboración co operador R facilitouse a cobertura de redes de 350Mbps a 81 que albergan a máis de 1.750 empresas en Galicia. Para conseguilo instaláronse un total de 55 centrais de cabeceira de fibra óptica que permiten, non só atender aos polígonos, senón tamén estender estes servizos de banda larga ultrarrápida ás poboacións próximas a estas centrais.

Estes 81 polígonos cubertos, sumados aos que xa dispoñían de cobertura ou foron cubertos polos operadores, fan un total de 131 polígonos con acceso a redes de máis de 100 Mbps, que concentran o 93% da superficie empresarial ocupada.

Estas actuacións contribúen a eliminar a barreira existente á hora de contratar servizos axeitados de alta velocidade por parte das empresas e autónomos situados en zonas illadas que non dispoñen desta cobertura. Nos últimos catro anos incrementáronse en máis dun 72% as contratacións de servizos de máis de 30Mbps entre as pemes e as grandes empresas galegas

A mellora da conectividade do tecido empresarial é unha das liñas de actuación do Plan de Banda Larga 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). En catro anos as medidas do Plan posibilitaron o acceso a redes de ata 600Mbps a máis de 1.750 empresas de 81 polígonos industriais e outras máis de 80 situadas fora destas áreas.

O Plan de Banda larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta e asume os obxectivos de Europa, complementando as actuacións do Estado. A Axenda Dixital para Europa establece o deber de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30 Mbps para a totalidade da poboación.

01/08/201909:13
Cartel do evento.
A Coruña

Os obradoiros de CreaR complementarán o Mercado da Colleita da Coruña

A rapazada que queira dar o paso de usuaria a desenvolvedora de tecnoloxías vai ter unha boa oportunidade para facer evolucionar os seus coñecementos prácticos TIC da man da operadora galega R. Ao abeiro do seu proxecto educativo-tecnolóxico CreaR para pequenos e maiores, a segunda fin de semana de agosto (o sábado 10 e o domingo 11) celebrarase na Coruña unha nova edición dos obradoiros de robótica e as charlas didácticas da operadora. Será no marco da Mercado da Colleita da Coruña e a través desta cita porase o foco nas posibilidades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se se fai un bo uso delas

A presenza de R no Mercado ten que ver cunha temática que é lindeira da innovación e a calidade: a sustentabilidade. En base a isto, informa a operadora, “este ano quixemos que os peques da casa tivesen unha participación máis activa a prol da contorna natural”. Por iso, nunha edición estival desta acción lúdica e didáctica, os nenos poderán redeseñar o medio co apoio da súa creatividade. Utilizando materiais naturais (terra, area, palla e auga) construirán estruturas ou espazos de xogo e aprenderán a facer unha casa ou calquera outro elemento sustentable mediante a técnica da bioconstrución. Os obradoiros, para un máximo de 20 nenos por sesión, desenvolveranse nas mañás do sábado 10 e domingo 11 de agosto, organizados en dúas quendas: para nen@s de 5 a 7 anos, de 11:00 a 12:00 h; e para nen@s de 8 a 10 anos, de 12:00 a 13:00 h. 

Para formalizar a inscrición nas actividades, cómpre que nos acheguemos a recoller a nosa entrada, previo convite, na tenda R da rúa Compostela, 8 da Coruña (de luns a venres, de 10:00 a14:00 h e de 17:00 a 20:30 h; e os sábados, de 10:00 a 14:00 h). Ademais dos talleres CreaR, no Mercado da Colleita a compañía de cable celebrará neste marco outras actividades abertas a todo o mundo, para as que non será preciso dispoñer de convite previo. “Así”, explica a empresa, “viaxaremos no tempo con xogos tradicionais coma, entre outros, caldeiros colgados, carreiras de tartarugas ou carreiras de coches”. No espazo de R, ademais, “os non tan peques poderán evocar a súa nenez botando man dalgún dos xogos populares de toda a vida”.

Digitalent 2020

Os obradoiros CreaR son outra das accións de R como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia e colaborador do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (Digitalent), que desenvolve a Xunta de Galicia a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).

01/08/201909:08
Mans sostendo títulos de gradación.
Madrid

O CESyA e a UC3M impartirán un curso de accesibilidade audiovisual

  • O curso de accesibilidade audiovisual e subtitulado terá lugar do 1 de outubro ao 30 de novembro.

 

Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción (CESyA) e a Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), ofertarán o curso de accesibilidade audiovisual: as claves do subtitulado, que será impartido do 1 outubro ao 30 de novembro de 2019.

CESyA, centro dependente do Real Padroado sobre Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, xestionado pola UC3M, ofrecerá un curso de accesibilidade audiovisual e subtitulado, que terá lugar do 1 de outubro ao 30 de novembro. O período de admisión finalizará o 23 de setembro.

Obxectivo do curso de accesibilidade audiovisual

O obxectivo desta formación é concienciar aos novos profesionais da comunicación, a tradución e o xornalismo para que comprendan a necesidade de crear contidos accesibles para as persoas con discapacidade auditiva.

Estes estudos online realizaranse de forma telemática a través da plataforma de ensino virtual Aula Global, que conterá tanto os contidos teóricos como as tarefas prácticas.

Para a realización dos exercicios do curso de accesibilidade audiovisual, utilizaranse ferramentas informáticas de software libre que non requiran a adquisición de licenzas.

O profesorado estará composto polos investigadores do CESyA, Israel González (departamento de Informática da UC3M), Mónica Souto e Gonzalo Martín.

Os docentes realizarán un seguimento de cada alumno mediante a corrección dos traballos realizados, estando sempre dispoñibles para resolver dúbidas ou cuestións relacionadas coa temática do curso.

Máis información sobre o curso e a matriculación: Web da UC3M

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS