main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/10/201908:43
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Máis de medio cento de escolares, docentes, nais e pais asistiron ao V Scratch Day

Un grupo de máis de medio cento de persoas, entre escolares, docentes, nais e pais participaron onte no V Scratch Day, unha iniciativa do CPETIG coa colaboración da AMTEGA, dirixida a escolares de entre 7 e 15 anos, que asistiron acompañados de nais ou pais, para aprender a programar co seu ordenador. Foi unha sesión práctica, no hotel Los Abetos de Compostela, na que houbo aprendizaxe e entretemento, complementada cun taller dirixido ao profesorado no que participaron unha ducia de docentes.

A presenza na actividade de nais, pais e docentes ten como finalidade que o coñecemento adquirido no Scratch Day poida ter continuidade tanto nos fogares como nas aulas.

A actividade foi impartida por Rockbotic Galicia, unha empresa de robótica educativa que introduce aos escolares na programación e ao profesorado nas destrezas necesarias para utilizar o Scratch nas aulas con todas as súas posibilidades e facer as clases moito máis creativas. Como novidade sobre anteriores edicións, os escolares traballaron esta vez con elementos hardware, aprendendo a programar accións sinxelas destes elementos e presenciando demostracións prácticas dos mesmos.

O interese das nenas pola programación: superando estereotipos

O Scratch Day chegou onte á súa 5ª edición co obxectivo de difundir os valores da programación informática desde idades temperás no entorno da familia, de xeito que os escolares acceden ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tendo en conta que a través da programación se incentiva a creatividade e o emprendemento e mellora a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas.

A numerosa presenza de nenas nesta actividade pon de relevo que iniciativas como esta, desenvolvida polo CPETIG, contribúen a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, á vez que se difunden as posibilidades que ofrecen as TIC no eido educativo e se reduce a fenda dixital de xénero.

25/10/201918:45
Nava Castro con outros participantes nas xornadas celebradas en Málaga.
Málaga

Nava Castro salienta en Málaga o papel do Camiño de Santiago para dinamizar a España interior e os traballos para contribuír a facelo máis accesible

  • A directora de Turismo de Galicia participou hoxe en diferentes foros profesionais onde expuxo a Ruta Xacobea como exemplo de xestión turística e afondou nas necesidades e avances para contribuír a que sexa máis inclusiva

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Málaga en diferentes encontros profesionais nos que puxo de manifesto a capacidade do Camiño de Santiago para impulsar o rural galego e a oportunidade que ofrecen as tecnoloxías para garantir unha ruta máis inclusiva.

Nava Castro impartiu a conferencia inaugural nas II Xornadas de Emprendemento, organizadas pola Universidade Internacional de Andalucía, co relatorio Turismo cultural como motor de desenvolvemento: o Camiño de Santiago.

O impacto da ruta sobre as economías dos concellos de Galicia, a súa repercusión no emprego, as tendencias demográficas, así como diferentes aspectos culturais e sociais foron algúns dos temas que expuxo. Incidiu, ademais, en itinerarios como a Vía da Prata, que parte de Andalucía, como unha das rutas que presenta un maior potencial de crecemento, especialmente de cara ao ano 2021, e capacidade para dinamizar a España interior.

Tamén participou no Congreso Internacional Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade da Fundación ONCE na mesa redonda Camiño de Santiago inclusivo. Durante a súa intervención puxo de manifesto o traballo levado a cabo para facer da Ruta Xacobea un itinerario cada vez máis accesible. Referiuse ao convenio asinado coa Fundación ONCE co que se implementará unha solución dixital para que as persoas invidentes ou con problemas de visión poidan recorrer as etapas de forma autónoma.

Do mesmo xeito, expuxo a importancia de dar unha hospitalidade inclusiva e puxo de manifesto o traballo levado a cabo na rede pública de albergues con distintas medidas físicas postas en marcha como habitacións e aseos para persoas con mobilidade reducida, sinalización táctil e colocación de máis de 1.600 placas identificativas.

25/10/201915:08
Participantes no encontro.
Baiona

A Xunta aposta pola formación e a incorporación das competencias dixitais para contar cunha Galicia máis preparada

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Baiona no XVIII Encontro galego de relacións laborais
  • A Consellería destinará en 2020 un total de 260M€ para mellorar a cualificación e empregabilidade dos galegos e galegas
  • Avoga por un traballo conxunto de todos os axentes para afrontar os novos retos do mercado laboral para seguir reinventando a formación e a integración de mellores profesionais nas empresas

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Baiona no XVIII Encontro galego de relacións laborais centrado nas novas tecnoloxías no mercado laboral, no que destacou a importancia de apostar pola formación e pola incorporación das competencias dixitais para contar cunha Galicia máis preparada.

Na súa intervención o conselleiro reflexionou sobre o novo paradigma laboral de continua dixitalización e robotización do traballo e subliñou que a incorporación desas novas tecnoloxías debe realizarse coa maior naturalidade posible xa que son o presente desta cuarta revolución industrial. Unha transformación que permite un novo xeito de entender a actividade produtiva e que favorecerá o nacemento de novas profesións que aínda non existen.

Por este motivo, a Xunta está centrada en redobrar o esforzo para ofrecer unha formación que responda ás necesidades actuais, continua e dual, dando prioridade ás competencias tecnolóxicas. Neste sentido, o orzamento do ano 2020 reservará 260M€ para contar cunha Galicia máis preparada, dando continuidade a medidas como o Plan Galego de Formación; e incluíndo iniciativas como un programa dual de emprego para menores de 30 anos ou TécnicAs para impulsar a través da formación, unha maior presenza das mulleres na industria.

Conde finalizou convidando a todos os axentes a sumarse a un traballo conxunto para afrontar os novos retos do mercado laboral para seguir reinventando a formación e a integración de mellores profesionais nas empresas.

25/10/201914:30
Momento da mesa redonda.
Málaga

O Camiño de Santiago, protagonista no Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo da Fundación ONCE

O Camiño de Santiago foi un dos temas protagonistas do Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo da Fundación ONCE, que se clausurou este venres en Málaga e que abordou, ademais, aspectos como o da mobilidade de pasaxeiros no futuro ou o da axuda que poden supoñer os robots a persoas maiores ou con discapacidade.

O encontro dedicou este venres una das súas mesas redondas a presentar "O Camiño de Santiago para todos", unha iniciativa coa que a Fundación ONCE pretende facilitar a peregrinación ás persoas con discapacidade amantes deste tipo de aventuras.

 

Na mesa, titulada "Camiño de Santiago inclusivo", a Fundación ONCE informou das actuacións que está a levar a cabo para facer posible que as persoas con discapacidade sexan tamén peregrinas se o desexan.

 

Neste contexto, a entidade presentou a aplicación "Camiño de Santiago", unha iniciativa impulsada coa colaboración de Microsoft para que as persoas con discapacidade visual poidan percorrer autónomamente algunhas etapas do Camiño Francés.

 

"O Camiño de Santiago para todos" é un proxecto concibido para mellorar a accesibilidade dos distintos camiños, empezando polo francés, o máis visitado polos peregrinos, que inclúe unha aplicación móbil con información accesible e fácil de entender, orientada especialmente ás persoas con discapacidade. 

 

Moderada por Mercè Luz, xefa do Departamento de Cultura e Lecer da Fundación ONCE, a mesa contou coa participación de Jarnail Chudge, arquitecto de deseño e innovación de Microsoft AI; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Rafael Olmedo, CEO de GEKO NAVSAT, e Carlos Busto, responsable da área informática do Centro de Información Xeográfica.

 

Todos eles fixeron referencia á importancia de ter ás novas tecnoloxías como aliadas tamén no sector turístico, porque, como demostra a app do Camiño de Santiago inclusivo, poden ser útiles en toda a cadea da viaxe e mesmo en ámbitos como o dos percorridos de peregrinación.

25/10/201912:07
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Até 60 persoas participarán este sábado no quinto Scratch Day do CPETIG

Arredor de 60 persoas, entre escolares e adultos, van participar este sábado na quinta edición do Scratch Day que organiza novamente o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), no Hotel Los Abetos de Compostela. A cita, que se convoca en colaboración con AMTEGA, será unha oportunidade inmellorable para que a nosa rapazada de entre 7 e 15 anos aprenda a programar co seu ordenador.

Para acadado, mostraranse aos participantes as utilidades de Scratch, unha linguaxe visual de programación moi indicada para introducir ás nenas e nenos nas vertentes tecnolóxicas máis creativas (polo que ten sinxeleza e de capacidade para impulsar a creatividade e o pensamento lóxico). Segundo informa o CPETIG, trátase dunha sesión práctica, na que se mestura aprendizaxe e entretemento, e na que a cativada debe asistir acompañada polos pais ou as nais, é dicir, un adulto con cada escolar, “co propósito de que o coñecemento adquirido no Scratch Day poida ter continuidade no fogar”.

A edición deste ano inclúe tamén un obradoiro dirixido ao profesorado. Como novidade con respecto ás anteriores edicións, os escolares participantes (que deben levar ordenador portátil) traballarán esta vez con elementos hardware, aprendendo a programar accións sinxelas destes elementos e presenciando demostracións prácticas dos mesmos. O V Scratch Day ten como obxectivo “difundir os valores da programación informática desde idades temperás no entorno da familia, de xeito que os escolares poden acceder ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tendo en conta que a través da programación se incentiva a creatividade, o emprendemento e a cultura libre, e mellora a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas”. 

A maiores, o CPETIG pretende que “esta iniciativa contribúa a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital de xénero”. Máis información e inscricións en http://scratchday.cpetig.gal.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS